O alto tribunal invalida a suspensión de 10 días por falta moi grave imposta polo Poder Xudicial por non considerar probado que o maxistrado xestionase a empresa máis alá de ser propietario do 50%
O Tribunal Supremo vén de estimar un recurso interposto polo maxistrado José Antonio Vázquez Taín contra unha sanción que lle impuxo o Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial en febreiro do pasado ano por incompatibilidade entre o seu cargo xudicial e ser dono do 50% da empresa audiovisual Amarola Producciones SL. O alto tribunal non considera probado que o maxistrado -instrutor de casos mediáticos como o asasinato da nena Asunta, o roubo do Códice Calixtino ou unha investigación ao narco Marcial Dorado na que apareceron fotos del con Feijóo- xestionase a empresa audiovisual máis alá de ser o seu copropietario.
A sanción de 10 días de suspensión imposta a Taín foi por unha falta moi grave da lei do Poder Xudicial que considera incompatible co cargo de xuíz ou maxistrado o exercicio de toda actividade mercantil "por si ou por outro". Porén, a sentenza considera que non se acreditou "nin sequera de maneira indiciaria, pero suficientemente xustificada e razoada, que máis alá da titularidade do 50% das participación sociais da sociedade de responsabilidade limitada por parte do actor, o mesmo desempeñase de maneira real e efectiva o exercicio da actividade mercantil: nin ostentaba a administración da sociedade, nin subscribía os contratos da sociedade con terceiros, nin se aportaron argumentos sólidos que puxesen de manifesto unha administración de feito da sociedade por parte do señor Vázquez Taín".
A sentenza cita dous contratos de patrocinio dun documental feito por Taín sobre o Camiño Mozárabe coa Axencia Turismo de Galicia e coa Deputación de Ourense, pero sinala que non foron asinados polo xuíz senón pola administradora única da produtora audiovisual.

A sentenza reflicte contratos de patrocinio de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense dun documental feito por Taín, pero sinala que non foron asinados polo xuíz
O Supremo conclúe que "nin o obxecto social da mercantil da cal resultaba titular de participacións sociais o actor, nin a índole das actividades levadas a cabo pola mesma puxeron de manifesto que se trate de circunstancias reveladoras dunha eventual afectación á función xurisdicional levada a cabo polo maxistrado, nin no que poida afectar á súa independencia, nin tampouco ao seu estrito desempeño, conclusión que avala o propio órgano gubernativo, ao sinalar na actuación administrativa "a nula incidencia da infracción na actividade xudicial".