O obxectivo é "crear espazos que melloren as condicións de vida das mulleres do rural, para que estas mudanzas poidan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino"
EspadELA, escola de apoderamento feminista para mulleres do rural, está a piques de celebrar a segunda edición desta iniciativa, coordinada pola cooperativa Arabías), co apoio polo Sindicato Labrego Galego e o financiamento da Deputación de Coruña. Será nos concellos de Moeche, Arzúa e Betanzos dende este mes de setembro ata o de novembro. A primeira edición da escola desenvolveuse o pasado ano nos municipios de Arzúa, Ordes, Oroso e Betanzos, obtendo altos niveis de participación e satisfacción por parte das mulleres participantes.
O obxectivo de EspadELA é "crear espazos de traballo no plano persoal que melloren as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino". A escola componse dun total de 20 horas de formación, con tres liñas principais:
A segunda edición terá lugar nos concellos de Moeche, Arzúa e Betanzos dende este mes de setembro ata o de novembro
- Con voz propia, un obradoiro para "traballar arredor da autoestima, da participación, do liderado e da prevención de violencias machistas", buscando "a conexión cun marco de interpretación feminista da realidade cotiá". Dende Arabías destacan que se busca "aprender a escoitarnos e coidarnos, desde un lugar de menos culpa e prexuízo, é un dos traballos que iniciamos". "Nesta tarefa comprendemos que non estamos soas, outras mulleres transitan tamén o mesmo camiño e somos compañeiras", engaden.
- Enredadas, unha actividade de aproximación "ás posibilidades que ofrece Internet e as redes sociais traballando o manexo práctico de dispositivos móbiles que facilitan a comunicación e o traballo en rede". Dende Arabías explican que en numerosas ocasións as mulleres quedan á marxe do proceso de inclusión dixital "e polo tanto non aproveitan as vantaxes que proporcionan estas ferramentas".
- Habitando o noso corpo, un obradoiro "para traballar arredor do autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional".
"O contacto social, estar con outras persoas, compartir, rir, falar, chorar con elas, é unha necesidade que debería ser considerada básica", conclúen dende Arabías
EspadELA foi un dos proxectos seleccionados pola área de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña no marco do Concurso Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade.
"As persoas temos moitas necesidades, algunhas están catalogadas como necesidades básicas. O contacto social, estar con outras persoas, compartir, rir, falar, chorar con elas, tamén é unha necesidade, e unha necesidade que debería ser considerada básica", conclúen dende Arabías. As mulleres que se queiran inscribir poden facelo ata o venres 13 de setembro escribindo ao mail: arabias.coop@gmail.com ou chamando aos teléfonos: 619457324 / 667384221.