A porcentaxe de profesionais médicos colexiados en Galicia de menos de 55 anos pasou do 57,5% en 2020 ao 63% en 2024
O envellecemento do persoal sanitario é un dos grandes problemas que presenta o sistema sanitario. Dende hai moitos anos vén alertándose de que unha parte importante dos médicos e médicas galegas está chegando -e mesmo superando- a idade de xubilación. Moitos e moitas profesionais desa xeración que entrou a traballar nos anos oitenta xa non están, de feito, xa en activo.
Estas advertencias tardaron tempo en ser escoitadas, pero nos últimos anos comezou a acelerarse a incorporación de médicos e médicas novas. Así, por exemplo, o número de profesionais colexiados en Galicia de menos de 35 anos pasou de 2.585 a 3.140 entre 2020 e 2024, un aumento de máis de 500 persoas en só catro anos. Neste tempo tamén aumentou en medio milleiro o número de profesionais entre 35 e 44 anos.
A consecuencia é un certo rexuvenecemento do persoal médico en activo en Galicia, de xeito que a porcentaxe de profesionais de menos de 55 anos pasou do 57,5% en 2020 ao 63% en 2024, segundo a estatística publicada polo INE nos últimos días.
Porén, case cinco mil médicos e médicas na actualidade en activo en Galicia teñen máis de 55 anos e, polo tanto, xubilaranse nunha década
Nos últimos anos, é certo, estase a facer un esforzo para incrementar a incorporación de novos profesionais e as prazas MIR ofertadas, tanto en Galicia como no conxunto do Estado, veñen rexistrando máximos históricos.
A outra cara destes datos é que case 4 de cada 10 profesionais en activo superan eses 55 anos, de xeito que están a unha década da idade de xubilación. Case cinco mil médicos e médicas na actualidade en activo en Galicia teñen máis de 55 anos e, polo tanto, xubilaranse nos vindeiros anos.
Uns 1.700 médicos e médicas en activo superan os 65 anos, un 34% dos colexiados e colexiadas por riba desa idade
A serie estatística publicada polo INE amosa, neste senso, que en paralelo ao lento incremento do número de médicos e médicas novas, está tamén a aumentar a porcentaxe de colexiados e colexiadas de máis de 65 anos, que neste momento representa máis do 30% do total. Só unha parte está en activo, pero son cada vez máis os profesionais médicos que escollen seguir traballando despois da súa idade legal de xubilación.
Mentres que Galicia presenta un 49,7% de colexiados e colexiadas de máis de 55 anos (unha parte deles e delas xa non en activo), no conxunto do Estado a porcentaxe é do 44,7%
Da estatística do INE podemos colixir que en Galicia hai nestes momentos máis de 1.700 médicos e médicas en activo que superan os 65 anos, un 34% dos colexiados e colexiadas por riba desa idade. Esta cifra non deixou de medrar nos últimos anos, pasando por exemplo de 694 no ano 2019 ata os 1.702 actuais.
O maior incremento produciuse sobre todo no ano 2020, co inicio da pandemia de COVID que animou a moitos e moitas profesionais a estender a súa vida laboral, aínda que fose de forma provisional. Porén, dende entón o número seguiu a medrar, aínda que a un ritmo menor.
Tan só Asturias (54%), Aragón (53,3%) e Castela e León (52,1%) presentan unha proporción de colexiados maiores de 55 anos superior á galega
O envellecemento do persoal sanitario non é exclusivo de Galicia. En todo o Estado español a porcentaxe de médicos e médicas de máis de 55 anos e próximos á súa xubilación disparouse nas últimas décadas. Porén, Galicia figura entre as comunidades autónomas cunha maior proporción de profesionais por riba desa idade, superando a media española.
Así, mentres que Galicia presenta un 49,7% de colexiados e colexiadas de máis de 55 anos (unha parte deles e delas xa non en activo), no conxunto do Estado a porcentaxe é do 44,7%. Tan só Asturias (54%), Aragón (53,3%) e Castela e León (52,1%) presentan unha proporción de colexiados maiores de 55 anos superior á galega. No outro extremo, Murcia, Madrid, Cataluña, Baleares ou Canarias presentan os cadros de persoal máis novos, con proporcións entre o 40% e o 42%.