Sindicatos alertan de que a nova Lei de Educación "condena á precariedade" a un gran grupo de docentes de FP

Instalacións dun centro de FP en Compostela © http://www.cifpcompostela.edu.es/

Entre as novidades que presenta a nova Lei de Educación, a LOMLOE, aprobada no Congreso hai tres semanas, hai un aspecto que está a preocupar moito ao profesorado de Formación Profesional: a extinción do profesorado técnico de FP, que pasaría a estar integrado no corpo de profesores de secundaria. O problema pode aparecer para os traballadores e traballadoras que non dispoñan da titulación universitaria necesaria para acceder a este colectivo. 

O problema pode aparecer para os traballadores e traballadoras que non dispoñan da titulación universitaria necesaria para acceder ao corpo de profesorado de secundaria

Na lei sinálase que "os profesores técnicos de FP que, por non reuniren os requisitos de titulación esixidos na data de entrada en vigor desta Lei, non poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario, permanecerán no corpo para extinguir de profesores técnicos de FP. Estes profesores manterán a súa especialidade e a atribución docente recoñecida pola normativa vixente”.

Sindicatos educativos como o STEG alertan de que esta disposición "condena a precarización do traballo dos profesores técnicos de formación profesional" e CIG-Ensino advirte das "incertezas que deixa a redacción da LOMLOE ao respecto do profesorado sen titulación universitaria e do colectivo de interinas e substitutas". Ambos os dous sindicatos piden unha modificación da norma que dea unha "saída axeitada" a este colectivo e solicitan a súa integración "sen exclucións".

A anterior conselleira de Educación, Carmen Pomar, visita un centro de FP © Xunta

 O STEG alerta da "condena á precarización do traballo dos profesores técnicos de formación profesional"

O STEG entende que o texto da LOMLOE "nace coa intención de corrixir unha situación de discriminación laboral" que estaban a sufrir os mestres e mestras de FP con respecto ao resto de profesorado de secundaria. Ata agora a LOE diferenciaba o profesorado de FP en dous grupos: PSFP (A1), con asignación dos módulos transversais dos títulos de cada familia profesional e PTFP (A2), con asignación dos módulos específicos de cada profesión e cada título. Ambos os dous grupos tiñan os mesmos grupos de alumnado, nos mesmos centros, os mesmos horarios e as mesmas funcións docentes. Con todo, tiñen distinto salario "sen xustificación ningunha, creando así unha fragante discriminación e inxustiza laboral", critica o STEG.

CIG-Ensino advirte das "incertezas que deixa a redacción da LOMLOE ao respecto do profesorado sen titulación universitaria e do colectivo de interinas e substitutas"

A LOMLOE busca subsanar esta situación, integrando no corpo de profesores de secundaria as especialidades de formación profesional incluídas no corpo de PTFP. Porén, o STEG denuncia que a actual redacción da LOMLOE "condena un corpo de profesorado á extinción", un grupo moi numeroso de docentes funcionarias de carreira e funcionarias interinas "que accederon coa titulación válida ata o momento, sen que o sistema universitario español teña, na actualidade, no seu plan de estudos ningunha titulación con créditos relacionados coas profesións nin cos módulos profesionais específicos destes títulos de formación profesional", explica o STEG.

O sindicato pon como exemplo que se requiriríase o grao en Bioloxía ou en Farmacia para impartir os módulos específicos de cociña, grao en Química para perruquería ou grao en Forestais para carpintaría "sen importar se están en posesión da acreditación de competencias correspondentes que estas familas/ciclos profesionais requiren".

A figura de profesorado especialista, ata agora "residual" en Galicia, "implica unha perda de dereitos e de estabilidade", di CIG-Ensino

A lei ofrece tamén a posibilidade de que os mestres e mestras prexudicados por esta modificación poidan ser contratados de forma excepcional como profesorado especialista. CIG-Ensino denuncia que esta opción tamén "mingua os dereitos que ten nestes momentos adquirido este persoal docente". O sindicato alerta de que esta figura de profesorado especialista, ata agora "residual" en Galicia, "implica unha perda de dereitos e de estabilidade que podería deixar a miles de docentes sen traballo ou sen a posibilidade de acceder ao ensino público con carácter fixo".

CIG-Ensino esíxelle a Goberno central que "sente a negociar para buscar unha solución na que ninguén perda dereitos adquiridos". De igual xeito, o STEG reclama que "os funcionarios de carreira pertencentes na actualidade ao corpo de profesores técnicos de formación profesional que posúan as titulacións previstas no artigo 95 ou aquelas que se habiliten como equivalentes" sexan "asimilados de xeito automático no corpo de profesores de secundaria". Así mesmo, demanda que non se poidan cubrir coa figura de profesorado especialista ningunha das especialidades dos profesores técnicos de formación profesional pola "grave precarización que supón".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.