O 27 de agosto de 1936, hai 89 anos, foron fusilados no cemiterio vigués de Pereiró un grupo de políticos republicanos e de esquerdas, entre eles os alcaldes de Vigo e Lavadores, ademais de numerosos sindicalistas.
O 27 de agosto de 1936, hai 89 anos, foron fusilados no cemiterio vigués de Pereiró un grupo de políticos republicanos e de esquerdas, ademais de numerosos sindicalistas. Entre os fusilados polas forzas franquistas que un mes antes iniciaran o Golpe de Estado estaba o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido, e José Antela Conde, alcalde de Lavadores, daquela concello independente e posteriormente anexionado a Vigo.
Ese día foron tamén executados Enrique Heraclio Botana, dirixente socialista e director do diario Solidaridad; Waldo Gil Santostegui, médico e político, membro do PSOE; Ramón González Brunet, político e sindicalista, membro da UGT; Apolinar Torres, mestre, pedagogo e sindicalista da Federación Española de Traballadores do Ensino; Ignacio Seoane, sindicalista, político e dirixente socialista, deputado pola Fronte Popular; ou Antonio Bilbatúa Zubeldía, político e dirixente socialista, deputado da Fronte Popular.
Este mércores, como é habitual, os mártires de Pereiró recibiron unha homenaxe no cemiterio
Este mércores, como é habitual, os mártires de Pereiró recibiron unha homenaxe no cemiterio. O acto foi presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e tamén participaron outros representantes municipais, entidades sociais e da memoria democrática, partidos políticos e sindicatos.
Caballero lembrou a “aqueles homes que tiñan un soño de democracia e liberdade; que soñaban cun Vigo distinto, cunha Galicia distinta e cunha España distinta en democracia”. Ese soño, subliñou, “foi afundido polo fascismo. Foron asasinados. O seu delito era ser demócratas e defender á cidadanía”.
"Estamos a vivir o revival daquel fascismo que provocou unha guerra tremenda e acabou co soño de liberdade hai 89 anos. Non hai desculpas para os que queren pactar e pactan cos que rememoran aquel disparate e aquel desastre”, advertiu Caballero
No seu discurso, o rexedor advertiu de que “estamos a vivir o revival daquel fascismo que provocou unha guerra tremenda e acabou co soño de liberdade hai 89 anos". "Non hai desculpas para os que queren pactar e pactan", dixo, "cos que rememoran aquel disparate e aquel desastre”, en alusión ao PP e aos seus pactos con VOX.
Ao mesmo tempo, instou á cidadanía a "permanecer alerta": “Temos que estar permanentemente defendéndoa, porque ten ameazas neste país e noutros que criamos inmunes. Somos conscientes de que vivimos tempos convulsos, con presidentes de estados que atemorizan con criterios semellantes aos do pasado. A nosa función debe ser, por riba de todo, defender a democracia”, dixo
Abel Caballero instou a deixar sen efecto as sentenzas que condenaron a morte aos fusilados en Pereiró
Caballero instou a deixar sen efecto as sentenzas que condenaron a morte aos fusilados en Pereiró, ditadas polos tribunais non democráticos instaurados polos militares golpistas. "Conseguiremos que se deixen sen efecto todas esas sentenzas", destacou.
As cifras detallan que tras esta matanza ata 740 persoas foron asasinadas tamén en Pereiró durante e despois da Guerra Civil.