Tráfico inicia unha semana de controis de alcol: na do ano pasado deron positivo 538 galegos

Un control da garda civil nunha estrada galega CC-BY-SA M. González

Dos preto de 36.000 controis realizados en Galicia nesta mesma semana de hai un ano deron positivo en alcol o 1,5% das persoas, mentres que en 492 controis de drogas foron positivos 244 casos

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) ten en marcha desde este luns 19 de agosto e ata o vindeiro domingo 25 unha campaña especial de controis de alcol e drogas nas estradas galegas. Na mesma campaña do ano pasado, daquela entre o 14 e o 20 de agosto, na que se realizaron 35.961 controis alcol, deron positivo 538 persoas, o 1,5% das controladas. 

Naquela campaña tamén se realizaron 492 controis de drogas, con 244 casos positivos. En total, 26 condutores viron como os axentes lles instruíron dilixencias para o seu posterior traslado á Xustiza por delitos contra a seguridade viaria.

Dos 492 controis de drogas na campaña do pasado ano en Galica resultaron positivos 244 © Delegación do Goberno en Galicia

A Delegación do Goberno de España en Galicia sinala que na campaña deste ano foméntase "a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia turística e de festas populares". Tamén salienta que "o alcol está presente como factor concorrente ou causante dun terzo dos accidentes mortais" e tamén á "un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas" nos sinistros que non son mortais.

Nesta campaña foméntase "a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas turísticas e de festas"

A nivel estatal, dos 862 condutores falecidos en 2023 en accidente de tráfico e sometidos a autopsia e análise toxicolóxico, un total de 462, o 53,6%, deron positivo en alcol, drogas ou psicofármacos, illadamente ou en combinación. "Nestes resultados o alcol segue sendo a substancia máis detectada nos condutores falecidos, cun 32,7%, seguido da cocaína e o cannabis, e en terceiro lugar os psicofármacos", salienta a Delegación do Goberno. 

Control da Garda Civil nunha estrada galega © Delegación do Goberno en Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.