Persoal en formación e profesionais xubilados reforzan o sistema sanitario ante o virus

Prevese a contratación excepcional de máis profesionais, algúns dos cales aínda non son titulados (estudantes en formación) ou xa están xubilados (sempre que non cheguen aos 70 anos) © Xunta

Xunta e Goberno central están a tomar medidas para garantir o sostemento do sistema no marco da epidemia do Covid-19, tanto abrindo a posibilidade de adiar citas e procesos non urxentes como reforzando os recursos humanos e materiais dispoñibles, mediante a contratación excepcional de máis profesionais, algúns dos cales aínda non son titulados (estudantes en formación) ou xa están xubilados (sempre que non cheguen aos 70 anos). 

Reprogramación de actividade

A Consellería de Sanidade anunciou este luns que se poderán reprogramar as citas co obxecto de facer fronte ás necesidades prioritarias

A Consellería de Sanidade anunciou este luns que se poderán reprogramar as citas co obxecto de facer fronte ás necesidades prioritarias. Tanto as citas de atención primaria e hospitalaria como as probas diagnósticas non urxentes poderán ser adiadas seguindo criterios clínicos e sempre se comunicarán os cambios de xeito individual. A instrucción do Sergas é que calquera cambio na cita será comunicado de xeito individual e se non se recibe unha chamada por parte do Sergas, mantense a cita que xa ten.

Nos hospitais poderá ser suspendida ou aprazada a actividade cirúrxica programada. As consultas e probas diagnósticas non preferentes poderán ser suspendidas ou aprazadas, e no caso das consultas, substituídas por modalidades de atención non presencial. Así mesmo, o Sergas suspende todos os programas de cribado, sen embargo realizaranse as probas diagnósticas derivadas destes programas nos casos que deran positivo. Ademais, mantense o calendario vacinal infantil.

Profesionais sanitarios nun hospital galego © Xunta

Igualmente, o Sergas promoverá a consulta telefónica en todos os casos posibles para evitar que se acuda aos centros sanitarios, e tamén empregará os procedementos que permitan a atención domiciliaria, a través de visita domiciliaria ou da plataforma TELEA de teleseguimento de pacientes. 

A Consellería de Sanidade activou así mesmo a medida que permitirá ás farmacias dispensar a domicilio medicamentos ás persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas, dependentes e enfermos crónicos independentemente de onde residan. Tamén se posibilita a entrega de medicación hospitalaria nos domicilios dos pacientes ou a posibilidade de que sexa un familiar o que as recolla no hospital para evitar o desprazamento da persoa enferma.

Contratación excepcional de persoal

Autorízase a contratación daqueles profesionais sanitarios que a pesar de superar as últimas probas selectivas non obtiveron praza por non existir número de prazas suficientes

O BOE publicou este domingo unha orde de "medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria". Nela, prevese a contratación excepcional de profesionais que neste momento non teñen praza e mesmo de persoal sanitario xubilado. Así mesmo, establécese unha prórroga na contratación dos residentes no seu último ano de formación

Ademais, autorízase a contratación daqueles profesionais sanitarios que a pesar de superar as últimas probas selectivas non obtiveron praza por non existir número de prazas suficientes. Tamén se prevé que se poidan incorporar de maneira inmediata aos servizos de saúde todos aqueles profesionais sanitarios pendentes de realización de prácticas ou formación e regúlanse as condicións para o recoñecemento dos títulos estranxeiros de especialista obtidos en Estados non membros da Unión Europea. 

Prevese que os profesionais sanitarios xubilados (ata 70 anos) poderán incorporarse voluntariamente aos servizos de saúde

Así mesmo, prevese que os profesionais sanitarios xubilados (ata 70 anos) poderán incorporarse voluntariamente aos servizos de saúde compatibilizando o goce da pensión de xubilación coa prestación de servizos nos centros sanitarios, priorizando a localización dos mesmos en atención primaria. Tamén os liberados e liberadas sindicais poderán solicitar voluntariamente reincorporarse para desempeñar funcións asistenciais (isto non suporá en ningún caso o cesamento do persoal substituto que poida existir).

Por último, as autoridades sanitarias poderán subscribir contratos laborais de duración determinada, de auxilio sanitario, destinado a estudantes do grao de medicina e enfermaría no seu último ano de formación. O contrato deberá indicar que se desenvolve en calidade de apoio e baixo supervisión dun profesional sanitario.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.