Xa é obrigatorio comunicar a chegada a Galicia desde a metade das comunidades autónomas

A obriga de comunicar a chegada a Galicia atinxe turistas, pero tamén a persoas que viaxen por calquera outro motivo CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Xunta inclúe a Cantabria, Castela-A Mancha, Murcia e Melilla na lista de territorios con control de viaxeiros polo coronavirus, da que saen Xibraltar, República Dominicana e Porto Rico

Desta volta sen novo cambio de criterio, como fixo nas tres ocasións anteriores en que a revisou, a Xunta vén de actualizar este venres no Diario Oficial de Galicia a lista de territorios que considera con “alta incidencia da COVID-19”, o que obriga ás persoas que cheguen desde eles a comunicalo formalmente ao Sergas. A nivel estatal a nova lista incorpora a Cantabria, Castela-A Mancha, Murcia e Melilla aos que xa estaban (Aragón, Illes Balears, Castela e León, Madrid, Navarra, Euskadi e A Rioxa), co que xa é obrigatorio comunicar a chegada a Galicia desde a metade das comunidades autónomas. 

As comunicacións das viaxes deben realizarse a través da web https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou ben chamando ao teléfono 881 00 20 21.

Límite entre Galicia e Castela e León na A-52 © Google

Ao contrario que nas ocasións anteriores, desta volta a Xunta volve empregar o mesmo criterio que na última revisión da lista, que se produce cada 15 días, e considera “alta incidencia” cando o territorio en cuestión rexistre unha taxa de casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días superior a 201,68, cifra que fixou o 19 de agosto fronte ás ocasións anteriores en que optara por establecelo en función do número de veces que se superase a taxa galega (este xoves, segundo o Ministerio de Sanidade, era de 117,87).

En Europa, onde a gran maioría dos países están exentos, sae agora tamén da lista Xibraltar, e en América, coa maioría dos países obrigados, deixan de estalo República Dominicana e Porto Rico

Na nova revisión da lista tamén sae dela Xibraltar, e en Europa, onde a gran maioría dos países están exentos da obriga, entra agora Montenegro. A nivel internacional, en América xa non estarán obrigados a comunicar a chegada a Galicia as persoas procedentes de República Dominicana e Porto Rico. No resto do mundo, boa parte de Asia e toda África están incluídas na obriga de comunicar as viaxes a Galicia. A Xunta non só ten en conta para iso a taxa de incidencia senón que inclúe na lista tamén "aqueles países respecto dos cales se carece de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica existente neles".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.