"Que un neno fose abandonado ou que sexa vulnerable son características, pero non é a súa identidade"

Os grupos de irmáns e irmás atopan maiores dificultades para seren adoptados/as © Fundación Meniños

Este mércores celébrase o 30 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, data que dá lugar que todos os anos se conmemore o 20 de novembro o Día Internacional dos dereitos da Infancia, como lembra a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia neste artigo, no que destacan que "os nenos e nenas son ante todo presente e polo tanto non poden, non deben esperar".

Son moitas as organizacións que traballan na protección, formación e coidado da infancia, sobre todo daqueles nenos e nenas máis vulnerables. Unha delas é a Fundación Meniños, que desenvolve en toda Galicia un Programa de Adopcións Especiais, que busca "promover a adopción de nenos, nenas e adolescentes con necesidades especiais" que por este motivo teñen "máis dificultades para ver satisfeito o dereito a vivir en familia". Trátase de nenos e adolescentes tutelados pola Xunta que superaron xa os 8 anos, teñen algún tipo de discapacidade ou enfermidade crónica, e tamén de grupos de irmáns. Para todos eles e elas é máis complicado seren adoptados.

"O Programa de Adopcións Especiais da Fundación Meniños trata de promover a adopción de nenos e nenas que teñen unhas características especiais que fan máis difícil que poidan atopar unha familia"

A Fundación busca encaixar estes nenos e nenas con posibles familias que queren adoptar e, ademais, achega información, formación e apoio ás familias, tanto antes coma despois da adopción, proporcionando apoio técnico e psicolóxico para facilitar a incorporación dos rapaces e rapazas no novo ambiente familiar, e atender as necesidades que xurdan durante todo o proceso adoptivo. Falamos con Laura Quintana Morales, psicóloga e técnica do Programa de Adopcións Especiais.

Cal é o obxectivo do Programa?

O Programa de Adopcións Especiais da Fundación Meniños trata de promover a adopción de nenos e nenas que teñen unhas características especiais que fan máis difícil que poidan atopar unha familia. Son, ou ben maiores de 8 anos, ou ben presentan algunha discapacidade, ou ben son grupos de irmáns, ou ben contan con algunha outra dificultade aparente que se constitúe en obstáculo para atopar un fogar.

"Os nenos e nenas do programa son sobre todo nenos, polo que teñen moitísimas máis cousas en común que diferenzas cos nenos sen grandes dificultades"

Moitas das familias que buscan adoptar teñen un 'ideal' de neno ou nena dos que estes rapaces non encaixan?

Existen unhas expectativas da maternidade e da paternidade que fan que cando unha familia se achega para adoptar busque unha serie de características moi determinadas. En realidade, os nenos e nenas do programa son sobre todo nenos, polo que teñen moitísimas máis cousas en común que diferenzas cos nenos sen grandes dificultades. Os aspectos positivos e as dificultades da crianza son os mesmos que na maternidade ou na paternidade biolóxica ou noutro tipo de adopcións, só que nestes casos aparecen unha necesidades específicas que hai que cubrir. 

O que tentamos dende a Fundación é ter moitos encontros e entrevistas previas coas familias para falar das súas expectativas. Hai moita xente que se achega e di 'eu quero un neno san'. O que pasa é que tamén podes atopar todo tipo de situacións nas adopcións ordinarias, porque ao final trátase de nenos e nenas que foron abandonados. Os nosos nenos e nenas son máis maiores e polo tanto son máis conscientes dese proceso de abandono e poden verbalizar as súas situacións. Pero non hai grandes diferenzas cos nenos das adopcións ordinarias.

© Fundación Meniños

Calquera familia é idónea para realizar este tipo de adopcións?

O sistema de adopcións é pola vía ordinaria, que é a nacional. Polo tanto, as familias pasan antes pola Xunta e a Xunta é quen valora a súa idoneidade, tendo en conta diversos aspectos, dende a vivenda, á capacidade económica ou a súa estabilidade persoal. Polo tanto, cando chegan aquí xa sabemos que son familias idóneas, pero o que temos que analizar despois é se encaixan co noso programa. É dicir, se de verdade están dispostas a adoptar nenos e nenas con, en principio, máis dificultades. Non hai un perfil concreto, senón que depende das motivacións que teña cada familia.

