Unha app de cabras que limpan o monte como solución contra os incendios forestais

Web da campaña © Sende - Monte do Xurés

"Llamacabras. A APP que limpa o monte". Llamacabras é a app que prevé os incendios en Galicia. Ti disnos cantas hectáreas queres limpar e enviámosche as cabras, mentres ti quedas na casa tranquilo, sen medo a que vaia arder todo". Podería ser unha app real pero é (de momento) só unha campaña publicitaria lanzada polo espazo de coworking rural Sende, situado no concello de Lobeira, en plena Serra do Xurés para alertar sobre o despoboamento do rural, a desaparición das funcións tradicionais do monte e o efecto que isto ten sobre a extensión do lume.

"Unha das razóns polas que Galicia e Portugal non ardían tanto é porque as aldeas estaban poboadas e cada casa tiña os seus animais, que limpaban o monte"

Hai uns días ardeu o monte de Senderiz, en pleno parque natural do Xurés. Foron unhas 25 hectáreas de monte raso, nunha zona que de forma habitual se ve afectada polos incendios forestais. Este novo incendio animou os responsables de Sende a montar esta web "para chamar a atención sobre a dificultade de manter o monte limpo". "Gústanos moito a tecnoloxía e temos sorte de que Galicia teña os seus hidroavións e helicópteros para loitar contra o lume. Pero algunha vez temos que buscar no pasado e usar as solucións de toda a vida, neste caso: as cabras", din.

"Unha das razóns polas que Galicia e Portugal non ardían tanto é porque as aldeas estaban poboadas e cada casa tiña os seus animais, que limpaban o monte. Hoxe vive pouca xente no rural e os animais desapareceron", explican.

Sende é un espazo de coworking situado no concello de Lobeira, na Serra do Xurés © Sende

O pastoreo como solución

"A gandería desapareceu -eses milleiros de ovellas e cabras que procesaban o gran crecemento da biomasa-. E as novas fábricas de celulosa crearon a necesidade de empregar o eucalipto".

Son moitas as voces que nos últimos anos veñen alertando do prexuízo causado polo despoboamento do rural e, en concreto, sobre o efecto directo que entre a desaparición das actividades tradicionais de corta, roza e pastoreo de gando e o lume. “Parece que só se está a falar dun problema forestal cando a realidade é que é un problema do rural, é dicir, é un problema da gandería, da agricultura, da ordenación do territorio, da conservación da biodiversidade, do mantemento do ciclo da auga, etc.”, dicía nesta entrevista Xavier Vázquez Pumariño, que alertaba de que nas últimas décadas "a gandería desapareceu -eses milleiros de ovellas e cabras que procesaban o gran crecemento da biomasa-. E as novas fábricas de celulosa crearon a necesidade de empregar o eucalipto".

Tamén no Parlamento galego as forzas da oposición reclamaron despois da vaga de lumes do outono de 2017 o fomento da gandería de calidade como medio para “frear o proceso de eucaliptización actual e rebaixar polo tanto o risco de incendios”. De igual xeito, varias comunidades de montes están a poñer en marcha novos (ou vellos, segundo se mire) aproveitamentos do monte para o pastoreo ou a gandaría en extensivo como unha forma de xerar ingresos económicos e, ao mesmo tempo, mantelo limpo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.