Portugal estende a todo o país as restricións polo coronavirus que aplicaba en Lisboa e limita os horarios comerciais

Terraza ou esplanada dun local hostaleiro no centro Braga CC-BY-SA Praza Pública

Limita a 4 persoas os grupos na hostalería nas proximidades de escolas e en centros comerciais

Desde este mércores 15 de setembro o Goberno de Portugal vén de estender a todo o país a denominada “situação de contingência” que ata agora estaba en vigor na área metropolitana de Lisboa. Unha decisión que se toma “tendo em conta o crescimento de novos casos diários de contágio da doença, o início do ano letivo escolar e o aumento expectável de pessoas em circulação, designadamente, nos transportes públicos em áreas com elevada densidade populacional”. Entre outras cuestións, limítanse os horarios comerciais e os grupos de persoas na hostalería en determinadas circunstancias.

Val do Miño visto desde Vila Nova de Cerveira CC-BY-SA Praza Pública

A partir das 20 horas queda prohibida a venda e consumo en espazos exteriores de bebidas alcólicas 

O horario comercial xeral queda limitado entre as 10 e as 20 horas, coa posibilidade de que as autoridades locais poidan estendelo ata as 23 horas. En todo caso, a partir das 20 horas só se poderán consumir bebidas en espazos exteriores dos establecementos hostaleiros se é acompañando unha comida, mentres que a partir desa hora queda prohibido tanto o consumo de bebidas alcólicas como a súa venda en supermercados. Nas áreas de servizo e gasolineiras a venda de bebidas alcólicas queda prohibida durante todo o día.

O uso da máscara segue a ser obrigatorio en espazos pechados, pero non ao aire libre

Canto aos grupos de persoas, en xeral quedan limitados a 10 salvo que pertenzan á mesma familia. Pero o límite redúcese a 4 persoas, salvo se son da mesma familia, nos locais de hostalería situados en centros comerciais ou a menos de 300 metros de escolas.

O Goberno portugués tamén estableceu que nas áreas metropolitanas de Lisboa e Porto se organicen medidas de prevención nos postos laborais “como escalas de rotatividade de trabalhadores entre o regime de teletrabalho e o trabalho prestado no local de trabalho habitual, e o desfasamento de horários”.

Canto ao uso de máscara, o Goberno non introduciu ningunha novidade a respecto do establecido ata agora, que supón o uso obrigatorio en espazos pechados pero non ao aire libre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.