Os furtos son os máis frecuentes no mapa dos delitos no Camiño de Santiago

Mapa dos delitos rexistrados no Camiño, sobre unha imaxe da ruta xacobea ao seu paso por Portomarín CC-BY-NC-SA Praza Pública / Turismo Galicia

Nos itinerarios polos que transcorren os Camiños a Santiago rexe o coñecido como Plan de Seguridade da Ruta Xacobea, un despregamento específico da Garda Civil para atender os posibles delitos que atinxan as persoas que peregrinan a Compostela ou a quen as atenden. Jon Iñarritu, deputado de EH-Bildu, cuestionou o pasado xuño o Ministerio do Interior sobre o contido deste plan e os seus resultados. A resposta chegou hai poucos días e nela detalla que dende a súa entrada en vigor, en 2017, e ata finais de abril deste ano, o plan atendeu 102 infraccións administrativas e 43 delitos entre os que destacan os furtos. A maioría, fóra de Galicia.

A resposta achegada por Interior ao deputado Jon Iñarritu (EH-Bildu) indica que dende 2017 se rexistraron furtos ligados ao Camiño en Oroso, O Pino e Sobrado, un roubo en Ames e dous casos de abusos sexuais no Pino e Sobrado

Atendendo á resposta obtida polo parlamentario vasco, a maior parte das condutas delituosas atalladas ao abeiro deste plan rexistráronse na contorna do Camiño Francés ao seu paso por provincias da comunidade de Castela e León. É o caso de Burgos, con varios furtos, ou León, onde foron detectados delitos de roubos e mesmo dúas estafas. 

En Galicia, sempre segundo estes datos, os delitos rexistrados neste período foron furtos, un roubo e abusos sexuais. Concretamente, a resposta recibida por Iñarritu indica que se rexistraron furtos en Oroso, O Pino e Sobrado dos Monxes. O "roubo con forza nas cousas" foi detectado en Ames, mentres que os axentes tiveron coñecemento de dous casos de abusos sexuais, un no Pino e outro en Sobrado, este último cunha persoa menor de 16 anos como vítima.

Os datos globais indican que nestes dous anos os furtos detectados no marco do Plan de Seguridade da Ruta Xacobea foron unha vintena houbo catro casos de roubos, abusos sexuais e lesións. Cadanseus dous casos de atentado contra axentes ou autoridades, danos e estafa e un de invasión de domicilio, ameazas e coaccións completan o rexistro.

No que atinxe ás infraccións administrativas, a cifra é maior e supera o centenar no mesmo período. No caso de Galicia, os datos achegados por Interior a Iñarritu indican que se rexistraron 10 infraccións "en materia de sanidade e medio ambiente", todas na provincia de Lugo, que tamén rexistrou unha "en materia de seguridade cidadá". En "transportes, comunicacións e seguridade vial" houbo 3 destas infraccións na Coruña e unha, en Lugo. O rexistro complétase con outras 10 no apartado "outras infraccións", 4 na provincia coruñesa e 6, na lucense.

A mesma resposta indica que "non é posible distinguir", tanto nos delitos como nas infraccións, se "o denunciante é peregrino ou outro tipo de persoa". Agrega ademais que os "procedementos de actuación" dos gardas ao abeiro deste plan están, como noutros casos, suxeitos a "un nivel de difusión confidencial".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.