O lugar de Reguengo, na parroquia de San Paio de Araúxo, no concello de Lobios ten 12 habitantes. A súa particularidade é que todas as persoas que alí residen teñen máis de 65 anos
O lugar de Reguengo, na parroquia de San Paio de Araúxo, no concello de Lobios ten 12 habitantes. A súa particularidade é que todas as persoas que alí residen teñen máis de 65 anos. Trátase dun caso singular pola dimensión do núcleo, moi poboado, pero non estraño en Galicia: en todo o país hai 1.565 entidades de poboación nas que só viven persoas maiores de 65 anos.
Neste fenómeno mestúranse dous procesos, que avanzan en paralelo: o despoboamento, co incremento das entidades de poboación sen poboación (en Galicia hai unhas dúas mil aldeas abandonadas) e, ademais, o envellecemento -nomeadamente pero non só- na zona rural.
É por iso que cada vez son máis os núcleos deshabitados, aínda que no 2023 esta estatística reverteu a súa tendencia por primeira vez en dúas décadas. E tamén é por isto que a poboación que fica nas aldeas é cada vez máis maior, constituíndo en ocasión os seus únicos habitantes, o que anticipa nas víndeiras décadas un futuro de aínda maior despoboamento.
En todo o país hai 1.565 entidades de poboación nas que só viven persoas maiores de 65 anos. Desas, en 695 só vive unha persoa e en 486 viven dúas
O INE publicou a pasada semana os datos de 2024 do Nomenclátor, que contén a relación detallada das entidades e núcleos de poboación existentes en cada concello. Cómpre lembrar que Galicia acolle ao redor da metade das entidades de poboación existentes no Estado (30.486 dun total de 62.089), resultado dunha ocupación do territorio moi fragmentada, que comparte con Asturias e co Norte de Portugal e que en Galicia se acentúa no norte das provincias da Coruña e Lugo.
Ao redor de dúas mil desas entidades (máis do 6%) están deshabitadas e outras dúas mil teñen un ou dous habitantes.
Galicia ten unhas dúas mil entidades de poboación deshabitadas e outro tanto con 1 ou 2 habitantes
Nesta ocasión o INE pasa a ofrecer os datos da idade, sexo e nacionalidade dos habitantes de cada entidade de poboación, unha información que permite trazar un perfil. Na estatística vemos como desas 1.565 entidades de poboación nas que só viven maiores de 65 anos, en 695 só vive unha persoa e en 486 viven dúas. Isto é o máis habitual, pero hai tamén algúns casos (poucos) nos que entidades habitadas por 7, 8, 9 ou 10 persoas só teñen residentes por riba dos 65 anos.
Por concellos, As Pontes (45), Ourol (40) e Ortigueira (39) son as localidades con máis entidades de poboación nesta situación
Por concellos, As Pontes (45), Ourol (40) e Ortigueira (39) son as localidades con máis entidades de poboación nesta situación. A relación non sorprende, pois esa zona do país é presisamente a que presenta unha maior fragmentación da súa poboación, distribuída en entidades dispersas de pequeno tamaño, o que unido ao proceso de despoboamento, eleva o número de aldeas abandonadas e tamén o de núcleos con pouca poboación e, ademais, envellecida.
Na lista aparecen tamén nos dez primeiros lugares A Fonsagrada, Sober, Muras, Monforte de Lemos, Vilalba, Friol e O Saviñao, concellos todos de Lugo (sobre todo), que xunto con A Coruña son as dúas provincias que suman un maior número de entidades de poboación habitadas só por persoas de máis de 65 anos. Esta situación é moito menos frecuente nas provincias de Ourense, Pontevedra e no sur e no oeste da da Coruña, con núcleos de maior tamaño.
Un deses casos de lugar habitado unicamente por persoas maiores é o de Carballa Marela, en Pol, no que viven Esther e José, de 86 e 90 anos, respectivamente
Un deses casos de lugar habitado unicamente por persoas maiores é o de Carballa Marela, un fermoso topónimo que da nome a unha entidade do Concello de Pol, na parroquia de Caraño. En Carballa Marela viven dúas persoas: Esther e José, de 86 e 90 anos, respectivamente, como relataba neste artigo Manuel Vázquez.
No texto, Vázquez falábanos dunha "aldea habitada por estes dous militantes da vella labranza, que levan case un século cada un, boa parte del xuntos, mesturándose coa terra ata fundirse definitiva e poeticamente nela". Unha aldea que chegara a ter 22 habitantes hai non tanto, pero que na actualidade está, coma outras, co seu futuro ligado ao dos seus (pode que) derradeiros habitantes.