"Manter esta simboloxía franquista, ademais de ilegal, é unha humillación ás vítimas do franquismo, que non pode tolerar unha sociedade democrática", sinala o colectivo de presos e presas políticos de Ferrol
O colectivo de presos e presas políticos de Ferrol entregou este xoves ao alcalde da cidade, Ángel Mato, e aos grupos municipais de PP, Ferrol en Común e BNG un escrito que propón a presentación dunha moción no pleno municipal para pedir a retirada de 45 símbolos franquistas existentes aínda na cidade. O colectivo subliña que "manter esta simboloxía franquista, ademais de ilegal, é unha humillación ás vítimas do franquismo, que non pode tolerar unha sociedade democrática" e lembra que hai xa 14 anos que se aprobou a Lei de Memoria Histórica, á que hai uns meses se uniu a nova Lei de Memoria Democrática.
Aínda que Ferrol foi pioneira na eliminación dos nomes franquistas no rueiro (o 2 de marzo de 1981 a primeira corporación municipal democrática tras a ditadura aprobou a retirada de 61 símbolos e denominacións que exaltaban o franquismo), o colectivo sinala que "dez ministros de Franco aínda manteñen rúas e distincións honoríficas" na cidade.
Aínda que Ferrol foi pioneira na eliminación dos nomes franquistas no rueiro en 1981 dez ministros de Franco aínda manteñen rúas e distincións honoríficas na cidade
O colectivo xa presentou anteriormente unha denuncia ante a Fiscalía polo incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte do Ministerio de Defensa pola existencia dun total de 23 símbolos franquistas en Galicia, 13 deles en Ferrol, en instalacións militares. A denuncia foi remitida á Fiscalía do Tribunal Supremo por ser a competente nesta materia.
O colectivo de presos e presas políticos de Ferrol lembra que a Lei de Memoria Democrática sinala no seu artigo 40 que "as administracións públicas adoptarán as medidas oportunas para retirar recoñecementos, honores e distincións que resulten manifestamente incompatíbeis coa valores democráticos" e que, ademais, no seu artigo 41 retira 33 títulos nobiliarios, entre eles o de Conde de Fenosa a Pedro Barrié de la Maza e o o Marqués de Suanzes a Juan Antonio Suanzes. Porén, sinalan "Pedro Barrié de la Maza conserva unha rúa en Ferrol e é Fillo Adoptivo" e "Suanzes conserva a distinción de Fillo Predilecto".
O colectivo sinala que o enxeñeiro e militar franquista José María González-Llanos mantén unha estatua na cidade, cuxo mantemento se xustifica por ter participado na posta en marcha do estaleiro de ASTANO
Tamén fan fincapé en que, a pesar de que aquela primeira corporación democrática eliminou o nome da González Llanos da estrada á que daba nome ata 1981 e de que recentemente o Ministerio de Defensa suprimiu tamén a rúa González Llanos existente no Arsenal Militar, este "aínda é Fillo Predilecto de Ferrol e PP e PSOE aprobaron unha moción no Pleno de 9 de maio de 2022 para manter unha estatua de González Llanos, que foi condecorado coa Medalla de la Campaña (1936-1939) e era Contralmirante da Armadas franquista en 1958".
En efecto, o pasado mes de maio unha moción que reclamaba a eliminación da estatua do enxeñeiro e militar franquista José María González-Llanos, aprobada o 31 de marzo cos votos a favor de PSdeG-PSOE, Ferrol en Común e BNG e a abstención do PP, foi substituída por outra de apoio á súa figura, despois de que o PSdeG-PSOE mudase por completo a súa posición, votando a favor da moción presentada polo PP para defender o militar franquista que en 1941 creou a empresa FENYA e en 1949 puxo en marcha o estaleiro de ASTANO, en Fene.
