Todas as áreas sanitarias reducen os casos activos de coronavirus menos Ourense nunha xornada con 217 novos positivos

CC-BY-SA Praza Pública

Catro novos falecementos, todos eles fóra das residencias, elevan a 755 os rexistrados desde o comezo da pandemia

A última xornada de datos oficiais sobre o coronavirus permite calcular, a partir da limitada información que facilita a Xunta, un total de 217 novos casos en toda Galicia, co que a cifra volve superar os douscentos por terceiro día consecutivo tras catro días previos por baixo dese número. Isto fai que a media semanal se sitúe arredor dos 185 casos. As probas PCR comunicadas na última xornada foron 5.721, en liña coas cifras das xornadas previas. Na última xornada morreron outras catro persoas, ningunha das cales vivía en residencias de maiores, e a cifra de falecementos totais sitúase en 755 desde o comezo da pandemia.

Porén, non é posible calcular cos datos da Xunta os novos casos que se producen en cada área sanitaria, onde a súa cifra de referencia, os casos activos, está condicionada polo aumento das altas. Aínda así, esa cifra mellora en todas as áreas agás na de Ourense, onde na última xornada aumenta con 55 novos casos activos, ata un total de 946.

A incidencia na área sanitaria de Ourense supera xa os picos rexistrados na segunda vaga no resto de zonas

Ourense tamén supera ao resto de áreas sanitarias non só ao mirar os casos activos totais senón tamén ao ter en conta a poboación total desas zonas, coa variable do número de casos por cada 100.000 habitantes. En Ourense acada os 309, unha cifra que supera os picos rexistrados na segunda vaga hai un mes en Lugo e A Coruña, de 288 e 262 respectivamente, e en Pontevedra hai unha semana, con 282. 

Nos hospitais a situación parece estabilizarse na última xornada cun caso máis en UCI (36) pero dous menos en planta (192). As 228 hospitalizacións totais seguen na franxa de entre 200 e 250 que se vén rexistrando desde hai un mes.

Nas residencias non se comunica ningunha alta nin caso novo e nos hospitais hai unha persoa máis en UCI e dúas menos en planta, e o total de hospitalizacións, 228, mantense na franxa de entre 200 e 250 que se vén rexistrando desde hai un mes

Canto ás residencias, no último día a Xunta non comunica absolutamente ningunha variación. Non atribúe ningunha das catro mortes rexistradas aos centros de maiores ou dependencia e di que non se rexistrou tampouco, nin entre as persoas residentes nin entre o persoal ningún novo caso, nin ningunha nova alta ou “negativización”, como denomina aos casos nos que unha segunda proba a un caso positivo dá negativo. Con esa ausencia de movementos, son 301 os casos activos entre persoas que viven en 13 residencias de maiores, 113 entre o persoal de 36 deses centros, 6 en residentes en dous centros de discapacidade e 17 traballadores de seis deses centros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.