O xulgado arquiva o caso de Débora Fernández, 22 anos despois, sen culpables

Rosa Neira e Rosa Fernández, nai e irmá de Déborah, durante a homenaxe celebrada o 30 de abril en Vigo. CC-BY-SA V.V.

A xuíza salienta que “nin os testemuños solicitados, nin a práctica da exhumación do corpo da vítima, nin a inspección dun cofre conxelador propiedade no seu día do investigado”, produciron “ningún resultado positivo para a investigación

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Tui acordou o sobresemento e arquivo provisional do caso no que se investigaba a morte da moza viguesa de 21 anos Débora Fernández-Cervera, cuxo cadáver foi atopado o 10 de maio de 2002 nunha gabia da marxe dereita da estrada C-550, no Concello do Rosal.

Na resolución, a xuíza destaca que “nin os testemuños solicitados, nin a práctica da exhumación do corpo da vítima, nin a inspección dun cofre conxelador propiedade no seu día do investigado”, produciron “ningún resultado positivo para a investigación”, como tampouco o fixo a análise do móbil utilizado pola vítima que foi atopado en dependencias policiais. 

Outra das cuestións que foi analizada, segundo sinala no auto, foi a suposta manipulación e borrado dun disco duro utilizado pola moza. Tras a investigación practicada, considera que non se acreditou que o borrado fose “intencionado e masivo”.

Carteis de Xustiza para Déborah. Dominio Público Xustiza para Déborah

A maxistrada resalta que non hai “ningún indicio de que o investigado e a vítima se visen esa noite, nin do lugar da morte, nin aparece vestixio algún do investigado no corpo da vítima ou no lugar onde este se atopou”

En definitiva, a instrutora considera que non existen indicios “contundentes e irrefutables” que permitan fundamentar a imputación delituosa. “Os elementos de xuízo que se achegan pola acusación, cando se solicita a incoación do procedemento ante o Tribunal do Xurado, son meras sospeitas baseadas en datos non acreditados ou en contradicións nas declaracións do investigado ou de testemuñas, pero sobre aspectos incidentais”. Por iso, resalta que “ningún indicio hai de que o investigado e a vítima se visen esa noite, nin do lugar da morte, nin aparece vestixio algún do investigado no corpo da vítima ou no lugar onde este se atopou”. 

A maxistrada lembra no auto que “non bastan meras afirmacións de sospeita”, pois advirte de que “debe alcanzarse certo nivel cualitativo dos indicios, que deben ser sólidos e conducir a un suficiente nivel de probabilidade da autoría, superior á posibilidade”. 

Ademais, engade que o investigado “explicou que fixo esa noite e non se logrou evidenciar que fose falso”, pois afirma que “as súas contradicións e rectificacións afectan a aspectos accesorios do seu testemuño, pero non permiten afirmar, nin tan sequera indiciariamente, que el estivo coa vítima a noite da desaparición e que ademais a matou, deixando o seu corpo nunha cuneta”. 

Homenaxe a Deborah Fernández realizado Vigo o 30 de abril 2019 CC-BY Xustiza para Déborah

Desta forma, incide en que “a declaración xudicial prestada polo investigado non produciu ningún dato incriminatorio distinto ás contradicións xa apuntadas, as cales non acreditan a súa participación nos feitos delituosos”.

A maxistrada insiste en que todo o investigado, tal e como sostén o Ministerio Fiscal, “permite elaborar hipótese, pero a exposta pola acusación particular parte dunha inferencia demasiado aberta, no sentido de que cos mesmos indicios poden alcanzarse tamén outras conclusións alternativas que impiden que a exposta e defendida poida darse por probada”. O auto non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.