Repuntan lixeiramente os diagnósticos de coronavirus en Galicia con 14, a cifra máis alta en dez días

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Ourense deixa de ser case dous meses despois a área sanitaria con maior incidencia, adiantada por Vigo, e todas elas seguen á baixa canto a casos activos

O último balance diario sobre o coronavirus en Galicia, segundo os datos que vén de facer públicos este sábado o Ministerio de Sanidad a partir dos que lle facilita a Xunta e ata a pasada medianoite, indican un lixeiro repunte de casos diagnosticados con PCR, a proba máis fiable, con 14 rexistrados na última xornada. Non había unha cifra tan alta nos partes diarios desde os 16 casos diagnosticados por PCR do 14 de maio, hai dez días. Ademais, nesta última xornada rexistráronse outros dous falecementos, segundo os datos divulgados pola Xunta, que indica que actualmente hai en Galicia 884 casos aínda activos, 36 menos que un día antes, nunha xornada na que Ourense deixou de ser, case dous meses despois, a área sanitaria con maior incidencia da enfermidade, adiantada por Vigo, pero todas elas á baixa

O Goberno central vén de actualizar a serie histórica completa do coronavirus en Galicia, que a Xunta segue sen divulgar

Os 14 novos casos detectados por PCR supoñen un lixeiro aumento dun dos indicadores clave do proceso de desconfinamento, o da incidencia acumulada nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes, que aumenta do 4,89 deste venres, a cifra máis baixa de toda a serie histórica ofrecida polo ministerio, ata os 4,96. Aínda así, esa incidencia está en Galicia dez puntos por baixo da media estatal. Estes datos chegan despois de que o Goberno central veña de actualizar a serie histórica completa de casos de coronavirus en Galicia, cifras que lle foi comunicando a Xunta en todo este tempo e que o ministerio revisou e ordenou pero que o Goberno galego segue sen divulgar.

O Sergas informa de que na última xornada realizou pouco máis de 1.200 novas probas de PCR, que xa suman ata agora un total de 133.000. Ademais, os test de anticorpos ofrecen outros 29 positivos.

As mortes ascenden a 612, tras sumarse outras dúas de persoas maiores que non vivían en residencias con patoloxías previas

O total de falecidos ata o momento elevouse no último día a 612, ao rexistrarse outras dúas mortes, dun home de 79 anos no complexo hospitalario da Coruña e unha muller de 88 no de Ourense, os dous con patoloxías previas. Ningunha das dúas persoas vivía nunha residencia.

Na última xornada houbo cinco novas hospitalizacións e unha persoa ingresou en UCI, pero as altas permitiron reducir a cifra total de doentes nos dous tipos de coidados

Canto ao tipo de asistencia que requiren as persoas afectadas, o ministerio informa de que na última xornada cinco precisaron ser ingresadas en hospitais e unha en UCI. Aínda así, as altas que se seguen a producir fan que a cifra total de doentes nos dous tipos de coidados hospitalarios siga a reducirse, con 11 persoas en UCI (unha menos que o día anterior) e 66 en hospitalización ordinaria (seis menos que o día anterior). Esas cifras, en descenso desde hai varios días, son similares ás que se superaron, ao comezo da vaga, do 18 ao 19 de marzo, hai máis de dous meses.

Nas residencias non se rexistrou ningún novo positivo e os casos activos seguen á baixa, con 76 usuarios e 82 profesionais afectados

Nos centros residenciais, nos que na última xornada non se rexistrou ningún novo positivo, hai actualmente 76 persoas usuarias afectadas (59 en residencias de maiores e 17 en centros de discapacidade) e 82 profesionais (67 das residencias de maiores e 15 dos centros de discapacidade). A residencia máis afectada é a Santa Teresa Jornet da Coruña, con 11 usuarios e 4 traballadores malia que na última xornada deuse por curados a 10 usuarios e 2 traballadores. Canto aos centros de discapacidade, o CAPD da Coruña é o máis afectado ao rexistrar 9 positivos entre os residentes e 5 entre o persoal.

Na cola canto á incidencia, Lugo, Ferrol e Pontevedra sitúanse en cifras similares, con entre 12 e 17 casos por 100.000 habitantes, a metade da media galega, de 33

Canto ás áreas sanitarias, a de Ourense deixa de ser por primeira vez desde o 28 de marzo, cando se colocou en primeira posición, a que presenta unha maior incidencia de casos por 100.000 habitantes. Vén de ser adiantada por Vigo, con 45,88 casos por 100.000, fronte aos 41,62 de Ourense. Unhas cifras de incidencia que se sitúan nunha décima parte das que chegaron a acadar no pico da curva, a finais de abril. 

Ademais, todas as áreas seguen á baixa, con 264 casos en Vigo (un menos que o día anterior), seguida en cifras totais polos 221 casos da Coruña (catro menos) e os 151 de Santiago (dez menos). Na cola, Lugo, Ferrol e Pontevedra sitúanse en cifras similares de incidencia, con entre 12 e 17 casos por 100.000 habitantes, a metade da media galega que está en 33.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.