O 7 de novembro de 2006 o daquela conselleiro de Traballo, o socialista Ricardo Varela, foi o primeiro en intervir en lingua galega nun destes encontros de primeiro nivel. Adiantouse por seis días ao vicepresidente nacionalista Anxo Quintana
“Como representante dunha rexión europea como é Galicia, pero cunha grande historia detrás, quero facelos partícipes da gran transcendencia simbólica que ten a miña intervención pois é a primeira vez que nesta institución europea se escoita o idioma galego, unhas das linguas cooficiais do Estado español; podo dicir, sen temor a equivocarme, que hoxe os galegos nos sentimos máis europeos”. Estas foron, hai hoxe vinte anos, as primeiras palabras pronunciadas en galego nun Consello de Ministros da Unión Europea.
O 7 de novembro de 2006 o daquela conselleiro de Traballo, o socialista Ricardo Varela, foi o primeiro en intervir en lingua galega nun destes encontros de primeiro nivel. Adiantouse por seis días ao vicepresidente nacionalista Anxo Quintana, que ía ser o primeiro en facelo, acompañando á ministra de Educación e Política Social, Mercedes Cabrera, nun Consello de Xuventude o 13 de novembro de 2006. Pero a presidencia da UE que daquela ocupaba Finlandia convocou para xusto seis días antes un Consello de Política Social extraordinario, área da competencia de Varela.
Hai dez anos -no décimo aniversario- lembramos deste xeito a efeméride, recollendo algúns datos que publicara a xornalista e investigadora Rocío Castro nunha análise sobre as primeiras presenzas de Galicia no Consello da UE na revista Tempo Exterior do Igadi.
20 anos despois. o Goberno do Estado, canda aos gobernos de Catalunya e Euskadi, loitan polo recoñecemento de galego, catalán e vasco nas institucións comunitarias. BNG e PSdeG critican a falta de apoio de PP e Xunta
O vixésimo aniversario deste feito histórico chega en plena batalla pola oficialidade do galego -canda a catalán e vasco- nas institucións da Unión Europea, unha loita iniciada polo Goberno do Estado no verán de 2023 e que malia este impulso vén atopando grandes dificultades e importantes receos tanto por parte dos dirixentes da UE coma sobre todo en determinados países. Ademais, dentro de España a iniciativa bateu coa frontal oposición da dereita de PP e VOX e mesmo da Xunta.
Estes obstáculos levaron a sucesivos atrasos e a que a proposta fique estancada, sen avances. Hai apenas un mes España solicitou información sobre a súa demanda e deslizou un ultimato co que espera desatrancar a situación: non aceptará ningún outro idioma máis no regulamento lingüístico da UE —como consecuencia da entrada de novos Estados membros que tamén se debate xa en Bruxelas— se antes non se acepta a súa demanda.
A proposta de oficialización de galego, catalán e vasco lanzada no ano 2023 segue a chocar co rexeitamento da UE
Porén, a resposta da UE segue a ser negativa, sinalando que a petición de España require a reforma dos tratados europeos. Ademais, O Consello da UE limítase a apuntar -nunha resposta a Ana Miranda- que, fronte á oficialización, "os cidadáns españois poden enviar ao Consello e recibir deste comunicacións escritas en galego a través do organismo competente designado polo Goberno español a tal efecto". Unha mera tradución, en virtude dos acordos (de mínimos) acadados hai dúas décadas.
En Galicia, BNG e PSdeG critican con dureza a posición que está a manter nesta cuestión o PP e a propia Xunta, a diferenza do impulso que os gobernos vasco e catalán están a dar á demanda. "É un esperpento que o galego vaia ser defendido polo lehendakari e polo presidente de Catalunya, pero non polo presidente de Galiza", sinalou o pasado ano Ana Pontón."Quen non ama a súa lingua non pode amar o seu país", dixo pola súa banda Besteiro para censurar que Rueda "non se sume á defensa do noso idioma" que fan Illa e Pradales.