As asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán organizan este luns no Castelo de San Felipe de Ferrol unha homenaxe a Amada García, mugardesa que en xaneiro de 1938 foi fusilada pola ditadura fascista xunto con outros sete veciños. As dúas asociacións entenden o acto coma "unha homenaxe a todas as mulleres de Ferrolterra represaliadas pola ditadura franquista" e, en xeral, a todas as vítimas da represión.
Amada García era veciña de Mugardos. Aínda que está moi estendida a idea de que foi fusilada por bordar unha bandeira do PCE, o certo é que o odio que espertaba nos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa e que levou á súa execución ten que ver co seu activismo político exercido durante anos e pola súa resistencia nos primeiros días do golpe de Estado. Os militares sublevados deteñen e xulgan un elevado número de veciños e veciños do concello e entre eles a Amada García. Cando se dita a sentenza de morte contra ela, Amada García estaba embarazada, polo que se adiou a execución á espera de que dera a luz o seu fillo, Gabriel.
Á espera dese momento, estivo confinada no Cárcere de Mulleres de Ferrol; o 31 de outubro de 1937 ao Hospital de Caridade de Ferrol, onde pariu, e 88 días despois, o 27 de xaneiro de 1938, foi conducida ao castelo de San Felipe. Alí foi executada, por un pelotón de fusilamento, canda ela foran executados o mesmo día outras sete persoas: Ángel Roldos Gelpi (profesor do colexio público O Pitieiro), Antonio Eytor Cañizo, José María Montero Martínez, Juan José Teijeiro Leira (de Mugardos), Jaime González Pérez e Ramón Rodríguez López (de Ares), e Germán López García (de Cabanas).
A véspera de ser fusilada, Amada García deixou escrita unha carta onde explicaba detalladamente as circunstancias da súa desgraza e a identidade das persoas que lle acusaron. O seu proceso está cheo de irregularidades e advírtese o afán vengativo e de despeito de certas persoas. Un dos acusadores visitou a Amada García e quixo retirar as súas acusacións explicando as circunstancias polas que as fixo, pero foi ameazado. E dous veciños de Mugardos que eran analfabetos protestaron ao decatarse que se lles fixo asinar unha declaración que non recollía o que depuxera no interrogatorio. A pesar de declarar que o contido do escrito non era o que se lles leu, non se tivo en conta. En dous días xulgáronse a 45 persoas de Ares e Mugardos e ditáronse 37 penas de morte.
Pedro Velázquez Vilanova dedicoulle un poema a Amada García, no que escribe "A quen importa bordar unha bandeira?/ O que importa é teceres coa palabra/ con artes de redeira/ nidios soños de mulleres liberadas/ Se longa foi a espera/ xa está chegado o día/ Teu nome, Amada, gravaremos/ no muro terrible da ignominia/ Daquela si/ daquela poderás ficar en paz/ entre o ceo e o mar".
Amada García e o seu fillo Gabriel Toimil son uns dos protagonistas do documental A pegada dos avós, de Xosé Abad, que o pasado venres se proxectou en Ferrol. O filme afonda nas historias e nas vidas de varios represaliados galegos polo franquismo, pero coa novidade de que o relato está contado a través dos ollos dunha xeración moi afastada do sucedido naquelas décadas. Son un grupo de adolescentes, estudantes dun centro de secundaria da Coruña, os que entran en contacto cos protagonistas, investigan sobre a súa vida e reflexionan sobre os acontecementos que viviron.