O Supremo rebaixa a condena do cura que roubou en igrexas de Ribadeo e Trabada porque devolveu parte do substraído

Igrexa de San Lourenzo de Vilaframil, en Ribadeo CC-BY-SA Agremon

A finais da pasada década, o bispado de Mondoñedo-Ferrol encomendou unha decena de parroquias dos concellos de Ribadeo e Trabada a un cura mozo de orixe valenciana, José Emilio S.A. En varias delas comezou a ser ollado con receo: a veciñanza comezou a facelo responsable das desaparicións de numerosos bens das igrexas que administraba, dende mobles a esculturas e obxectos de culto.

A condena do ex-crego queda finalmente en dous anos de medio de prisión e unha sanción económica

O agora ex-crego foi xulgado por estes feitos a comezos de 2019 na Audiencia Provincial de Lugo, que o condenou a tres anos e medio de prisión, ademais de a unha multa de nove meses a razón de dez euros por día. O antigo sacerdote recorreu ante o Supremo e o alto tribunal vén de lle dar parcialmente a razón, rebaixándolle a condena nun ano porque devolveu parte do roubado.

Segundo a sentenza, datada no pasado 29 de outubro e feita pública este 10 de novembro, a Sala do Penal do Tribunal Supremo, que preside Manuel Marchena, concorda coa Audiencia lucense en que o antigo cura é culpable dun delito continuado de apropiación indebida. Agravado, ademais, polo feito de que o roubado eran "bens que integran o patrimonio histórico, artístico ou cultural".

Adro da igrexa de San Vicente de Covelas, en Ribadeo, unha nas que o acusado foi párroco CC-BY-SA Agremon

Ao contrario que o tribunal lucense, que só aplicou atenuantes por dilacións indebidas -o proceso demorou, entre outros aspectos, pola folga do persoal da xustiza no ano 2018-, o Supremo ve preciso tamén ter en conta que, aínda que o acusado non fixo "especiais esforzos" por reparar o dano causado, si realizou a "efectiva restitución" dunha "parte significativa dos efectos substraídos". Cando menos "numericamente", matiza.

Así, transcribe o ditame do Supremo, o ex-cura devolveu obxectos como "dous anxos con palmas de altar e restos dunha cómoda da parroquia da Devesa", "crismeiras de prata e unha custodia da parroquia de Vilaframil", "dous candelabros de bronce e dous cálices de prata da parroquia de Rinlo", a imaxe do peto de ánimas da parroquia de Cubelas ou unha imaxe de Santa Lucía da parroquia de Cedofeita. Tamén, entre outras, unha imaxe de pedra da virxe dos Milagres, outra de San Antonio ou parte dun retablo.

Inicialmente, para explicar a desaparición de imaxes relixiosas ou mobles o agora ex-crego aseguraba que os enviara a restaurar

A propia sentenza asume os feitos probados detallados pola Audiencia de Lugo, detallando que agora condenado en firme -contra este ditame non cabe recurso- se aproveitou da súa condición de párroco para, "con ánimo de ilícito enriquecemento", "apoderarse e incorporar ao seu patrimonio" de "decenas de obxectos relixiosos e de culto, imaxes relixiosas" e mobles. Cando menos unha parte deles estaban catalogados pola Igrexa, a Xunta e o Ministerio de Cultura polo seu valor artístico. 

Inicialmente, para explicar a desaparición dos obxectos, o daquela párroco indicaba á veciñanza que "os enviara a restaurar; uns a Valencia e outros, ás monxas clarisas". Foi o caso, por exemplo, dun "manto da Virxe das Dores, da parroquia de Santa María Magdalena de Cedofeita". O acusado asegurou que o levar ás relixiosas "para a súa limpeza ou restauración", pero as monxas "negaron que o recibiran" e ademais unha veciña da parroquia asegurou durante a instrución que tal manto estaba "en perfecto estado", sen necesidade de ser restaurado.

Deste xeito, José Emilio S.A. terá que asumir unha condena de dous anos e medio de cadea. O Supremo mantenlle, ademais, a multa de seis meses cunha cota de 10 euros diaria que, se non é abonada, virarán "nun día de privación de liberdade por cada dúas cotas impagadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.