Só un novo diagnóstico do coronavirus en Galicia e máis de cen novas curacións sen referencia temporal do Sergas

CC-BY-NC-SA Praza Pública

As cifras de novos casos de coronavirus en Galicia seguen transitando polos seus niveles máis baixos dende o comezo da pandemia. Os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade -fornecidos polo Sergas, que non os divulga- indica que nas últimas vinte e catro horas se rexistrou só un novo diagnóstico da covid-19, o que supón que nos últimos sete días fosen apenas 11, dos que só dous tiveran inicio de síntomas nese mesmo período.

O Sergas indica un novo falecido para un total de 618; na última semana os novos falecementos ligados á covid-19 foron tres

Estas cifras, unidas ás que indican que nos últimos 14 días foron diagnosticados 55 casos novos en Galicia, só 11 con inicio de síntomas nesas dúas semanas, indican que a pandemia segue enlentecendo e os novos falecementos son tamén cada vez menos. Nesta xornada o Servizo Galego de Saúde indica un máis para un total de 618 e na última semana a Consellería de Sanidade reportou só tres. 

Á espera da revisión completa da serie histórica de casos de coronavirus que ultima o Ministerio de Sanidade adaptándoa ao protocolo implantado o 11 de maio -a Xunta non contempla publicar a súa e a do Goberno central demorouse, advertiu o doutor Fernando Simón, pola tardanza de datos dalgunhas autonomías-, a Consellería de Sanidade segue incorporando lotes de datos que dificultan a observación da pandemia. Se no inicio atrancaba a análise da evolución á alza, agora fai o mesmo coa súa remisión e, ao contrario do que sucederá coa base estatal, neste caso non existe serie pública que vaia ser revisada.

A Consellería de Sanidade segue manexando os "positivos activos" como indicador de referencia. Esa cifra segue baixando e está xa en 569. Esa cifra supón 109 menos que o día anterior mentres o que o Sergas presenta como "curacións" chega a 10.148 persoas, o que implica un incremento de 115.

O gran incremento de "curacións" débese á suma dun golpe e sen referencia temporal de 104 altas epidemiolóxicas de persoas que estaban illadas nos seus domicilios por padeceren a covid-19 e que deron negativo en días que poden ser diversos

Este gran incremento débese a que, dun golpe, Sanidade inclúe no seu parte 104 altas epidemiolóxicas de persoas que estaban illadas nos seus domicilios tras daren positivo por coronavirus. É dicir, estas 104 persoas xa deron negativo, pero non é posible saber cando porque non existe serie pública do Sergas. Daquela, corresponden a un número indeterminado de días. É cando menos a terceira ocasión dende o inicio da pandemia que o Sergas incorpora un alto número de "curacións" sen referencia temporal nun só día. A maior incluíu 3.552 casos.

A esas 104 altas domiciliarias engádense outras catro hospitalarias. A resta do novo falecemento e a suma de sete casos novos recuperados de data tamén descoñecida explican a diminución de 109 "positivos activos". O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.335, cifra resultante de sumar os casos incluídos nos comunicados diarios da Consellería.

Estas son as magnitudes dunha xornada na que o Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 147.188 probas PCR, 1.544 máis que o día anterior. A Xunta non indica o número de test de anticorpos que leva feitos, aínda que si informa ao respecto ao Ministerio, que actualiza esas cifras periodicamente.

Dúas hospitalizacións máis mentres baixa o global

Unha soa persoa permanece na UCI con test positivo de coronavirus

No que atinxe á presión da pandemia nos hospitais galegos, a situación segue tendendo a normalizarse. Tamén neste indicador cómpre acudir ao Ministerio por unha banda e ao Sergas, pola outra, para obter a 'foto' do día e observar a tendencia. Os datos do Ministerio indican que o acumulado de persoas que precisaron hospitalización dende o comezo aumenta en dúas e que nos últimos sete días ingresaron sete persoas a causa da covid-19.

Mentres, pola banda do Sergas, as cifras de hospitalización seguen descendendo. Na UCI continúa habendo un único paciente (chegaron a ser 177 no pico da pandemia, nos primeiros días de abril) e nas unidades de hospitalización ordinaria -en planta- son agora 23, tras as devanditas catro altas. 

No que atinxe ás persoas illadas nos seus domicilios con test positivo, a cifra queda en apenas 545 tras a incorporación dun golpe das mencionadas 104 altas epidemiolóxicas. Nesas 545 persoas que aínda seguen figurando como illadas con test positivo inclúense 28 persoas usuarias de residencias de maiores e dependentes, cinco menos que na xornada anterior.

Máis de 60 altas domiciliarias en Vigo

Por áreas sanitarias, as cifras que ofrece o Sergas -sen referencia do Estado, que só chega ata o nivel autonómico- refírense só aos positivos activos e permiten deducir que boa parte das altas domiciliarias agora sumadas se corresponden coa área sanitaria de Vigo, a que máis casos acumula. A área viguesa descende en 64 positivos activos e queda en 193. O segundo maior descenso é o da área de Santiago, con 18 menos. A maior incidencia deste indicador segue en Vigo (33 casos por cada 100.000 habitantes), aínda que baixa notablemente tras estas variacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.