STEG e CIG reclaman solucións para as máis de mil docentes de FP que poderían "perder dereitos" coa LOMLOE

O STEG mantivo a pasada semana unha xuntanza co responsable de FP da Consellaría © STEG

Os sindicatos docentes STEG e CIG-Ensino levan semanas alertando sobre os efectos que a aprobación da nova Lei de Educación (LOMLOE) pode ter para un gran grupo de traballadores que imparten clases na Formación Profesional, en concreto aqueles e aquelas que non dispoñen da titulación universitaria necesaria para acceder ao corpo de profesorado de secundaria. 

A Consellaría de Educación notificou ao STEG que hai 991 persoas funcionarias de carrreira que non dispoñen de titulación de grao, número ao que habería que sumar 452 persoas interinas na mesma situación. 

A extinción do corpo de Profesorado Técnico de Formación Profesional (PTFP) entrará en vigor 20 días tras a publicación da Lei. A Consellaría de Educación notificou ao STEG que hai 991 persoas funcionarias de carrreira que non dispoñen desa titulación, número ao que habería que sumar 452 persoas interinas na mesma situación. En total, serían 1443 persoas as que "poderían ver diminuídos seriamente os seus dereitos como traballadoras e traballadores do ensino", alerta o STEG, que reclama unha serie de medidas corrixir esta situación.

Instalacións dun centro de FP © CIG-Ensino

O STEG pídelle ao Conselleiro de Educación que "interceda activamente en favor de arredor de 1.500 persoas que poderían ver minguados os seus dereitos laborais"

Pide, en primeiro lugar, que as persoas funcionarias de carreira pertencentes na actualidade ao corpo de profesoras/es técnica/os de formación profesional que posúan as titulacións previstas sexan asimiladas de xeito “automático” no corpo de profesorado de secundaria. De igual xeito, reclama habilitar vía Real Decreto aquelas especialidades nas que non exista oferta pública abondo de grao universitario ou equivalente con suficiente implantación nos territorios e no tempo.

Así mesmo, ante a "precarización" que supón a figura de profesorado especialista, o sindicato inciden en que non se poidan cubrir con esta figura ningunha das especialidades do profesorado técnico de formación profesional. Finalmente, demanda "establecer as medidas correctoras necesarias para dar garantía de que ningunha docente interina á entrada en vigor da LOMLOE, se vexa afectada de maneira negativa polos cambios normativos introducidos por esta norma, xa que isto suporía a perda de docentes cualificadas e con experiencia".

"Suporía a perda de docentes cualificadas e con experiencia", alerta o STEG

Este martes o sindicato enviou unha carta ao conselleiro de Educación, despois de que este departamento remitise unha comunicación a unha parte do profesorado técnico de Formación Profesional (do que non consta titulación universitaria equivalente a Grao) na que se lles requiría que informasen sobre a titulación coa que contan. STEG pídelle ao Conselleiro de Educación que "interceda activamente en favor de arredor de 1.500 persoas que poderían ver minguados os seus dereitos laborais".

Instalacións dun centro de FP © CIG-Ensino

Entre o profesorado interino que non posúe título de grao ou equivalente o 61% tería titulación de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica e o resto título de FP. No caso do funcionariado de carreira o 47% tería titulación de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica e o restante 53% de FP

CIG-Ensino informa de que a comunicación da Consellaría de Educación foi remitida a 185 docentes das que a Administración non ten información sobre titulación actualizada e que sería "o máis directamente afectado pola aplicación do cambio introducido na LOMLOE", lembra o sindicato. 

Segundo os datos que a Consellería lle transmitiu ao sindicato, entre o profesorado interino que non posúe título de grao ou equivalente o 61% tería titulación de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica e o resto título de FP. No caso do funcionariado de carreira o 47% tería titulación de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica e o restante 53% de FP. Existen dúbidas sobre se o profesorado con titulación de Diplomatura ou similar se podería ver afectado polo cambio, e haberá que agardar ao desenvolvemento da lei para coñecer exactamente que se considera por como titulación "equivalente a grao".

CIG-Ensino demanda que se igualen as condicións laborais de todo o profesorado de FP

CIG-Ensino lembra que "o colectivo máis afectado é o funcionariado temporal que non ten titulación universitaria" que, se non hai cambios, "só poderá ser contratado como especialista e queda no aire a posibilidade de que poidan volver presentarse a unhas oposicións". O sindicato alerta do carácter "precario" desta figura.

A central nacionalista demanda que se igualen as condicións laborais de todo o profesorado de FP "sen deixar ninguén atrás", así como dos dous corpos que prestan servizos nas Escolas de Deseño e Artes Plásticas e dos mestres que imparten no 1º Ciclo da ESO co profesorado de Secundaria, "como primeiro paso para acadar un corpo único docente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.