Varias sentenzas contra o Sergas frustran o seu plan para reter médicos residentes de hospital

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha visita ao CHUO CC-BY-SA Xunta

En maio de 2023, o Sergas puxo en marcha o primeiro programa temporal de transición xeracional do persoal facultativo hospitalario, dirixido a médicos que finalizaban a súa formación nese ano. A través de contratos de tres anos para especialistas de hospital en canto acababan o MIR, a Consellería de Sanidade buscaba "reter o talento dos residentes que rematan a súa formación para garantir a remuda xeracional e reducir listas de espera".

A xustiza anula o programa temporal de transición xeracional que ofrecía contratos de tres anos a médicos de hospital ao rematar o MIR 

Fíxoo, como aclara agora tamén, para "responder a unha necesidade urxente derivada do envellecemento do cadro de persoal", xa que se estima que uns 300 especialistas se xubilarán nos vindeiros cinco anos no Sergas cando, ademais, un terzo dos actuais supera os 55 anos e están exentos de gardas. 

O programa ofreceu 60 contratos en 2023, repetiuse en 2024, con 71, e no pasado 2025, cando as contratacións ofertadas subiron a 78. É a fórmula á que recorre a Xunta pola vía rápida para promover a renovación do persoal médico que se vai xubilando e paliar os problemas que para a cobertura de gardas ten o seu envellecemento. Un plan que a xustiza bota agora abaixo a través de varias sentenzas de diferentes xuíces, decisións que poñen en dúbida un programa e a vinculación laboral de máis de 200 médicos e médicas. 

Persoal médico do Sergas CC-BY-SA Xunta

Cando menos, son tres as sentenzas emitidas por xulgados do contencioso-administrativo de Santiago as que botan abaixo este programa de contratacións do Sergas: dúas que anulan o de 2023 e unha o de 2024, á espera de que os tribunais resolvan outros recursos, tamén aos contratos de 2025. 

Son polo menos tres as sentenzas que botan abaixo o plan do Sergas para reter médicos residentes por "vulnerar os principios de igualdade, mérito e non discriminación"

En todos os casos, as e os maxistrados consideran que o programa de transición xeracional "vulnera os principios de igualdade, non discriminación, mérito e capacidade no acceso á función pública", así como os sistemas de selección de persoal pactados polo Sergas cos sindicatos na mesa sectorial de Sanidade. 

"Os contratos ofertados exclúen todo o persoal facultativo que non reúna a condición de terminar o MIR en 2023 e afástase do sistema convencionalmente pactado para a xestión dos devanditos chamamentos", di un dos ditames xudiciais, que explica que "a xustificación do programa non ampara a infracción do principio de igualdade no acceso ao emprego" e que "a restrición dos posibles aspirantes a participar no programa produce a quebra do principio de igualdade e de mérito e capacidade no acceso, excluíndo outros candidatos en posesión da titulación, aos que priva da posibilidade de acceso a contratos de longa duración". 

Unha das sentenzas estima o recurso ás contratacións de 2023 por parte da organización médica Simega, que tamén recorreu as de 2024, e as outras dúas os presentados por CIG-Saúde para as de 2023 e 2024. 

Dúas sentenzas estiman os recursos de CIG-Saúde contra os programas de 2023 e 2024 e outra, o de Simega contra o de 2023, á espera de máis ditames

Xa no momento da aprobación do programa, hai case tres anos, os sindicatos advertiran da súa posible ilegalidade. CIG-Saúde, central maioritaria no Sergas, alertaba de que os contratos eran ofertados a persoas que remataban a súa formación MIR "sen respectar o pacto de contratacións" e que varias das súas disposicións infrinxían "os principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público". 

