O Sergas deberá pagar 200.000 euros por diagnosticar de xordeira e operar a un neno que era autista

Campaña de sensibilización da Federación Autismo Galicia © Federación Autismo Galicia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar o Sergas a indemnizar con 200.000 euros a un menor que cando tiña dous anos e medio foi diagnosticado de “unha xordeira total e incurable”, sendo posteriormente operado, cando en realidade era autista. Os maxistrados estimaron en parte o recurso de apelación interposto polo pai do menor contra a sentenza inicial ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense, que fixara a indemnización en 150.000 euros. 

“Atopámonos ante un claro suposto de erro de diagnóstico provocado por unha equivocada interpretación dos resultados da proba de potenciais auditivos no seu día practicada. En definitiva, non se descartaron, como era obrigado, outras patoloxías mediante probas complementarias de tipo psicolóxico, neurolóxico ou audiométrico”, salienta a sentenza.

Ao menor practicáronselle dúas intervencións, efectuándoselle o baleirado dun dos oídos para, posteriormente, colocarlle o implante 

O caso ocorreu no ano 2002. Baseándose en informes médicos privados, “sen esgotar os medios de diagnóstico e na crenza de que os emitidos privadamente eran acertados” -lese no ditame do TSXG- o Sergas decidiu colocar un implante nun dos seus oídos. Ao menor practicáronselle posteriormente dúas intervencións, en decembro de 2004 e en febreiro de 2005, no Complexo Hospitalario de Vigo, efectuándoselle o baleirado dun dos oídos para, posteriormente, colocarlle o implante. 

A finais de 2006, unha das súas mestras comezou a sospeitar que non era xordo, ante o que o Sergas decidiu remitir ao neno a un centro especializado de Barcelona, onde determinaron que era autista. A sentenza destaca que a audición no oído non baleirado era completa, mentres que no outro o implante provocara a súa perda definitiva.

As operacións realizáronse no Complexo Hospitalario de Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

O TSXG argumenta que "non se discute nin a dilixencia no tempo da asistencia nin a tecnoloxía aplicada; o que está en valor é o manifesto erro de diagnóstico respecto da doenza que presentaba o menor”. O tribunal salienta que neste caso “non nos achamos ante unha perda de oportunidade, senón ante uns sucesivos e crasos erros médicos" que "provocaron o resultado lesivo”.

O tribunal salienta que “non nos achamos ante unha perda de oportunidade, senón ante uns sucesivos e crasos erros médicos" que "provocaron o resultado lesivo”

A sala difire do xuíz de primeira instancia á hora de establecer a contía da indemnización, que estima “insuficiente”. Así, explica no ditame que o menor foi sometido a dúas intervencións cirúrxicas, “co sufrimento que iso comporta, tempo de hospitalización, inadaptación ao implante e, en definitiva, perda da audición dun oído san polo seu baleirado”. Un "agresivo" proceso médico que era "superfluo", ao non padecer o neno a doenza que, erroneamente, lle diagnosticaran. O TSXG conclúe que, ao tratarse dun suposto de mala praxe médico-asistencial, é “obvio” que a indemnización debe tender “á integra reparación do dano padecido”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.