A través da Selective Training and Service Act foron rexistrados 19 mil homes españois residentes nos Estados Unidos e, deles "unha porcentaxe significativa foi recrutada e serviu nas diferentes ramas das forzas armadas estadounidenses"
O Estado español non participou oficialmente na Segunda Guerra Mundial, aínda que a neutralidade declarada do réxime franquista estivo en dúbidas durante os primeiros anos da contenda debido á súa proximidade á Alemaña nazi. Mesmo así, o territorio galego foi escenario do conflito a varios niveis e foron moitas as persoas nacidas en Galicia que, efectivamente, combateron, tanto na resistencia a Hitler en Europa, coma enrolados na División Azul que se integrou na fronte nazi en Rusia e mesmo integrados no exército estadounidense.
Un estudo desenvolvido polo profesor da USC Javier Fernández Castroagudín afonda na participación na guerra de emigrantes galegos nos Estados Unidos. O país norteamericano, neutral nos primeiros meses da guerra ata o ataque xaponés a Pearl Harbor de decembro de 1941, establecera xa en setembro de 1940 a Selective Training and Service Act, “pola que se establecía a obrigatoriedade de rexistro e, eventualmente, selección e alistamento de todos os homes estadounidenses con idades comprendidas entre os 21 e os 36 anos", sinala o estudo, que destaca que "constituíu o primeiro servizo militar obrigatorio do país en tempo de paz”.
Analizáronse en total 1.227 rexistros de españois recrutados no US Army. A comunidade máis afectada foi Galicia, con 345 alistados, un 31% daqueles nos que se coñece a rexión de orixe
Tras a entrada dos Estados Unidos na guerra, a acta ampliouse a todos os homes, estadounidenses ou estranxeiros, con idades entre 18 e 64 anos. Entre eles declaráronse seleccionables para o servizo a todos os homes capaces entre 20 e 44 anos.
A través desta Selective Training and Service Act foron rexistrados 19 mil homes españois residentes nos Estados Unidos e, deles "unha porcentaxe significativa foi recrutada e serviu nas diferentes ramas das forzas armadas estadounidenses”, sinala Fernández Castroagudín. Entre eles, case un terzo eran galegos, o que elevaría o número de rexistrados ata os seis mil, cun número moi elevado de homes nacidos en Galicia ou de orixe galega finalmente recrutados.
O estudo destaca que o lugar de destino dos emigrantes galegos máis frecuente foi Nova York, seguido de Nova Jersey, Pennsylvania, California e Florida. A idade media dos homes recrutados foi de 31 anos, estando a idade de dous terzos desta poboación entre 20 e 40 anos
Analizáronse en total 1.227 rexistros de españois recrutados no US Army. A comunidade máis afectada foi Galicia, con 345 alistados, un 31% daqueles nos que se coñece a rexión de orixe, seguido por Andalucía e as comunidades da cornixa cantábrica (Asturias, Euskadi, Cantabria), así como Castela-León, supoñendo entre elas case o 80% dos emigrantes recrutados.
A provincia con máis alistados foi A Coruña con 192, seguida de Pontevedra, Lugo e Ourense. “Daqueles nos que se coñece o municipio ou parroquia de orixe pode observarse a existencia dunha especialización xeográfica, cun agrupamento nas zonas costeiras atlánticas, sobre todo na Mariña coruñesa, con Sada como o municipio máis frecuentemente rexistrado, e a zona das Rías Baixas”, explican os investigadores.
Fernández Castroagudín salienta que “a pesar de que estes números mostran que o alistamento e servizo de emigrantes de ningunha maneira foi un feito illado ou anecdótico, este aspecto da emigración recibiu ata a data nula atención por parte dos investigadores”.
A investigación púxolles nome e apelidos a 30 destes galegos combatentes nas forzas armadas estadounidenses. Deles, reportáronse 9 falecidos en combate (2 deles desaparecidos) e 19 feridos
O estudo destaca que o lugar de destino dos emigrantes galegos máis frecuente foi Nova York, seguido de Nova Jersey, Pennsylvania, California e Florida. A idade media dos homes recrutados foi de 31 anos, estando a idade de dous terzos desta poboación entre 20 e 40 anos. A poboación galega tendeu a presentar maiores taxas de ocupación no sector servizos e na industria e construción, mentres que o resto de España presentou máis taxa de operadores de maquinaria fixa e móbil.
A investigación púxolles nome e apelidos a 30 destes galegos combatentes nas forzas armadas estadounidenses. Deles, reportáronse 9 falecidos en combate (2 deles desaparecidos) e 19 feridos. Unha desas historias persoais é de Andrés Pereiro, nacido en Oleiros en 1923. Recrutado en 1943, combateu na batalla por Normandía e caeu en combate o 1 de setembro de 1944 en La Trinité. Foi soterrado no Brittany American Cemetery and Memorial de Saint-James.
Unha desas historias persoais é de Andrés Pereiro, nacido en Oleiros en 1923. Recrutado en 1943, combateu na batalla por Normandía e caeu en combate o 1 de setembro de 1944 en La Trinité
Os resultados deste traballo presentáronse recentemente no décimo sexto Congreso da Asociación de Historia Contemporánea celebrado en Logroño. A investigación, realizada en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Travieso Díaz da Asociación GRH Big Red One ‘Manuel Otero’, buscou nos rexistros militares da National Archives and Records Administration.
Ademais destes emigrantes galegos que foron recrutados polas forzas armadas dos Estados Unidos, cómpre salientar igualmente a participación que tiveron centos de mariños mercantes galegos que serviron baixo a esta bandeira na II Guerra Mundial e que hai dous anos foron condecorados coa Medalla de Ouro do Congreso dos EUA.