"Os nenos deste programa necesitan o mesmo que todos os nenos: afectos, vínculos estables ao longo do tempo"

En calquera caso, é moi importante para estes nenos e nenas atopar un fogar, non si? Aínda que os centros de protección funcionen ben, nunca poden substituír ao que unha familia e un fogar estable proporcionan?

Si, porque os nenos deste programa necesitan o mesmo que todos os nenos: afectos, vínculos estables ao longo do tempo. Nos centros fan un labor moi bo e ofrécenlles afecto e vínculos, pero son sempre referentes temporais e os rapaces con conscientes disto. Nunha casa, en cambio, vai haber uns referentes que van estar aí sempre e podes permitirte o luxo de poder vincularte con esa xente que te coida, porque sabes que ese vínculo non o vas perder.

Como é o proceso para atopar unha familia para cada neno ou nena?

Nós dende un principio coñecemos os nenos por un lado e ás familias por outro, e buscamos que poidan encaixar. Temos que ter en conta as expectativas desas familias e os seus límites, por así dicilo. A partir de aí facemos moitas entrevistas e presentamos casos hipotéticos. Cando cremos que poden encaixar, facemos unha proposta á Xunta e aí comezaría o proceso que chamamos o plan de acoplamento. Ao neno ou nena dámoslle un álbum que elabora esa familia, coas súas fotos, coa súa historia..., para que os coñezan mellor. Despois facemos unha presentación oficial e pouco a pouco van pasando máis tempo xuntos. Neses momentos os nenos e nenas ás veces comezan xa a insistir: “cando vou para a miña casa?” ou “cando vou cos meus pais”.

O voso traballo remata aí ou seguides a facer un seguimento?

Despois da adopción facemos un seguimento de dous anos, que é algo que non se fai na vía ordinaria. Este seguimento dálles moita tranquilidade ás familias e en ocasións amplíase máis no tempo, se xorde algún problema máis adiante e as familias solicitan a nosa colaboración. 

"Estes nenos e nenas son superviventes natos. Teñen unha capacidade tremenda para saír adiante nuns anos que son importantísimos para a súa constitución como persoas"

Un dos problemas das adopcións ordinarias é a longa duración do proceso? Nas adopcións especiais é máis rápido?

Ese é un mito que creo que hai que romper. Porque hai xente que se achega a nós dicindo que lles parece moito tempo os cinco anos que teñen que agardar pola vía ordinaria e preguntando se por esta vía a duración é menor. Pero sempre lles temos que aclarar que o proceso das adopcións especiais non é necesariamente máis rápido. Iso depende do que estea disposto a asumir esa familia, das súas motivacións e expectativas. As familias que están dispostas a adoptar un grupo de tres irmáns ou un neno ou nena cunha discapacidade posiblemente poden tardar menos tempo, pero noutros casos os prazos son semellantes.

No artigo que hoxe publica a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia destácase que "as carencias que se padezan nos primeiros anos da vida tenden a se arrastrar ao longo das seguintes etapas". Hai que redobrar esforzos para proporcionar a estes nenos e nenas o apoio que necesitan nesta etapa tan crucial?

Cando coñeces a estes nenos e nenas, ao final daste conta de que son superviventes natos. Teñen unha capacidade tremenda para saír adiante nuns anos que son importantísimos para a súa constitución como persoas. Sobre todo no caso de nenos e nenas que sufriron a violencia por parte daquelas persoas que tiñan que protexelos, ou que foron abandonados por quen tiñan que coidar deles. Cuestiónanse a incondicionalidade do cariño, cuestiónanse que ese vínculo sexa permanente. Iso é no que nós temos que traballar con eles e elas, e leva tempo. 

Estes nenos buscan o que buscan todos os nenos: cariño, afecto e referencias. E que sexan abandonados, que teñan diagnósticos graves, que sexan vulnerables..., estas son condicións que eles teñen, pero non é o que os define. Son características, non a súa identidade.

Este 20 de novembro celébrase o día internacional dos dereitos da infancia © Fundación Meniños

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.