"Se é necesario contratar persoal a maiores, fóra do cadro de persoal, para garantir a cobertura das xubilacións, hai que facelo respectando o pacto de selección temporal", dixera CIG-Saúde, que exixía que os nomeamentos se ofertasen "polas listas de contratación, abrindo un prazo excepcional para que se anoten os residentes que rematan". 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha visita ao hospital Álvaro Cunqueiro CC-BY-SA Xunta

"Reforzo adicional"

"Daquela xa lle advertimos ao Sergas que non nos opoñíamos polo feito de que houbese un programa de transición xeracional, senón por como e a quen se ofertaban os contratos", di agora Ana Lestón, secretaria nacional de CIG-Saúde. "Se o obxectivo era anticiparse ás xubilacións tiña que facerse atendendo ao pacto de contratación, respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade, pero a Administración dixo que non, seguiu adiante e tivemos que recorrer á xustiza", engade. E a xustiza vén de botar abaixo o programa. 

O Sergas, tal e como aclara tamén a Praza.gal, argumentou no xulgado que os nomeamentos do programa "non cobren prazas vacantes estruturais", que seguen a cubrirse polo sistema ordinario de listas de contratación pactado. "O programa é un reforzo adicional, inferior ao 10 % da contratación temporal habitual", alega. 

Nas sentenzas ás que tivo acceso Praza.gal, diferentes maxistrados rexeitan a alegación na que a Xunta argumenta que estas contratacións non estarían suxeitas aos pactos de contratación de persoal estatutario xa que estes acordos "resultan de aplicación a todos os nomeamentos temporais" deste tipo no Sergas, tal e como di un dos xuíces. Noutro ditame, unha maxistrada advirte tamén que "o pacto de vinculacións temporais aplícase a todos os nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario". 

Varios maxistrados rexeitan as alegacións do Sergas e aclaran que o programa está suxeito aos pactos de contratación temporal asinados cos sindicatos

Tampouco aceptan os xuíces as alegacións nas que a Consellería de Sanidade asegura que o programa de contratacións está nun "plano xerarquicamente" superior aos pactos de selección de persoal e que a súa implantación responde ás "facultades de autoorganización do Sergas". 

O Sergas entende que o programa "non se trata dunha disposición regulamentaria xeral, senón dunha decisión de política de persoal para un problema específico, polo que non require os mesmos trámites ca un decreto" e que estaría avalado por un artigo do Estatuto Marco que permite nomeamentos temporais de ata tres anos. 

Persoal médico do Sergas, nunha fotografía de arquivo CC-BY-SA Xunta

En canto aos principios de igualdade, mérito e capacidade, a Consellería considera que, "precisamente por ser un programa de retención de talento e transición, o lóxico é que o colectivo destinatario sexa o dos residentes que acaban de rematar". 

"Absolutamente desproporcionada"

"O baremo empregado está deseñado especificamente para valorar a súa formación e a continuidade asistencial no centro onde se formaron, o que é un criterio obxectivo e razoable", defende Sanidade, nun argumento que unha das sentenzas rexeita especificamente, ao cualificar de "absolutamente desproporcionada" a ponderación da denominada continuidade asistencial á hora puntuar o persoal aspirante aos contratos. 

"Ao finalizar a formación MIR na mesma área sanitaria convértese nun criterio determinante para a selección, transformándose en realidade esta contratación temporal nun modelo de contrato temporal de continuidade do persoal MIR que termina a súa formación non previsto na lexislación básica estatal", explica quen ditamina a anulación dese baremo. 

As Xunta recorrerá as sentenzas ante o TSXG, o que lle permite manter un programa que, no caso de haber ditame firme, implicaría a nulidade dos contratos

As sentenzas non son firmes e cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tal e como lembra a Xunta, unha posibilidade que permitirá o Sergas, polo momento, manter un programa que, no caso de haber sentenza firme, implicaría a nulidade das contratacións e o cesamento do persoal vinculado a elas, tal e como advirten fontes sindicais. 

As mesmas fontes indican que, desde o principio, o obxectivo do Sergas foi "agarrar o persoal residente xogando coa lexislación e as normas" e "ir atrasando" a cobertura de prazas derivadas de xubilacións con contratos de interinidade para "poder manter prazas en precario e temporais durante máis tempo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.