Servizos mínimos de entre o 32% e o 55% nos buses interurbanos para a folga do luns

Imaxe dunha anterior folga no transporte de pasaxeiros por estrada en 2017, na antiga estación de autobuses de Santiago Dominio Público @ccoogalicia

A Xunta prioriza o transporte escolar de máis de 4 quilómetros e o laboral nas horas puntas

O transporte por estrada tanto de mercadorías como de pasaxeiros vén mobilizándose hai tempo reclamando melloras laborais e adiantos nas xubilacións. O primeiro sector, o das mercadorías, vén de desconvocar a folga prevista para o vindeiro luns 28 de outubro tras un acordo entre sindicatos e patronais, pero no transporte de pasaxeiros a convocatoria, de CCOO e UGT, mantense. 

Ante esta situación, este venres a Xunta publica no Diario Oficial de Galicia os servizos mínimos que rexerán no transporte interurbano, o da súa competencia, á espera de que as cidades galegas que contan con servizos urbanos fagan o mesmo, xa que no momento da publicación desta nova só A Coruña fixara xa uns servizos mínimos do 70%.

A estación de autobuses de Lugo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Praza.gal

A nivel galego a Xunta prima o transporte escolar con recorridos de máis de 4 quilómetros e os servizos especiais de transporte de traballadores e traballadoras nas horas puntas, e cifra entre o 32% e o 55% os servizos mínimos no transporte regular.

No caso do transporte escolar, serán servizos mínimos os de entrada previstos entre as 7.30 e as 10.30 horas e os de saída entre as 13.30 e as 19 horas cuxa lonxitude total sexa superior a catro quilómetros.

Nos servizos de uso especial para transporte de traballadores, serán servizos mínimos as expedicións anteriores ás 9 horas e as posteriores ás 18 horas.

Autobuses parados na estación da Coruña nunha anterior folga CC-BY-NC-SA CIG

E no que respecta ao transporte regular, o Goberno galego distingue entre os servizos que están integrados con liñas de transporte escolar e os que non. Iso é o que fai que os primeiros teñan uns servizos mínimos "no contorno do 55%" mentres que os segundos se reducen "a menos do 32%". No DOG recóllese unha ampla listaxe das expedicións concretas que son consideradas servizos mínimos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.