A aldea de Vieiros estivo seis anos deshabitada. Porén, dúas familias chegaron para residir nela. Agora lanzan unha iniciativa de micromecenado para impulsar un proxecto de pastoreo
Vieiros, ademais da dar nome a unha revista creada polo exilio galego en México e a un xornal dixital, é unha aldea do Courel, situada a 942 metros de altitude, na parroquia de Seara (Concello de Quiroga). Está, ademais, moi próxima á fermosa fervenza do mesmo nome no río Selmo. Durante seis anos a aldea ficou deshabitada, ao igual que sucedeu en moitos outros núcleos de poboación no rural galego. Porén, afortunadamente dúas familias mudáronse a este lugar, onde nos últimos anos xa naceu unha nena e agora espérase o nacemento doutro bebé.
O obxectivo é conseguir dez mil euros para mercar 30 ovellas, cinco cabras, un burro e dous mastíns
En total, na actualidade residen en diferentes épocas do ano oito adultos e seis nenos e nenas, que dan vida a catro vivendas na aldea. Agora, un proxecto de crowdfunding (Vieiros con vida) busca dotar de nova vida e recursos a este lugar a través do pastoreo, unha actividade que ademais persegue afastar da zona ao lume que este verán obrigou a desaloxar a aldea nun dos terribles incendios que arrasou varias zonas do Courel.
"Os animais son a mellor ferramenta para evitar incendios como os que desaloxaron entre fume e cinzas aos habitantes do Courel", explican
A iniciativa de micromecenado está impulsada por Roi Estévez Pérez, enxeñeiro de montes que leva dez anos vivindo en Vieiros. O obxectivo é conseguir dez mil euros para mercar 30 ovellas, cinco cabras, un burro e dous mastíns. Os animais, ademais de dar la, carne e leite, servirán para xestionar a biomasa que rodea a aldea, facendo de bombeiros e bombeiras e axudando a previr a extensión de novos incendios. "Os animais son a mellor ferramenta para evitar incendios como os que desaloxaron entre fume e cinzas aos habitantes do Courel", explican.
"Pedímosvos axuda, pero a cambio, estades convidados a visitarnos, e a regresar cun pequeno detalle personalizado; como engadido, dámosvos a posibilidade de apadriñar a calquera dos nosos animais, dos que recibiredes fotos periodicamente", destacan
O proxecto leva recadados ata agora uns dous mil euros pero aínda ten por diante 27 días para acadar o seu obxectivo. Os seus promotores queren ter os animais para o outono. "Pedímosvos axuda, pero a cambio, estades convidados a visitarnos, e a regresar cun pequeno detalle personalizado; como engadido, dámosvos a posibilidade de apadriñar a calquera dos nosos animais, dos que recibiredes fotos periodicamente", destacan, explicando as distintas recompensas que se ofrecen para as persoas que realicen achegas económicas, dende o apadriñamento ou amadriñamento dunha das ovellas, cabras e mastíns e do burro, aos que porá nome a persoa que apoie a iniciativa, ata camisetas e imáns de neveira, pasando por varias opcións de visitas guiadas e excursións pola zona.
A aldea, ademais, está buscando novos veciños e veciñas: "Por iso, algúns propietarios estamos dispostos a ceder algunhas das casas, coa única finalidade de que chegue xente para quedar, desenvolver algún proxecto, e axudarnos a darlle vida á nosa aldea"
Dende hai anos esta zona está promocionando a nivel turístico as súas grandes potencialidade, inserida no Xeoparque Montañas do Courel, con fervenzas, muíños restautados e outros puntos de interese.
A aldea, ademais, está buscando novos veciños e veciñas. "Por iso, algúns propietarios estamos dispostos a ceder algunhas das casas, coa única finalidade de que chegue xente para quedar, desenvolver algún proxecto, e axudarnos a darlle vida á nosa aldea", destacan os promotores da iniciativa, que busca dotar de nova vida a esta aldea. O proxecto pode seguirse nas redes sociais a través da súa conta de Instagram e de Facebook.