O Sergas tivo que pagar 14 millóns de euros en indemnizacións por reclamacións sanitarias dende o 2011

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

Entre os anos 2011 e 2016 foron presentadas 1.233 reclamacións por danos derivados da asistencia sanitaria en centros do Sergas ou concertados, dende erros ou atrasos a mala praxe ou infeccións. Estas demandas sumaron en conxunto máis de 170 millóns de euros en peticións de indemnizacións. Aínda que unha parte importante destas reclamacións foron desestimadas ou a súa indemnización final reducida, en total o Sergas tivo que pagar xa máis de 14 millóns de euros dende o 2011, contando unicamente os procesos xa pechados.

Contas alerta do incremento das reclamacións e da contía esixida, o que unido a un aumento da súa "xudicialización", pode levar a practicar unha "medicina defensiva" para evitar demandas

Son algúns dos datos que figuran no informe de fiscalización da responsabilidade patrimonial do Sergas, un dos 17 documentos entregados este venres ao Parlamento polo Consello de Contas. O ente fiscalizador das contas públicas galegas salienta de que o número de reclamacións presentadas (e as contías esixidas) vén experimentando un crecemento, observándose igualmente "unha tendencia crecente á súa xudicialización". O Consello de Contas alerta de que isto pode levar "á práctica dunha medicina defensiva por parte dos facultativos que non sempre redunda en beneficio do paciente", prescribindo o persoal sanitario máis probas diagnósticas das necesarias "coa finalidade de protexerse ante as posibles reclamacións que se formulen".  

O Consello de Contas advirte así mesmo contra a xudicialización das reclamacións de menor contía, "unha forma pouco eficiente de resolvelas ao levar asociados importantes custos de representación e defensa xurídica que, nalgúns casos, se aproximan ou mesmo exceden do importe das indemnizacións", sinala. No período 2011-2017 o custo medio das indemnizacións en vía xudicial foi de 79.767 euros fronte aos 18.934 euros que representa o custo medio das indemnizacións en vía administrativa. Este incremento dos custos únese ao derivado da devandita "medicina defensiva" e a realización de probas e procedementos innecesarios para evitar futuras reclamacións. 

O número de reclamacións no período 2011-2016 ascendeu a 1.233, cunha contía económica total que supera os 177 millóns de euros, ao redor de 30 millóns de euros cada ano, unha cantidade que se foi incrementando, dende os 25 a 27 millóns nos anos 2011, 2012 e 2013 ata os 38 millóns do ano 2016. O 41% das reclamacións corresponden a centros e servizos da provincia da Coruña; o 10% aos de Lugo; o 11% aos de Ourense; o 28% aos centros de Pontevedra e un 9% a centros concertados. 

As indemnizacións esixidas ao Sergas por erros, atrasos e mala praxe superan os 30 millóns de euros ao ano

Os servizos cun maior volume de reclamacións patrimoniais son os de Traumatoloxía (13%), Urxencias (12%) Obstetricia e Xinecoloxía (11%), Cirurxía Xeral e Dixestiva (8%) e Análises Clínicas (7%). Mala praxe e os erros ou atrasos no diagnóstico foron as causas de dano máis alegadas polos e polas pacientes afectadas.

Unha boa parte destas reclamacións non son finalmente estimadas. O número de sentenzas estimatorias (total ou parcialmente) en primeira instancia no período 2012-2016 representa o 27% do total de reclamacións formuladas. O Consello de Contas detalla que do total de reclamacións formuladas no período 2011-2017, o 47% dos expedientes atópanse pechados, e destes, o 40% pechouse con resultado a indemnizar. Dos ao redor de 96 millóns de euros esixidos polas persoas demandantes, o Sergas tivo que aboar finalmente algo máis de 14 millóns de euros (14.410.696).

O Consello de Contas destaca que a pesar do incremento das reclamacións, "o grao de confianza" dos e das paciente nos profesionais sanitarios do sistema público de saúde "é elevado"

O Consello de Contas recomenda finalmente "un maior esforzo por parte da Administración Sanitaria en orde a adoptar medidas que permitan reducir os prazos de tramitación do expediente, evitando unha prolongación innecesaria do procedemento administrativo", sinalando ademais que se produce "unha excesiva dilación na remisión ao CCG daqueles expedientes que requiren o preceptivo ditame desta institución". Igualmente, subliña que se debería promover "unha maior implicación dos servizos clínicos afectados polas reclamacións patrimoniais para obter tempos de resposta máis curtos na emisión dos informes facultativos necesarios". 

O ente fiscalizador conclúe tamén que a pesar do incremento das reclamacións e da súa importante contía, "o grao de confianza" dos e das paciente nos profesionais sanitarios do sistema público de saúde "é elevado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.