En Ferrol existe unha praza, situada fronte ao edificio administrativo da Xunta, que moita xente coñece como Praza Amada García, en lembranza da muller mugardesa fusilada en 1938. Porén. o nome oficial da praza é Camilo José Cela
En Ferrol existe unha praza, situada fronte ao edificio administrativo da Xunta, que moita xente coñece como Praza Amada García, en lembranza da muller mugardesa fusilada en 1938. Foi a asociación Mulheres Nacionalistas Galegas quen primeiro impulsou esta denominación, nun acto de homenaxe celebrado aquí en 2001, cunha proposta que posteriormente foi asumida por moitas outras entidades.
Trátase dun lugar moi significativo na cidade, especialmente para as organizacións sociais, políticas e sindicais, pois esta praza acolle un gran número de concentracións e manifestacións. Aínda que para moitos e moitas a praza leva o nome da mugardesa, en realidade, o nome oficial da praza é Camilo José Cela, aínda que o Premio Nobel galego non ten vinculación con Ferrolterra. Unha denominación polo tanto en disputa, mesmo en Google Maps, onde aparecen as dúas case superpostas.
A iniciativa, apoiada por PSdeG-PSOE, BNG e Ferrol en Común, será debatida este xoves no pleno municipal, no que o PP conta con maioría absoluta
Este xoves 28 o pleno municipal de Ferrol debaterá unha proposta, apoiada por PSdeG-PSOE, BNG e Ferrol en Común, para modificar oficialmente o nome da praza e "facer realidade oficial unha realidade de feito", sinala a entidade. O Partido Popular conta con maioría absoluta no pleno.
Non é a primeira vez que esta iniciativa esta enriba da mesa. No ano 2017 o Consello Sectorial da Muller propuxo por unanimidade o nome de Amada García para a praza, un momento no que a asociación Memoria Histórica Democrática apoiou a iniciativa mediante un escrito presentado por Rexistro no Concello. O debate regresou no ano 2020, cando a proposta de cambio de nome pasou de novo polo Consello Sectorial da Muller e pola Xunta de Portavoces. Nese momento, dende o Goberno municipal -nese momento en mans do PSdeG- avogouse por acadar un consenso entre todos os partidos antes de levar a cabo calquera modificación.
Fusilada pouco despois de dar a luz o seu fillo
Non é a primeira vez que esta iniciativa esta enriba da mesa
Amada García naceu en 1909 en Mugardos e dende moi nova militou no Partido Comunista. Esta militancia, moi activa, levou á súa detención pouco despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, sometida a traballos forzados e arresto domiciliar. En abril de 1937 foi de novo detida, estando embarazada, sendo recluída no cárcere de mulleres de Ferrol, e o 30 de outubro deu a luz no Hospital de Caridade o seu fillo Gabriel -entregado aos seus avós maternos-.
Foi detida estando embarazada, tivo o seu fillo e dous meses máis tarde foi fusilada no Castelo de San Filipe
Dous meses despois un Consello de Guerra condenouna a morte e o 26 de xaneiro de 1938 foi conducida ao Castelo de San Filipe, onde ao día seguinte foi executada xunto con outras sete persoas. A lenda acabou por dicir que fora detida e represaliada por bordar unha bandeira do PCE, pero a realidade é que o odio que espertaba nos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa e que levou á súa execución tivo que ver co seu activismo político exercido durante anos e pola súa resistencia nos primeiros días do golpe de Estado, como explica o historiador Bernardo Maiz.
A lenda acabou por dicir que fora detida e represaliada por bordar unha bandeira do PCE, pero en realidade a súa execución débese á súa intensa militancia comunista
Dende hai 15 anos a Asociación Memoria Histórica Democrática e outros colectivos cidadáns realizan cada 27 de xaneiro unha ofrenda floral no foxo do Castelo de San Filipe en lembranza de Amada e de todas e todos os represaliados pola ditadura fascista. Dende o 2017 a homenaxe converteuse nun Acto Institucional do Concello de Ferrol. Amada García e o seu fillo Gabriel Toimil son uns dos protagonistas do documental A pegada dos avós, de Xosé Abad.