O Sergas notifica dez casos máis de coronavirus nunha xornada sen diagnósticos novos por primeira vez dende o 12 de marzo

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Por primeira vez dende o 12 de marzo Galicia non rexistrou nas últimas 24 horas ningún novo diagnóstico de coronavirus. Na información facilitada polo Ministerio de Sanidade, correspondente á situación existente ata a medianoite deste domingo, Galicia non suma ningún novo positivo detectado por PCR, a proba máis fiable. Nos datos achegados pola Xunta, no entanto, o número de casos aumenta en dez, correspondentes a xornadas anteriores.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días descende en Galicia ata os 2,96 casos por cada 100.000 habitantes, o que converte a Galicia na cuarta comunidade autónoma cunha menor incidencia, só por detrás de Andalucía, Canarias e Asturias. A media española fica en 14,56.

Este luns aparecen algunhas "discrepancias" con respecto aos datos globais "resultado da validación dos mesmos por parte das comunidades autónomas". Fernando Simón explicou que estas diferenzas se deben correccións das series, eliminación de duplicidades ou a casos de falecidos que non son confirmados

Este luns o informe diario do Ministerio de Sanidade muda a súa presentación e metodoloxía, axustándose ao novo protocolo de diagnóstico, vixilancia e control da pandemia, que entrou en vigor o pasado 11 de maio e que xa inclúe 14 días de datos. Ata o pasado 10 de maio, o informe realizábase cos datos notificados diariamente de forma agregada polas comunidades autónomas. Porén, dende o 11 de maio as comunidades autónomas deben notificar os casos confirmados de forma individualizada e diariamente

En rolda de prensa, Fernando Simón destacou que con este sistema de vixilancia "temos información individualizada de cada caso, de cada comunidade autónoma". Tamén subliñou que "ata hoxe estabamos dando datos de novas notificacións" pero que "hoxe podemos dar datos de novos diagnosticados nas últimas 24 horas" pois "unha notificación podía ser de datos de había días". 

Combinados os datos de ambos os dous métodos de vixilancia aparecen algunhas "discrepancias" con respecto aos datos globais "resultado da validación dos mesmos por parte das comunidades autónomas". O Ministerio de Sanidade advirte de que estas discrepancias "poderían persistir aínda algúns días", á espera de que sexan validados por cada Goberno territorial. Simón explicou que estas diferenzas se deben "a diversos factores; estamos corrixindo as series, eliminando as duplicidades ou casos de falecidos que non son confirmados e que polo tanto hai que poñelos noutro paquete".

Hai tamén pequenas variacións no número total de falecementos, que pasan de 614 a 607. A Xunta, no entanto, segue ofrecendo a cifra de 614 falecidos totais por coronvirus

No caso galego, por exemplo, o número total de positivos detectados por PCR, que este luns non engade ningún caso máis, descende dende os 9.105 aos 9.079. Hai tamén pequenas variacións no número total de falecementos, que pasan de 614 a 607. A Xunta, no entanto, segue ofrecendo a cifra de 614 falecidos totais por coronvirus. Varía, igualmente, o número total de persoas hospitalizadas dende o inicio da crise (de 2.958 a 2.916) e ingresadas nas UCI (de 336 a 328).

No conxunto de España as variacións son maiores, cunha "discrepancia" de ao redor de dous mil falecementos entre a cifra difundida este domingo (28.752) e a deste luns (26.834), que afecta sobre todo aos datos de Cataluña.

Galicia suma 26 positivos nos últimos sete días e só 3 novos positivos diagnosticados con data de inicio de síntomas na última semana

Os datos publicados este luns comezan a ofrecer indicadores que ata agora non eran públicos, como a incidencia acumulada nos últimos 7 días ou o número de casos diagnosticados con data de inicio de síntomas nos últimos 14 días e 7 días, datos que poden ser importantes para valorar o posible rebrote da enfermidade nalgún territorio e que amosan os contaxios producidos nos últimos días. Neste caso, Galicia suma unicamente 26 positivos nos últimos sete días. Ademais, rexistra só 3 novos positivos diagnosticados con data de inicio de síntomas na última semana.

Ademais dos datos difundidos diariamente polo Ministerio de Sanidade -achegados previamente por cada comunidade autónoma-, e que reflicten a situación esxistente ás doce da noite do día anterior, a Consellería de Sanidade tamén proporciona cada mañá unha serie de indicadores, referidos neste caso ás oito da tarde da xornada precedentes. 

Entre eles, o Sergas informca dos "casos activos", existentes isto é, do total de persoas que deron positivo e que aínda non son consideradas como "recuperadas" ao dar negativo noutro test. Este indicador, que baixou de mil persoas hai uns días, mantén a súa tendencia á baixa, situándose este luns nos 854 casos. O Sergas informa tamén dun novo falecemento, que eleva a cifra total en Galicia ata os 614

A Xunta informa tamén do número de persoas que dá por "curadas", aínda que neste indicador se inclúen tamén os test de anticorpos negativos, que non en todos os casos se refiren a persoas que pasasen a enfermidade. Esta cifra continúa a ascender, día a día, chegando este luns ata as 9.740, 24 máis que o domingo. Dende o inicio da actual crise, o número acumulado de persoas que deron positivo pola covid-19 ascende ás 11.208.

 Nestes momentos, 11 pacientes con coronavirus permanecen nas UCI dos hospitais galegos e outros 60 están ingresados en unidades hospitalarias convencionais 

A cifra de 'casos activos' está composta tanto por pacientes hospitalizados como por persoas con sintomatoloxía leve que pasan a enfermidade nos seus domicilios. Nestes momentos, 11 pacientes con coronavirus permanecen nas UCI dos hospitais galegos (a cifra chegou a ser de 177 a comezos de abril) e outros 60 están ingresados en unidades hospitalarias convencionais (o máximo acadouse o 6 de abril con 939). Cómpre ter en conta que este desencenso nos datos non implica necesariamente que se desocupen estas camas, senón que pode darse o caso de que as persoas ingresadas desaparecen da estatística cando dan negativo na covid-19, aínda que sigan hospitalizadas máis tempo.

Mellora tamén a situación nas residencias, que suman 155 casos activos de coronavirus, principalmente nos centros da terceira idade (60 entre os usuarios e 53 entre o persoal). Nos centros de atención á discapacidade hai outros 22 casos, entre persoas usuarias e traballadoras. Dende o inicio da crise faleceron 272 persoas nas residencias da terceira idade.

En canto á información das distintas áreas sanitarias galegas, todas elas continúan a mellorar os seus datos, aínda que nalgúns casos o descenso prodúcese en forma de serra, con algúns pequenos incrementos puntuais nalgunha xornada, como é o caso de Ourense, hoxe. Dos 854 casos activos de coronavirus, 207 son da área da Coruña, 58 da de Lugo, 127 da de Ourense, 36 da de Pontevedra, 255 da área de Vigo, 145 da de Santiago, e 26 da de Ferrol.

A área sanitaria viguesa é a que presenta un maior número de casos e, dende este sábado, tamén a que ten unha maior incidencia da enfermidade (casos por habitante), por diante da área de Ourense e a da Coruña. Ferrol, Lugo e Pontevedra son as que amosan unha incidencia menor e Compostela sitúase un chisco por riba da media galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.