Como no resto de ocasións nas que se levou o tema á orde do día, a UE continúa sen tomar a decisión sobre a oficialidade do galego, o catalán e o vasco, unha proposta que leva estancada tres anos e que terá que seguir agardando. No Consello de Asuntos Xerais deste martes, España solicitou información sobre a súa demanda, pero antes deslizou un ultimato co que espera desatrancar a situación: non aceptará ningún outro idioma máis no regulamento lingüístico da UE —como consecuencia da entrada de novos Estados membros que tamén se debate xa en Bruxelas— se antes non se acepta a súa demanda. Irlanda, que ten a presidencia rotatoria, xa advertiu de que non había "posiiblidade ningunha" de que se decidise algo este martes.
España inclúe a oficialidade do galego nos temas a tratar no Consello de Asuntos Xerais pero Irlanda, que coa presidencia rotatoria, di que non hai "posibilidade ningunha" de que se decida algo
Antes da entrada no consello, Fernando Sampedro, secretario de Estado da UE, deixou clara a postura, advertindo de que España é "un dos principais e grandes defensores da ampliación" da Unión (que afronta a posible entrada de Estados como Albania, Montenegro, Ucraína ou Moldavia), que isto "implica o recoñecemento das linguas de todos os cidadáns" e que iso debe supor tamén que o recoñecemento da oficialidade do galego, e mais do catalán e o vasco "antes de que estoutras linguas se poidan incorporar á lista de linguas oficiais".
Asegurouno así tamén o pasado luns o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, desde a Asemblea Xeral da ONU en Nova York: "É impensable para España que haxa un só idioma máis dentro do réxime lingüístico oficial da UE se non o están tamén o catalán, o éuscaro e o galego". Refírese á futura oficialidade do ucraíno ou o albanés, que elevaría o número de 24 idiomas oficiais nesta altura na Unión.
España aclara que non aceptará ningunha outra lingua máis na UE como resultado da súa ampliación se antes non se inclúen galego, catalán e éuscaro
Sampedro, neste martes, considerou que "xa é hora de acabar coa discriminación que sofren 20 millóns de europeos que viven en territorios con máis dunha lingua oficial en comparación con outros europeos que tamén teñen máis dunha lingua oficial", en referencia aos habitantes de Galicia, Catalunya, Euskadi, Navarra, Comunitat Valenciana e Illes Balears. E lembrou que a UE si recoñece os dereitos lingüísticos dos falantes de maltés ou irlandés cando nos seus territorios o inglés é tamén oficial.
"Non hai motivos en materia de custos, legais, técnicos ou de precedentes que poidan xustificar non recoñecer os dereitos lingüísticos que xa teñen as persoas no seu día a día", insistiu, asegurando que "non hai ningún motivo para seguir demorando a decisión".
Aínda así, non houbo avances, a cuestión resolveuse en minutos e tres Estados, ademais, deixaron claro que non lles chista nada a idea de vincular a futura ampliación da UE coas linguas oficiais de España: Suecia, Lituania e Alemaña.
Con todo, Sampedro amosouse seguro de que galego, catalán e éuscaro serán oficiais na UE "axiña" e que España "leva explicando a súa proposta tres anos", achegando "toda a información" e resolvendo calquera "dúbida". "Estou convencido de que vai ocorrer antes de que se incorporen outros Estados como membros á UE", insistiu.
"Estou convencido de que galego, vasco e catalán serán oficiais antes de que se incorporen outros Estados á UE", di Sampedro, secretario de Estado da UE
"Xa proporcionamos todas as análises da Avogacía do Estado que amosan que por suposto que se poden engadir novas linguas sen modificar os tratados", insistiu Sampedro, que lembra que o Goberno de España pide a oficialidade das linguas pero non que sexan consideras auténticas (nas que se redactan, asina e ratifican os textos constitucionais e tratados). Tamén recordou que a UE pode aceptar a proposta española e, no caso de ter algunha dúbida, adoptala e agardar a que o Tribunal de Xustiza da UE se pronuncie para implementala e "confirmar que é compatible".
Sampedro cualificou de "escusas" os "argumentos" empregados por algúns Estado para pedir máis documentación e lembrou que, se responden a algunha dúbida, o Goberno de España está "disposto a atendela". Antes, Thomas Byrne, ministro de Asuntos Europeos de Irlanda (país que ostenta a presidencia rotatoria da UE), xa aclarou que a oficialidade das linguas trataríase nun "breve debate" no Consello de Asuntos Xerais pero que non habería "ningún resultado ao respecto". "Escoitaremos o que diga o noso colega español e reflexionaremos, pero non hai posibilidade de tomar unha decisión hoxe", dixo.
A manobra de Feijóo
O ministro irlandés lembrou que os servizos xurídicos do Consello da UE sosteñen que a petición de España si require a reforma dos tratados europeos e que, logo de emitirse ese ditame, a presidencia "está obrigada a aceptalo".
A estas supostas dúbidas legais únense as reticencias dalgúns Estados, en especial daqueles con gobernos conservadores como Italia, Austria, Chequia, Finandia ou Alemaña, que non ven con bos ollos favorecer a Sánchez cunha medida que foi un dos acordos aos que chegou con Junts para facilitar a súa investidura hai dous anos. En maio de 2025, antes da anterior reunión do Consello de Asuntos Xerais, o PP recoñeceu que o seu líder, Núñez Feijóo, manobrara con executivos de dereita na UE para impedir a oficialidade e mesmo pediu axuda a Vox no caso dos países máis virados á extrema dereita.
A proposta de modificación do regulamento foi feita por España hai máis de tres anos, en agosto de 2023, para que o número de idiomas oficiais da UE pase de 24 a 27. Foi incluída na axenda de oito reunións do Consello de Asuntos Xerais, en catro baixo a presidencia española, cando era o seu goberno o que fixaba esta axenda, un cando a presidencia rotatoria caeu en Bélxica, Polonia, Dinamarca e, este venres, con Irlanda á fronte. Non houbo maneira.
Ana Miranda (BNG) denuncia a "discriminación" e o "bloqueo" da oficialidade do galego e sinala os gobernos do PP europeo
Desde Galicia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, negou sempre o apoio á oficialidade do galego na UE argumentando o seu elevado custo e a existencia de "prioridades maiores". Mesmo desbotou sumar a súa sinatura á carta conxunta que os presidentes de Euskadi e Catalunya enviaron aos 27 Estados membros pedindo o recoñecemento legal dos tres idiomas na UE. Tamén do galego.
Desde o BNG, a eurodeputada Ana Miranda denunciou a "discriminación do galego" e o novo "bloqueo" á súa oficialidade por parte da UE. "Os gobernos do PP europeo están a bloquear esta decisión por intereses partidistas, xa que non existen razóns legais nin de custo económico que xustifiquen o seu veto”, criticou, ademais de denunciar a “falla de ambición do Estado español" para defender a súa postura "de xeito rotundo".