Os novos casos de coronavirus estáncanse en máis de 300 diarios en Galicia

CC-BY-SA Praza Pública

Santiago presenta a peor evolución tanto en novos positivos detectados como en aumento de hospitalizacións

337 novos casos sumou este domingo o Sergas ao cómputo total de positivos por coronavirus en Galicia desde o comezo da pandemia, 328 deles detectados con probas PCR nas últimas 24 horas. A cifra supón un estancamento nas últimas xornadas en máis de 300 novos casos diarios, dos que se lograra baixar en varias xornadas consecutivas a comezos de mes, xusto antes da relaxación das restricións previa á ponte festiva.

A última xornada deixou outras dúas mortes, ningunha relacionada con residencias, pero neses centros seguen a producirse positivos entre as persoas usuarias, cun novo brote de nove casos en Cea

Porén, o estancamento xeral no global de Galicia é froito dun dispar comportamento xeográfico, coa área sanitaria e a cidade de Santiago amosando un empeoramento constante da incidencia e a hospitalización fronte á progresiva redución de casos de Lugo. Ademais, na última xornada os datos oficiais sumaron dúas novas mortes, ata un total de 1.338, e outras 8.002 probas PCR, cunha positividade que se mantén por baixo do 5%.

Ningunha das dúas mortes da última xornada está relacionada con residencias, pero neses centros seguen a producirse positivos entre as persoas usuarias. O sábado a Xunta comunicaba a detección de nove casos entre residentes do centro La Saleta de San Cristovo de Cea, e este domingo dun positivo nun usuario da residencia DomusVi de Vimianzo e dous no centro de maiores Monte Tecla da Guarda. Na actualidade son 118 os casos activos entre persoas residentes nun total de 18 centros de toda Galicia.

Canto á atención sanitaria, tras unha significativa redución da ocupación nos datos divulgados o sábado, con 27 doentes menos ingresados (7,5% menos) que o día anterior, nos datos deste domingo súmanse outros nove ingresos, ata un total de 293 doentes en planta, mentres caen en tres as prazas de UCI ocupadas, ata un total de 53.

O empeoramento da hospitalización da última xornada, con eses nove doentes, é froito fundamentalmente da área de Santiago, que presenta a maior ocupación, con 73 persoas en planta e 5 en UCI, adiantando á área da Coruña e as súas 59 persoas en planta e 14 en coidados intensivos.

O incremento da hospitalización en Santiago non é conxuntural senón que vén aumentando en paralelo ao empeoramento xeral da incidencia do virus entre a poboación desde comezos de mes. Se na primeira fin de semana do mes a área rexistraba 51 persoas ingresadas en total, na segunda a cifra ascendía a 73 e nesta terceira a 78. Ao tempo, na cidade de Santiago a incidencia por 100.000 habitantes nos últimos 14 días chega xa a 185 casos, máis do dobre dos 75 que rexistraba hai dúas fins de semana.

A área de Lugo segue á baixa cun total de casos activos similar ao de finais de agosto pero aínda así moi por riba dos rexistrados cando o primeiro peche perimetral de Galicia, o da Mariña de comezos de xullo

No extremo contrario, a área sanitaria de Lugo mantén a súa liña descendente, con só 26 positivos por PCR nas últimas 24 horas e un total de casos activos de só 371, cifra similar á que se rexistraba a finais de agosto. Aínda así, son 150 casos activos máis que os que chegou a ter durante o gromo de comezos de xullo que coincidira coas eleccións galegas e que levara a pechar A Mariña, a primeira comarca na que se restrinxira a mobilidade. Tamén é a área que rexistra menor presión hospitaria, con só 19 casos ingresados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.