O TSXG anula a débeda de case 900.000 euros que a Xunta reclama ao Concello de Vigo por obras no Cunqueiro

Vista do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e da súa contorna © Sergas

“Reclámase unha débeda que non se declarou previamente e que o Concello non puido discutir”, aclara o TSXG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular o cobro da débeda que a Xunta reclama ao Concello por un importe de case 900.000 euros (884.455) polos gastos das obras da instalación eléctrica do hospital Álvaro Cunqueiro. Segundo un convenio asinado en 2006 e anulado en 2013, estas actuacións tíñaas que facer a administración local pero foron finalmente sufragadas en 2015 polo Goberno galego. Agora, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo conclúe que non existe, antes do requirimento de pago en período voluntario, realizado pola Xunta o 12 de abril de 2016, un acto administrativo que fixe a cantidade debida por danos e perdas. 

“Reclámase unha débeda que non se declarou previamente e que o Concello non puido discutir”, indica na sentenza o tribunal, que engade que "non pode haber un requirimento válido de pago se antes non se determinou a débeda”. Os maxistrados subliñan que a falta dese acto de cuantificación da débeda implica que “non hai débeda declarada que reclamar, é dicir, non hai título executivo”

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG cualifica esa carencia por parte da Xunta de “transcendental”, pois implica que o Concello de Vigo non tivo “oportunidade de discutir a existencia da débeda ou as súas características”. Así, indica que é “inconcibible” que un montante de 884.455 euros “non puidese ser combatido xuridicamente pola Administración local nin, de ser o caso, tutelado xurisdicionalmente polos tribunais de xustiza”. 

O Superior acusa a Xunta de prescindir “total e absolutamente do procedemento establecido para a determinación das débedas tributarias”

Os maxistrados aseguran que a Xunta prescindiu “total e absolutamente do procedemento establecido para a determinación das débedas tributarias”. Na sentenza explican que en 2006 se asinou un Convenio Marco de Cooperación entre a Xunta e o Concello de Vigo que se deixou sen efecto en 2013, sete anos despois da súa sinatura, e que tivo como obxecto a cooperación para a construción do novo hospital e a dotación das súas infraestruturas. A Sala subliña que desde o 17 de abril de 2013 ata o 12 de abril de 2016 a Xunta “non realiza ningunha actuación concreta que cristalice nunha resolución para determinar a cantidade que a administración autonómica considera que se lle debe como consecuencia do incumprimento do convenio”. 

O día 12 de abril de 2016, segundo consta na decisión da sentenza, foille notificado ao Concello de Vigo un requirimento da directora de Recursos Económicos da Consellería de Sanidade no que se reclamaba o pagamento da débeda de 884.455 euros. O Concello rexeitou ese requirimento en maio de 2016, ante o cal a Xerencia do Sergas solicitou á Consellería de Facenda en xullo dese ano a compensación da débeda coa participación que ao Concello lle correspondese no Fondo de Cooperación Local. 

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

Finalmente, en abril de 2021 a Axencia Tributaria de Galicia comunicoulle a resolución de inicio do procedemento de compensación de débedas para o cobro dos 884.455 euros, fronte á cal a Administración local presentou alegacións, que foron rexeitadas polo organismo, que o 1 de xuño de 2021 acordou a compensación da débeda coas transferencias procedentes do Fondo de Cooperación Local. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación.

"Non se pode compensar algo que non foi declarado e que o Concello non puido discutir"

"Temos a reclamación dunha débeda sen título executivo e por consecuencia, a compensación dunha débeda que non foi declarada. Non se pode compensar algo que non foi declarado e que o Concello non puido discutir", lembran os maxistrados. 

"O título que debería de amparar todo o procedemento posterior de reclamación de débeda non existe e isto é causa de oposición na fase de reclamación en período executivo en fase de constrinximento, aquí evitada mediante a fórmula da compensación, e constitúe como categoría xeral do dereito un motivo de oposición na fase de execución forzosa por ausencia de título executivo", explica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.