O xulgado arquiva o incendio nun edificio de Vigo no que morreron unha muller e os seus tres fillos por non ver intencionalidade

Rúa Alfonso X O Sabio de Vigo onde o incendio do edificio no número seis deixou catro vítimas mortais na madrugada do 11 de outubro de 2023 CC-BY-SA Praza.gal

O informe policial atribúe a orixe do lume aos empalmes irregulares realizados no cadro eléctrico do edificio

O Xulgado de Instrución número 1 de Vigo acordou, nun auto asinado o mércores e feito público este venres, o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta sobre o incendio dun edificio da cidade sucedido durante a madrugada do pasado 11 de outubro no que faleceron unha nai e os seus tres fillos e no que resultaron feridas varias persoas. A maxistrada explica no auto que, tras practicarse as dilixencias de instrución oportunas, non resulta debidamente xustificada a perpetración do delito que motivou a formación da causa. Así, incide en que non resultan indicios "que obxectiven a comisión de infracción penal" nin que o incendio "obedeza a actuación delituosa algunha".

Rúa Alfonso X O Sabio de Vigo onde o incendio do edificio no número seis deixou catro vítimas mortais na madrugada do 11 de outubro de 2023 CC-BY-SA Praza.gal

A maxistrada explica que é "especialmente relevante e significativo" o informe técnico policial sobre as causas e a orixe do incendio, elaborado unha vez concluídos os informes do Laboratorio Químico da Unidade de Análises Científicas da Comisaría Xeral de Policía Científica e á luz da inspección técnico-policial da Brigada de Policía Científica. 

O informe, segundo indica no auto, permitiu determinar "a existencia dun único foco inicial do incendio, que se situou no lugar onde se atopaba o cadro eléctrico, no portal, xunto ás caixas de correos, cuxo estudo levou á localización de dous treitos distintos de cable de fíos de cobre, os cales presentan empalmes, con rixidez en varias zonas derivadas da fusión e soldadura dos seus fíos por calor interna, é dicir por sobreintensidade".

A calor e o fume xerados, segundo o informe da policía científica, subiron polo oco das escaleiras, causando danos de distinta consideración nas distintas plantas, de maior intensidade nas máis próximas ao portal. Ademais, desde ese foco inicial progresaron cara á porta do portal, onde se atopaban varias bicicletas e un ciclomotor, que polas súas características e elementos (plásticos, gasolina e aceites) implicaron unha gran carga de combustible, a cal provocou un aumento das lapas, a calor e o fume, que, polo efecto cheminea, ascendeu polo oco das escaleiras cara ás plantas superiores.

Auto co que se arquiva a investigación xudicial sobre o incendio de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

O sobresemento provisional e arquivo da causa non é firme, pois contra a resolución cabe interpoñer recurso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.