O Tribunal Superior de Galicia decreta que o nacemento dun fillo morto conta para calcular a pensión de xubilación da nai

Unha muller embarazada CC-BY-SA Daniel Lobo

O TSXG di que a “situación de discriminación” laboral das mulleres por ser nais que xustifica o plus na pensión “producíase xa desde o momento do embarazo, con independencia de se chegaba a bo termo”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de divulgar unha sentenza na que decreta que o nacemento dun fillo morto conta para os efectos de calcular a pensión de xubilación da nai. Os maxistrados destacan que o complemento por maternidade nas pensións contributivas está concibido como unha medida específica “en favor das mulleres para corrixir situacións patentes de desigualdade de feito respecto dos homes”.

Tras unha sentenza dun xulgado inferior contraria á solicitude da muller que reclamaba máis pensión de xubilación, o TSXG dálle agora a razón e argumenta que a “situación de discriminación” sufrida polas mulleres por ser traballadoras e nais, motivación do plus nas pensións, “producíase xa desde o momento do embarazo, con independencia de se chegaba a bo termo”

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) © Google

Segundo explican na resolución os maxistrados, débese aplicar ese complemento no caso de falecer o fillo antes de nacer, pois trata de compensar “a discriminación laboral que sofren as mulleres traballadoras, en especial as que á vez foron nais, e máis en especial as que tiveron máis dun fillo, todo iso coa finalidade de reducir unha fenda, que non só é salarial, tamén pensional”.

O alto tribunal galego rexeita no fallo os argumentos do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social que defendían que o nacemento dun fillo morto “non conta como fillo para os efectos do recoñecemento e, no seu caso, da contía do complemento por maternidade nas pensións contributivas”.

Ademais, na mesma sentenza, os maxistrados interpretan a lei da Seguridade Social no sentido de que o beneficio cotizatorio que concede por coidado de fillo ou menor xérase “por todos os fillos nados entre o nacemento do primeiro fillo posterior á interrupción da carreira de seguro e dentro dos seis anos posteriores, sempre que se interrompese a carreira de seguro nos nove meses anteriores ao nacemento dese primeiro fillo”. Consideran así que, no caso concreto que analizan na resolución, ese beneficio de cotización se debe aplicar á recorrente tanto para o primeiro fillo (como admitiu a Seguridade Social) como para a segunda filla (o que negaba a administración) porque esa segunda filla, do mesmo xeito que o primeiro fillo, “naceu entre a interrupción da cotización como consecuencia da extinción da relación laboral e a finalización do sexto ano posterior ao nacemento do fillo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.