O Colectivo de Presos e Presas destaca que o Concello de Ferrol está a incumprir varios acordos plenarios, aprobados entre 2017 e 2022, que solicitaban a retirada "de toda a simboloxía franquista" existente na cidade ou dalgúns elementos concretos, coma distincións aprobadas polo Concello para militares e políticos da ditadura
Despois de anos de demandas a cargo de entidades sociais, formacións políticas e mesmo de mocións municipais aprobadas, o pasado mes de marzo o Ministerio de Defensa aceptou eliminar os nomes das rúas interiores do Arsenal militar que exaltaban a representantes e símbolos da ditadura. Fíxoo evitando facer referencia á Lei de Memoria Histórica e despois de xustificar durante anos o seu mantemento pola súa "vinculación" coa cidade. Ademais, a pesar de que unha das rúas retiradas en marzo foi a que homenaxeaba ao heroe franquista Soldado Lois, nacido en Ordes, un mes máis tarde bautizou con esta denominación unha vía de uso militar no exterior do Arsenal, situada entre o pazo de Capitanía e os xardíns de Herrera.
O Colectivo de Presos e Presas destaca que o Concello de Ferrol está a incumprir varios acordos plenarios, aprobados entre 2017 e 2022, que solicitaban a retirada "de toda a simboloxía franquista" existente na cidade ou dalgúns elementos concretos, coma distincións aprobadas polo Concello para militares e políticos da ditadura. Finalmente, o colectivo afirma que "espera" a retirada deses restos do franquismo antes das eleccións municipais do vindeiro mes de maio e que está "disposto a informar desa simboloxía franquista ao Ministerio da Presidencia, como vítimas do franquismo", para que se incorpore, como sinala o artigo 36 da Lei de Memoria Democrática, "ao catálogo de elementos contrarios á memoria democrática".
Os 45 símbolos franquistas de Ferrol
Pídese, así mesmo, a supresión de catro denominacións de rúas e espazos que aínda homenaxean a figuras preeminentes da ditadura, como Pedro Barrié de la Maza, Juan Cardona, José María Fernández-Ladreda ou Soldado Lois
A carta entregada ao alcalde de Ferrol e aos grupos municipais inclúe un anexo no que se detallan os 45 símbolos de todo tipo que aínda seguen a exaltar a ditadura na cidade, entre elementos físicos, honras e distincións. Entre eles atopamos sete distincións de "fillo predilecto" para outros tantos militares e políticos franquistas, como José María González-Llanos, Juan Antonio Suanzes, Pedro Nieto Antúnez ou Francisco Franco Salgado-Araujo. Tamén 11 distincións de "fillo adoptivo" para Enrique Salgado Torres, Juan Cardona Rodríguez, Gonzalo Fernández de la Mora ou Pedro Barrié de la Maza, entre outros.
Pídese, así mesmo, a supresión de catro denominacións de rúas e espazos que aínda homenaxean a figuras preeminentes da ditadura, como Pedro Barrié de la Maza (empresario e banqueiro que financiou a sublevación franquista), Juan Cardona (voluntario na División Azul), o devandito Soldado Lois ou José María Fernández-Ladreda, ministro de Obras Públicas entre 1945 e 1951 e que dá nome a un dos peiraos; neste caso o pleno de marzo de 1981 xa aprobou cambiar a denominación a Peirao Canalejas, pero esta decisión nunca se executou.
Tamén se demanda a retirada de 16 esculturas, placas e escudos, entre elas a placa existente na casa natal do ditador
Tamén se demanda a retirada de 16 esculturas, placas e escudos. Entre elas atopamos unha escultura de Camilo Alonso Vega na entrada do hospital Juan Cardona, a estatua de José María González-Llanos na avenida de Esteiro (que xa deu lugar a un intercambio de mocións no pleno municipal), tres escudos franquistas na fachada do cuartel Sánchez Aguilera e na sede da Alfándega, unha placa na igrexa de San Xiao con referencia a "D. Francisco Francisco Franco Bahamonde, jefe del Estado Español hijo preclaro de El Ferrol" ou unha placa franquista na praza de España con referencia a "nuestro caudillo".
Na Igrexa de San Francisco aínda se manteñen dúas placas e unha cruz de exaltación do franquismo ou de persoeiros ligados á ditadura
Na igrexa de San Francisco existen unha placa dedicada ao Cardenal Arriba y Castro (significada figura da Igrexa franquista), unha cruz de homenaxe aos “Caidos por Dios y por España” e unha placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares.
Finalmente, tamén se fai fincapé na placa existente na casa natal de Franco, no número 136 da rúa María e tamén na tumba da familia Franco no cemiterio de Catabois sobre a que o pleno de 30 de xullo de 2018 apostou "pola súa recuperación para o patrimonio municipal".