Os datos dos casos positivos de coronavirus detectados en Galicia volven amosar este venres un novo incremento. Tras a realización dun total de 10.520 probas, segundo datos do Servizo Galego de Saúde, o ritmo de detección de novos positivos volve aumentar ata un 20% con relación ao día anterior, o maior incremento da semana, pero faino mentres se modera a velocidade coa que soben os casos que precisan atención hospitalaria, un total de 654 persoas das que 98 están na UCI.
Os positivos detectados e aínda activos son xa 2.211 e as altas por recuperación pasan de 47 a 67; as persoas falecidas ascenden a 44
O balance feito público este venres polo Sergas indica que os positivos da covid-19 detectados en Galicia e aínda activos son xa 2.211 nunha xornada na que tamén se rexistrou o maior incremento de altas por recuperación nun só día: de 47 pasan a 67, un incremento superior ao 40% que duplica ao rexistrado nos casos que remataron en falecemento. Ata o momento, están rexistradas en Galicia as mortes de 44 persoas con coronavirus.
No que atinxe á variable que máis preocupa ás autoridades sanitarias na crise da covid-19, a sobrecarga dos centros hospitalarios e moi especiamente das UCI, o balance deste 27 de marzo é mellor que en días previos. Seguen aumentando as hospitalizacións, pero a suba modérase.
As persoas atendidas na UCI son 98, un 13,95% máis que no día previo
Nomeadamente, o Sergas indica que este 27 de marzo había ata 98 persoas en unidades de coidados intensivos por mor do coronavirus, un 13,95% máis que no día anterior. As que son atendidas en unidades de hospitalización ordinaria ascenden a 556, o que supón unha suba diaria do 11,42%. Deste xeito, nesta xornada o ritmo de incremento de casos detectados case duplica á velocidade das novas hospitalizacións. Mentres, as persoas en illamento domiciliario tras daren positivo son xa 1.557, un 24% máis.
Este martes a Consellería de Sanidade estimou que precisará ata 4.000 camas hospitalarias para atender casos de coronavirus. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde e doutras dúas mil en centros privados. En Galicia hai, ademais, 274 camas en unidades de UCI.
A Coruña volve ser a área con máis casos
Por áreas sanitarias, os datos do Sergas volven situar á Coruña como a que rexistra máis casos positivos por coronavirus en toda Galicia, cun total de 552. É un número lixeiramente superior á área sanitaria de Vigo, onde tamén se superan xa os 500 por primeira vez. Santiago é a terceira área co maior número de positivos, xa con case 400, e en Ourense supéranse os 300 por primeira vez, cifra á que se achega a área sanitaria pontevedresa. Lugo e Ferrol seguen sendo as áreas con menos positivos, con 140 e 60, respectivamente.