Seis novos diagnósticos e hospitalizacións de coronavirus en Galicia no segundo día da pandemia sen mortes

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Por segunda vez dende o inicio da emerxencia sanitaria polo coronavirus, Galicia non rexistrou ningún falecemento asociado á enfermidade nas últimas vinte e catro horas. A ausencia de falecementos, que ata agora só sucedera nunha ocasión -o pasado 29 de abril- é un dos aspectos máis rechamantes dos datos coñecidos para Galicia este 15 de maio, no que o Ministerio de Sanidade recolle o reporte de seis novos diagnósticos da covid-19 mediante probas PCR -a fonte é o Sergas, pero non fai públicos estes datos- e outras tantas novas hospitalizacións, cinco delas en unidades de coidados intensivos.

Os novos casos con probas PCR seguen á baixa; á media ducia da última xornada engádense 54 novos positivos en test de anticorpos, elevando as persoas con contaxios confirmados en Galicia ás 10.892 dende o comezo

A tendencia á baixa dos novos casos diagnosticados con probas PCR -as máis precisas- segue nun día no que tamén se incorporan á base de datos 54 novos positivos detectados a través de probas de anticorpos, se ben estas non son necesariamente da última xornada nin de persoas que estean enfermas na actualidade. En total, xa deron positivo en Galicia dende o comezo da pandemia un total de 10.892 persoas, aumentando en 60 o cómputo total do día anterior. [O primeiro estudo epidemiolóxico apunta á morte dunha de cada cen persoas con coronavirus en Galicia]

O número de probas PCR realizadas supera as 2.000 nun día por primeira vez en case dúas semanas

Estas cifras danse nunha xornada na que o número de probas PCR superou as 2.000 por primeira vez en case dúas semanas. Dende o pasado 3 de maio viñan estando por baixo dese e limiar e nas últimas vinte e catro horas ascenderon ata 2.032, un 1,69% máis que o día previo -cada paciente adoita precisar máis dunha-. O total de PCR practicadas en Galicia ata este 15 de maio chega a 122.456, indica o Sergas.

Na liña dos prognósticos que apuntaban a unha relaxación da pandemia dende mediados do mes de maio, a incidencia acumulada nas últimas dúas semanas -número de casos novos por cada 100.000 habitantes-, un dos indicadores clave para o desconfinamento, segue á baixa en Galicia e por baixo da media estatal tras superala a pasada semana. Sitúase agora nos 17,60 casos novos por cada 100.000 habitantes e a estatal, en 22,77. A Xunta segue sen facer público este indicador, que o Ministerio elabora con datos das autonomías.  [Un doutor que asesora á Xunta prevé "un pequeno rebrote" do coronavirus en xuño e outro "máis duro" contra a fin de xullo]

O indicador de positivos activos, referencia para a Xunta, queda en 2.008 tras descender en 66; as infeccións "resoltas" son 126 máis e chegan ás 8.283

Fronte aos datos dos que fornece ao Ministerio e segue sen facer públicos, a Xunta segue manexando como indicador principal da covid-19 a evolución dos "positivos activos", cifras que tampouco divulga en formato aberto. Este 15 de maio son 2.008, 66 menos que un día antes -un descenso do 3,18%-. 

Mentres, o que a Consellería de Sanidade continúa a referir como "curacións" e o Ministerio, como "infeccións resoltas" porque tamén reflicten resultados de test de anticorpos en persoas que non chegaron a estar enfermas, sitúase en 8.283 persoas. Daquela, mentres os positivos activos descenden en 66, esas infeccións resoltas aumentan en 126.

A cifra que este 15 de maio non se move é a das persoas falecidas. Seguen sendo 601, toda vez que o Sergas non certificou ningún falecemento de persoas con test positivo por covid-19 durante o día 14 de maio. En virtude dos actuais protocolos, as persoas que ingresaron por mor do coronavirus pero dan negativo nalgún test antes de falecer, non computan como persoas falecidas a causa da pandemia. As primeiras conclusións dos estudos epidemiolóxicos apuntan, non obstante, á morte de en torno a unha de cada dez persoas infectadas.

Media ducia de novas hospitalizacións, cinco delas na UCI

No que atinxe á presión hospitalaria, para coñecer as novidades concretas das últimas vinte e catro horas cómpre acudir ao Ministerio de Sanidade e complementar despois a información cos datos que o Sergas si ofrece. Así, as táboas do Goberno central dan conta de que nas últimas vinte e catro horas se rexistraron en Galicia seis novas hospitalizacións de persoas con test positivo en covid-19 e delas, cinco entraron en unidades de coidados intensivos.

O global de persoas ingresadas con test positivo de covid-19 descende en doce

Mentres, a foto fixa da hospitalización que si ofrece o Sergas indica un descenso total de 12 persoas ingresadas con test positivo, de 123 a 111. Isto indica que se rexistraron 18 negativos en persoas ingresadas por mor do coronavirus no último día -con independencia de que fosen ou non dadas de alta, ao daren negativo desaparecen da estatística da pandemia- que, agregados aos seis novos ingresos, dan como resultado unha redución de 12 hospitalizacións, un 7,6% menos.

Atendendo aos datos do Sergas, o balance total das UCI é agora de 22 persoas con positivo en covid-19, unha máis que o día previo malia ás cinco entradas novas. Mentres, o balance das áreas de hospitalización ordinaria -en planta- é de 111 persoas ingresadas, doce menos que o día previo. No que atinxe ás persoas en illamento domiciliario, a cifra queda en 1.875, un 2,85% menos que o día anterior incluíndo a 197 persoas usuarias de residencias de maiores, que no día previo rexistraban 231 positivos activos.

Reducións en Vigo e na Coruña, lixeiro incremento en Lugo

Por áreas sanitarias, como adoito, a referencia dos datos estatais desaparece sen que a Xunta ofreza información xeral alén dos devanditos positivos activos. A redución total de 66 destes casos no conxunto de Galicia concéntrase especialmente nas áreas de Vigo e da Coruña, con 34 e 22 menos, respectivamente. O único incremento de positivos activos rexístrase nesta xornada en Lugo, aínda que con só 5 casos máis.

A incidencia de positivos activos -casos por cada 100.000 habitantes- segue tendendo á baixa en xeral, alén do devandito lixeiro incremento de Lugo. Neste indicador segue destacando a área sanitaria de Ourense, que un día máis é a única que continúa por riba dos 100 casos activos por cada cen mil habitantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.