Igrexas, fontes ou lavadoiros. A asociación cultural Lucenza-Ateneo de Nigrán inventariou un total de nove inscricións franquistas por todo o municipio e solicita ao Bispado e ao Concello que se cumpla coa legalidade da Memoria Democrática
“En Galiza non houbo frontes de Guerra, pois os golpistas dominaron o territorio nos primeiros días após o 18 de xullo de 1936. O que houbo na nosa terra foi unha terrible represión política que tinguiu de loito a moitas familias”, subliña o presidente da asociación cultural de Nigrán Lucenza, Xabier Méndez.
Esta entidade vén de remitir ao Bispado de Tui - Vigo e ao Concello de Nigrán dúas instancias nas que se demanda a retirada da simboloxía franquista existente no municipio de Nigrán.
A asociación ten inventariadas nove inscricións franquistas distribuídas por todo o municipio, en sete edificacións de titularidade da Diócese e dúas construcións de titularidade municipal.
Estas inscricións están colocadas principalmente nos muros exteriores de todas as igrexas parroquiais, figurando nelas o nome do dirixente falanxista José Antonio Primo de Rivera e mesmo nalgún caso o símbolo fascista do xugo e as frechas, ademais de referencias aos “caídos na Cruzada de 1936 a 1939” e o “Ano da Vitoria”, o que supón un claro enaltecemento do bando franquista, segundo explican desde a entidade.
Ademais, existen tamén nas parroquias de Camos e Panxón símbolos falanxistas situados en lavadoiros e fontes de titularidade municipal.
"As vítimas desa represión e as súas familias foron agraviadas, e seguen a selo", lamenta o presidente de Lucenza-Ateneo de Nigrán
Para Lucenza todas estas inscricións e símbolos son elementos contrarios á memoria democrática e supoñen un agravio permanente ás vítimas da represión exercida na comarca polos golpistas do 36 e polo réxime da ditadura franquista.
“As vítimas desa represión e as súas familias foron agraviadas, e seguen a selo, por homenaxes e símbolos que durante moitas décadas ocuparon e aínda, como vemos, ocupan os espazos públicos para render homenaxe e memoria aos caídos na ‘Cruzada’, así como ás organizacións franquistas, ao nacional-catolicismo como ideoloxía e a ditadura do xeneral Franco como réxime”, lamenta o presidente de Lucenza-Ateneo de Nigrán.
A asociación critica a pasividade da Diócese de Tui-Vigo
No burofax que agora vén de enviar Lucenza á Diócese de Tui-Vigo critícase a pasividade manifestada polo Bispado e a falta de compromiso democrático que isto supón, xa que un ano o Ateneo xa lle solicitara ao Bispo colaboración para a retirada dos símbolos franquistas colocados nas igrexas parroquiais do municipio..
E por iso que agora, ao abeiro da recente Lei de Memoria Democrática, Lucenza insta ao Bispado e ao Concello de Nigrán "unha rápida retirada de dita simboloxía en cumprimento da normativa vixente, para así poder avanzar na superación progresiva desta páxina negra da historia", argumenta desde a asociación.
Lucenza-Ateneo de Nigrán é unha entidade sociocultural que entre os seus fins fundacionais ten a difusión de valores democráticos na sociedade