O Sergas suma outras 7 mortes ligadas á pandemia entre tímidos sinais de freo no aumento da incidencia do virus

Cribado da COVID-19 en Muros a finais de outubro CC-BY-SA Sergas

Unha escalada que xa dura un mes e na que, por primeira vez dende finais de setembro, se albisca algo semellante a tocar cumio. O Servizo Galego de Saúde suma este sábado, 7 de novembro, 666 novos casos do coronavirus, 639 deles diagnósticos mediante probas PCR, computados entre as seis da tarde do xoves, día 5, e a mesma hora do venres. Son, en total, 56 menos que o día previo e os diagnósticos mediante PCR diminúen en 46 mentres o número destas probas aumenta en 111. Case 170 dos novos casos son da área sanitaria de Vigo, 141 da da Coruña-Cee e outros 100, da de Lugo. 

Sanidade suma 666 novos casos do coronavirus, 639 diagnósticos mediante PCR, e a incidencia acumulada a 14 días descende por primeira vez dende hai un mes

Estes números chegan nun día en que Sanidade confirma outras 7 mortes de persoas que foran diagnosticadas da COVID-19, pero tamén nunha xornada na que a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes) dá os primeiros sinais de freo nun mes. Cos datos pechados do xoves -última xornada con información do día íntegro-, este indicador descende no global de 328 a 316, unha baixada tímida, pero tamén a primeira dende os primeiros días de outubro.

Este leve descenso na incidencia acumulada a 14 días débese, fundamentalmente, a que o indicador segue baixando aos poucos na área sanitaria de Ourense tras máis dun mes sometida ás restricións máis severas. Tamén comeza a baixar na área de Santiago e decelera na de Ferrol. Non sucede o mesmo nas demais áreas, especialmente na de Vigo, onde a liña da incidencia segue sendo claramente ascendente. [O estudo da COVID que a Xunta tivo oculto dende xuño conclúe que o Sergas apenas detecta un terzo dos contaxios]

Dous dos novos falecementos rexistrados son de persoas que viviran na residencia de Nosa Señora dos Milagres de Barbadás; o total de mortes ligadas á pandemia chega ás 976

Este empeoramento xeral durante todo o mes de outubro continúa traducíndose en mortes. Dos sete falecementos confirmados polo Sergas, dous son de persoas que viviran na mesma residencia, a Nosa Señora dos Milagres de Barbadás. Unha delas, unha muller de 85 anos, faleceu na propia residencia. Outro residente, de 76 anos, finou no hospital de Ourense. 

Sanidade tamén confirmou a morte dunha muller de 82 anos hospitalizada en Ferrol, un home de 82 no hospital de Pontevedra, unha muller de 88 anos no Clínico de Santiago, un home de 80 anos ingresado en Vigo e unha muller de 86 anos no hospital Lucus Augusti de Lugo. O total de falecementos ligados á pandemia xa son, segundo o Sergas, 976.

A 'curva' da positividade segue sen ceder

A incidencia a 14 días dá os primeiros sinais de freo, pero outros indicadores apuntan a que a situación segue, cando menos, estancada polo momento. No inicio do novo paquete de restricións, a porcentaxe media diaria de probas PCR con resultado positivo segue na contorna do 8% na última semana para o global de Galicia. Son as taxas máis altas da segunda vaga e aínda que non se dispara, segue sen dar baixado.

No incremento da positividade na área de Lugo inflúe o brote detectado na residencia de maiores de San Cibrao, con 37 residentes e 14 membros do persoal afectados polos contaxios

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as dúas áreas sanitarias nas que máis claramente descendera a positividade media -Ourense e Santiago- frearon ese descenso sen daren chegado ao 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. Si segue descendendo a área de Ferrol, aínda por riba do 10% pero en tendencia á baixa dende finais de outubro. 

Tamén segue á alza a positividade na área de Lugo, cun dato medio semanal do 8% pero por riba do 10% nos dous últimos días. Neste incremento na área lucense inflúen, entre outros factores, o brote de coronavirus na residencia de maiores de San Cibrao (Cervo), onde veñen de ser confirmados outros 20 positivos entre residentes e 11 máis entre o persoal, sumando en total 37 maiores e 14 membros do persoal contaxiados.

Pico na presión hospitalaria 

O 7,15% do total de camas hospitalarias en Galicia e o 11,60% das camas de UCI están ocupadas por pacientes con test positivo do coronavirus, segundo o Ministerio

O empeoramento sostido da pandemia en Galicia durante todo o mes de outubro segue tendo tamén o seu reflexo nos hospitais, que segundo os datos do Sergas transitan tamén por un pico de presión ligada á COVID-19, agora con leves descensos no número de persoas ingresadas con test positivo: de 593 a 579, 84 delas na UCI (-1). 

Como adoito, non obstante, cómpre ter en conta que os protocolos vixentes especifican que unha persoa ingresada con test positivo, deixa de ser computada como ingreso ligado á pandemia no momento en que pasa a dar negativo aínda que continúe hospitalizada. Por este motivo, en realidade a presión hospitalaria adoita ser maior que a que reflicten directamente estes datos.

Por áreas sanitarias, o maior número de persoas hospitalizadas segue na da Coruña e a maior presión, en termos relativos, na de Ourense. Segundo informaba este venres o Ministerio de Sanidade, o 7,15% do total de camas hospitalarias en Galicia e o 11,60% das camas de UCI están ocupadas por pacientes con test positivo do coronavirus. Para o conxunto do Estado, estas taxas de ocupación sitúanse no 16,30% e no 29,78%, respectivamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.