O pasado martes, o galego volveu bater contra o muro da UE nun novo intento de España de conseguir o visto e prace das institucións comunitarias á súa oficialidade e mais a do catalán e a do éuscaro. O Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea volveu tratar unha petición que o Executivo central fixo xa hai máis de tres anos, pero esta foi resolta en minutos, sen avance ningún e adiando a decisión por oitava vez. Todo malia que o goberno de Pedro Sánchez advertiu de que non aceptará ningunha outra lingua máis oficial en Bruxelas —como resultado da futura ampliación que agora se debate— se antes non se inclúen as que tamén son oficiais en varias comunidades autónomas do Estado.
Só un día antes, a UE aclaraba que o Goberno de España xa pode traducilo e facía referencia a un dos acordos (de mínimos) de hai dúas décadas que permite que a cidadanía galega poida utilizar a súa lingua para comunicarse con determinadas institucións e órganos comunitarios.
O Consello da UE responde a unha pregunta de Ana Miranda (BNG) aclarando a posibilidade de tradución de España e aludindo a acordos para o uso do galego de hai dúas décadas
Faino o propio Consello da UE nunha resposta á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, enviada co gallo da último Día das Letras Galegas, o pasado mes de maio. Na súa cuestión, a parlamentaria nacionalista lembra que o galego "segue sen aceptarse como lingua oficial da UE malia telo solicitado o goberno español xunto cos gobernos catalán e vasco", advertindo da "falta de lexitimidade e democracia" que supón esa situación que, segundo o texto, "socava a imaxe da Unión.
"Cando permitirá o Consello que o galego e as demais linguas oficiais do Estado español pasen a formar parte das linguas oficiais da UE?", pregunta Ana Miranda. Na resposta, asinada o pasado 21 de setembro, lembra o "acordo administrativo" de 2006 entre España e a UE para o uso dos idiomas oficiais do Estado polo que "os cidadáns españois poden enviar ao Consello e recibir deste comunicacións escritas en galego a través do organismo competente designado polo Goberno español a tal efecto".
Aclara tamén a resposta que, "ademais, o Goberno español pode realizar traducións xuradas ao galego dos actos da UE adoptados ao respecto do procedemento lexislativo ordinario e remitilas á Secretaría Xeral do Consello" e que este "conserva estas traducións xuradas nos seus arquivos e facilita copias destas a todo cidadán da Unión que o solicite". Do mesmo xeito recorda que xa hai unha copia certificada en galego dos Tratados da UE desde 2011.
A carta non fai alusión ningunha ao debate actual sobre a oficialidade do galego nin moito menos da data prevista para cumprir esta demanda
Na carta, na que non se fai referencia ningunha ao debate actual sobre a futura oficialidade do galego, nin moito menos sobre a data prevista para o cumprimento desta demanda, o Consello tamén advirte que "en determinadas condicións, os representantes de España poden tamén empregar estas linguas [en referencia a galego, catalán e vasco] nas sesións do Consello".
Aclárao en referencia á posibilidade de intervir oralmente en galego en determinados órganos e institucións políticas e consultivas, que inclúen tamén o Comité das Rexións e o Comité Económico e Social Europeo, aínda que só baixo estritas condicións: ten que haber unha solicitude previa de España, que ten que facerse cargo de todos os custos de interpretación, e exclúe a tradución pasiva da intervención.
O acordo de 2006 ao que alude o Consello, supón que calquera cidadán poida dirixir textos en galego a esta institución e ten dereito a recibir resposta no mesmo idioma. Diversos acordos semellantes permitiron o mesmo noutras seis institucións, organismos ou órganos consultivos da UE.
O uso do galego na Eurocámara segue vetado malia que o Parlamento galego reclamouno de maneira unánime
Na Eurocámara, de momento, os eurodeputados non teñen permitido intervir en galego nos debates nin traducir as súas emendas parlamentarias a esta lingua, a pesar de que hai negociacións para que se permita. Un acordo do Parlamento galego, co apoio do PPdeG, reclámallo á UE desde hai temp , aínda que logo os populares non apoiaron o seu uso no Congreso dos Deputados.
Vantaxes da oficialidade
A oficialidade plena do galego suporía a tradución automática de todas as leis e debates na Eurocámara. Tamén a de toda a documentación e lexislación que se produza desde agora, regulamentos e acordos institucionais, que toda a documentación que os Estados membros remitan á UE poida estar en galego (e en catalán e éuscaro) cando ata o de agora só se podían enviar nunha das linguas oficiais e estatais. Xa que logo, que os concellos ou calquera outras entidades do país poidan dirixirse en lingua galega ás institucións comunitarias e non en castelán como agora. E que estas teñan que responder en galego, tamén no caso de se dirixir a unha persoa en particular.
Ocorrería o mesmo cos regulamentos e anuncios publicados no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), que poderían -e deberían- ser publicados tamén en galego. No traballo dun europarlamentario galego, por exemplo, a mudanza é obvia, xa que poderían remitir calquer pregunta ou cuestión na súa lingua cando agora fano, habitualmente, en castelán ou, noutras veces, en portugués.
Ademais, a oficialidade do galego suporía que os custos de tradución e interpretación do galego pasarían a ser financiados integramente pola UE, ademais de supor unha oportunidade de emprego para moitos profesionais galegos, sobre todo tradutores, intérpretes, correctores e lingüistas.