Os maxistrados din que é un dereito de conciliación que "non pode ter carácter sexuado", pero pola contra rexeitan o dereito a asistir aos exames médicos prenatais, que considera exclusivamente feminino
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar, "por primeira vez", segundo salienta o seu servizo de comunicación, o dereito dos traballadores a gozar de permisos retribuídos para asistir a técnicas de preparación ao parto. O alto tribunal galego avalou unha sentenza emitida polo Xulgado do Social número 4 de Vigo que dá a razón a un demandante deste dereito, representante legal do persoal dunha empresa de servizos.
A resolución de primeira instancia, con todo, non recoñece aos homes o permiso para acudir a exames prenatais, tamén solicitado polo demandante. Na súa sentenza o TSXG coincide "co acertado criterio da xulgadora de instancia" de non estender este permiso aos traballadores homes e demais persoas proxenitoras que non son xestantes.
A Sala do Social do TSXG indica na súa sentenza, con data do 7 de novembro, que está de acordo coa argumentación da xulgadora de primeira instancia¡ cando considerou que ambos os dous permisos son, na súa orixe, na Lei de Prevención de Riscos Laborais de 1995, exclusivamente femininos, pero destaca que "a evolución normativa, xurisprudencial e doutrinal acaecida desde entón" fai chegar á conclusión de que o permiso para técnicas de preparación ao parto "debe ser estendido aos traballadores homes, pois noutro caso sería discriminatorio por razón de sexo, en aplicación da doutrina contida na sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) do 30 de setembro de 2010, Caso Roca Álvarez, C-104/09".
Os maxistrados do alto tribunal galego avalan a diferenza entre un permiso e outro, pois salientan que o permiso para exames prenatais "é un dereito de maternidade que, en atención á habilitación concedida na Directiva 92/85 da Comunidade Europea, se pode recoñecer só ás mulleres embarazadas, e nestes termos recoñeceuse na Lei de Prevención de Riscos Laborais, o Estatuto do Traballador e o Estatuto Básico do Empregado Público".
Pola contra, respecto ao permiso para asistir a técnicas de preparación ao parto, os maxistrados afirman que "non atopa habilitación para o seu carácter sexuado na Directiva 92/85 da Comunidade Europea", polo que conclúen que é "un dereito de conciliación que, como tal, non pode ter carácter sexuado, so [risco de] incumprir a prohibición de discriminación".
A sentenza di que malia que os homes "non poden ser sometidos a permisos prenatais, si poden asistir ás técnicas de preparación ao parto, e desde a perspectiva do bo fin do proceso de maternidade/xestación, iso adoita ser saudable"
O TSXG explica, canto ao permiso para exames prenatais, que o artigo 9 da Directiva 92/85 da Comunidade Europea é "claro no sentido de recoñecer o dereito só ás traballadoras xestantes". A Sala incide en que, no dereito interno, "tamén o son o artigo 25.5 da Lei de Prevención de Riscos Laborais e o artigo 48.e) do Estatuto Básico do Empregado Público". Ademais, asegura que "en todas as normas de referencia o permiso se recoñece soamente 'para a realización de exames prenatais', non 'para acompañar na realización de exames prenatais'".
A Sala do Social engade na sentenza, respecto aos permisos para técnicas de preparación ao parto, que "a propia redacción das normas non exclúe os traballadores pais e demais persoas non xestantes, pois, mentres que obviamente estes non poden ser sometidos a permisos prenatais, si poden asistir ás técnicas de preparación ao parto, e desde a perspectiva do bo fin do proceso de maternidade/xestación, iso adoita ser saudable recomendación”. A resolución non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.