A quinta vaga da pandemia de COVID continúa a remitir en Galicia. O número de novos positivos detectados cada día é cada vez menor, pero aínda se mantén por riba dos 500 casos diarios. Este luns o Sergas notifica a aparición de 566 novos positivos, por debaixo dos 811 do luns pasado. A media diaria de novos positivos na última semana descende ata os 736 casos.
A área sanitaria da Coruña segue a ser a zona con maior incidencia (685 casos por cada mil persoas a 14 días e 290 a 7 días)
Baixa polo tanto a incidencia acumulada, que xa se sitúa nos 449 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días e nos 192,28 casos por cada mil persoas nos últimos 7 días. A área sanitaria da Coruña segue a ser a zona con maior incidencia (685 casos por cada mil persoas a 14 días e 290 a 7 días). Con todo, as súas cifras melloran, ao igual que no resto do país.
Santiago e Ourense son as áreas con menor incidencia, seguidas de Lugo. En cambio, Vigo e Ferrol son as áreas que están máis próximas aos datos da Coruña.
As boas novas chegan nos datos referidos á evolución do número de contaxios. Porén, as malas continúan a chegar nas estatísticas de defuncións e ingresos hospitalarios, que seguen a rexistrar o efecto da multiplicación de positivos que tivo lugar no mes de xullo.
22 persoas morreron na última semana
Na última semana houbo que engadir 22 novas mortes relacionadas coa COVID, ata chegar a 2.516 dende o inicio da pandemia. Nos últimos 30 días foron 73 as defuncións, as cifras máis elevadas dende o pasado mes de marzo.
Aumentan as hospitalizacións, que se manteñen nos seus valores máximos nos últimos cinco meses
Tamén aumentan as hospitalizacións, que se manteñen nos seus valores máximos nos últimos cinco meses. Este luns o SERGAS notifica que hai 63 persoas con COVID nas UCI (a cifra máis alta dende o 16 de marzo) e outras 274 noutras unidades de hospitalización. En total, hai 337 camas ocupadas por pacientes COVID, 21 máis que o pasado luns.
Fisterra, A Pobra do Brollón, Alfoz, Malpica de Bergantiños, Laxe, Betanzos e Monterrei son os concellos con máis incidencia acumulada
A incidencia da enfermidade tende a reducrse na maior parte de Galicia, pero hai aínda sete concellos con incidencias acumuladas a 14 días superiores ao mil casos por cada 100.000 persoas. Trátase de Fisterra, A Pobra do Brollón, Alfoz, Malpica de Bergantiños, Laxe, Betanzos e Monterrei. Entre os 800 e os mil casos por cada 100.000 persoas aparecen concellos coma Cabana de Bergantiños, Muxía, Cabanas, Zas, Corcubión, Pontedeume e Redondela, o único de máis de 10.000 habitantes por riba dese indicador.
A Coruña segue a ser a urbe con peores datos e as súas cifras de incidencia descenden de vagar
En canto ás cidades, A Coruña segue a ser a urbe con peores datos e aínda que as súas cifras de incidencia descenden, o certo é que o fan de vagar. Este luns sitúanse nos 725 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. Vigo (588) e Ferrol (505) son as seguintes cidades con máis incidencia, seguidas de Pontevedra e Lugo, xa por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 persoas.