Ourense adianta á Coruña como a área con máis casos activos de COVID-19 nunha xornada con 216 novos positivos en toda Galicia

CC-BY-SA Praza Pública

Xunto con Ourense, que tamén é a peor área canto á incidencia, os casos activos só aumentan lixeiramente en Santiago, mentres no resto descenden e se rexistran dous novos falecementos

Os casos activos de coronavirus, a cifra de referencia para a Xunta que dificulta coñecer cantos novos contaxios se van producindo, son xa 891 na área sanitaria de Ourense, 41 máis que na xornada previa, o que a sitúa como a área con máis casos, por diante da Coruña, que baixa a 848. É unha das principais novidades nunha xornada na que faleceron outras dúas persoas (xa son 751) e na que os novos casos rexistrados no conxunto de Galicia, cifra que hai que calcular a partir das que ofrece o Sergas, aumentaron a 216, tras as 206 da xornada anterior que viña precedida por catro previas nas que non se superaran os douscentos casos.

Ourense, en cuxa capital veñen de reforzarse as medidas restritivas prohibindo as reunións de persoas que non convivan entre elas, ao tempo que se manteñen restricións tamén en Verín e O Barco de Valdeorras, é tamén a área con maior incidencia do virus por 100.000 habitantes, variable que se sitúa en 291 casos, por diante dos 246 de Pontevedra. No resto de áreas, só a de Santiago experimenta un lixeiro ascenso de casos activos, con oito máis, mentres que as outras cinco áreas baixan todas elas.

Na última xornada aumentan lixeiramente os novos casos rexistrados en toda Galicia, con 216, pero as mellores cifras dos días anteriores fan que a media semanal siga mellorando

Canto ao global de Galicia, os 216 novos casos rexistrados na última xornada supoñen un lixeiro aumento, pero as mellores cifras rexistradas durante boa parte da semana fan que a media dos últimos sete días volva baixar, a 187, nun progresivo descenso desde os máis de 270 casos diarios que rexistraba esa media semanal hai un mes, a comezos de setembro. [Máis da metade dos casos de coronavirus confirmados en Galicia rexistráronse tras o estado de alarma].

Na última xornada tamén volveu aumentar a cifra de probas PCR realizadas, ata 6.553.

A situación mellora nos hospitais, con 229 persoas ingresadas, 14 menos que na xornada anterior, pero rexístranse outros catro novos positivos entre maiores que viven en residencias, que xa son 301

Nos hospitais a situación mellora tamén con 229 persoas ingresadas, das que 35 están en UCI (un menos que un día antes) e 194 en planta (13 menos que na xornada anterior). Nas residencias de maiores rexistráronse catro novos casos en persoas maiores que viven noutros tantos centros. Son xa 301 os maiores afectados en 13 centros distintos de toda Galicia. Ademais, hai 113 traballadores positivos. Nas residencias de discapacidade son 6 as persoas usuarias afectadas en dous centros e 17 os traballadores.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.