Unha avaría que derivou nun afundimento mortal revela incumprimentos da concesionaria de remolcadores do Porto de Marín

Imaxe da investigación oficial do afundimento dun remolcador en Marín no que morreu o seu patrón © Ciaim

A investigación oficial do afundimento dun remolcador en novembro de 2020 no que morreu o seu patrón sinala un "incumprimento" dos pregos de condicións que "inhabilitaría" o barco afundido para o remolque que estaba a facer

O 13 de novembro de 2020 o remolcador Gaviota que prestaba servizo para a Autoridade Portuaria de Marín afundiu mentres daba remolque a un pesqueiro de altura que, por unha avaría, deu marcha atrás de improviso e o arrastrou facéndoo envorcar. Un dos dous tripulantes do remolcador logrou saltar ao mar pero o patrón quedou atrapado e faleceu.

A investigación técnica oficial do sinistro, realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) do Ministerio de Transportes, fixo pública hai unhas semanas as súas conclusións do caso nas que establece que as causas do sinistro foron unha avaría na hélice do pesqueiro e unha incorrecta comunicación entre o persoal implicado cando o barco comezou a moverse en dirección imprevista. Pero o documento tamén sinala o "incumprimento" do remolcador de características requiridas pola Autoridade Portuaria para poder prestar o servizo, cuestión que o "inhabilitaría" para "calquera tipo de actividade de remolque para o porto de Marín". 

Manobras dos dous remolcadores co pesqueiro antes do accidente © Ciaim

A investigación técnica oficial do sinistro non busca culpabilidades senón coñecer as causas dos accidentes marítimos para emitir recomendacións que impidan que volvan suceder. Segundo as súas conclusións, xunto coa avaría da hélice do pesqueiro e a incorrecta comunicación entre o persoal cando este comezou a dar marcha atrás de xeito imprevisto, houbo outros "factores que contribuíron ao accidente". Entre eles indica que un dos dous remolcadores que participaba na operación, o Gaviota que se situaba a proa do pesqueiro, empregou "un cabo demasiado curto para o remolque" que non permitía "ningunha visibilidade do remolcador desde a ponte de mando [do pesqueiro, de moito maior tamaño] nin practicamente ningunha marxe de manobra para o remolcador unha vez se converte en obxecto remolcado".

Cando iso ocorreu e o remolcador pasou a ser arrastrado cara atrás polo pesqueiro "o remolcador Gaviota non tiña instalado un sistema de disparo de emerxencia do gancho de remolque desde a ponte de mando". A investigación matiza que "aínda que non é posible saber se dito sistema evitaría o envorque, pois foi moi rápido, daría a oportunidade ao patrón do remolcador de liberar o cabo de remolque".

Investigación técnica oficial do afundimento do remolcador 'Gaviota' no porto de Marín CC-BY-SA Praza Pública

Pero o que si di a investigación é que os pregos de condicións fixados pola Autoridade Portuaria de Marín e a Ría de Pontevedra para o servizo de remolque establecían que os remolcadores deben contar cun tambor de remolque que permita largar máis cabo ou cun sistema de disparo de emerxencia do cabo de remolque desde a ponte de mando. E no caso do Gaviota, "propiedade da empresa Amare Marín SL", non ocorría ningunha das dúas cousas. 

O remolcador viuse arrastrado polo pesqueiro ao que estaba enganchado sen dispoñer, como establecera a Autoridade Portuaria de Marín, dun sistema que lle permitise largar máis cable ou soltalo de emerxencia desde a ponte de mando

"Isto suporía un incumprimento das prescricións particulares do servizo de remolque e inhabilitaría o Gaviota a realizar calquera tipo de actividade de remolque para o porto de Marín", di a investigación. O documento matiza que a normativa estatal aplicable "non esixe" un sistema de disparo de emerxencia do remolque, polo que esa ausencia non lle impedía dispoñer dos certificados emitidos pola Dirección Xeral da Mariña Mercante, pero si que incumpría "os requisitos da Autoridade Portuaria para actuar como remolcador".

A investigación remata realizando recomendacións a varias das partes implicadas (prácticos, Capitanía Marítima) para que eviten ou regulen mellor probas como a que estaba a facer o pesqueiro, a cuxa armadora pide tamén que mellore e realice un mellor mantemento do sistema de propulsión do seu barco. 

E á empresa armadora do remolcador afundido reclámalle "que adecúe os remolcadores ao establecido no prego de prescricións particulares do servizo de remolque do porto", "valore a instalación dun dispositivo de disparo automático de emerxencia dos ganchos dos seus remolcadores que se active automaticamente cando a escora que teña o buque" sexa excesiva, e empregue un sistema de cable de remolque que permita variar a súa lonxitude en función de cada manobra requirida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.