En agosto de 1976, hai 50 anos, a Dirección Xeral de Enerxía do Goberno de España outorgou autorización previa á asociación de empresas formada por FENOSA, Eléctrica del Cantábrico e Eléctrica de Viesgo para instalar unha central nuclear en Regodola (Xove)
O 23 de agosto de 1976, hai 50 anos, o BOE publicaba a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía do Goberno de España á asociación de empresas formada por FENOSA, Eléctrica del Cantábrico e Eléctrica de Viesgo para instalar unha central nuclear en Regodola (Xove), decisión tomada o día 2 daquel mesmo mes. A central nuclear autorizada tería una potencia nominal de 1.000 MW e un reactor de "auga lixeira". Veciñanza de Xove presentou un recurso, pero foi rexeitado nove meses despois.
A historia da nunca construída central nuclear de Regodola comeza uns anos antes, en decembro de 1973, momento no que se someteu a información pública a petición de autorización previa para a instalación dunha central nuclear no lugar por parte da mesma asociación de empresas. A iniciativa enmarcábase nun contexto de impulso da enerxía nuclear por parte da ditadura franquista, que xa nos anos 60 iniciou a construción das centrais de Zorita (Guadalaxara), Garoña (Burgos) e Vandellós I (Tarragona), as centrais de primeira xeración.
En 1976, cando se autoriza a central lucense, había tres reactores nucleares en marcha en España, outros tres en construción e 15 máis en proxecto. De feito, a autorización previa de instalación da central de Regodola enmarcábase no Plan Enerxético Nacional, que prevía que 1985 habería 24 centrais nucleares en funcionamento. Finalmente foron só dez, dos que unicamente sete seguen operativos.
A historia da nunca construída central nuclear de Regodola comeza uns anos antes, en decembro de 1973, momento no que se someteu a información pública a petición de autorización previa para a instalación dunha central nuclear no lugar por parte da mesma asociación de empresas
Nos anos setenta construíronse as centrais de segunda xeración de Almaraz I e II (Cáceres), Ascó I e II (Tarragona), Cofrentes (Valencia) e Lemóniz I e II (Biscaia), aínda que a instalación vasca nunca chegou a entrar en servizo, debido á forte oposición social na súa contra e, finalmente, á moratoria nuclear decidida polo goberno de Felipe González en 1984. A oposición social tamén paralizou, xa en 1974, un proxecto en Águilas (Murcia), sobre o que existían grandes cautelas debido ao risco sísmico que presenta a zona.
A unha terceira xeración pertencen as centrais de Trillo (Guadalaxara) e Vandellós II (Tarragona), cuxas obras comezaron en 1979 e 1980, respectivamente, e cuxos proxectos foron contemporáneos ao da central de Xove, que tamén se incluiría nesta terceira xeración de proxectos nucleares. A moratoria nuclear de 1984 paralizou o proxecto de Lemóniz, pero tamén os de Sayago (Zamora) e Valdecaballeros (Badajoz), así coma a prevista construción dun segundo reactor en Trillo, ademais da central de Xove.
Nese tempo, con partidos políticos aínda ilegais, a acción informativa de agrupacións culturais como Sementeira, creada en Viveiro en 1972, foi fundamental no progresivo proceso de concienciación da poboación
Hai que dicir que cando en 1973 se someteu a información pública a petición para instalar unha central nuclear en Xove, a oposición social na zona foi cativa. Por unha banda, por suposto, España era aínda unha ditadura e a mobilización social estaba necesariamente coutada, o mesmo que o acceso á información. Pero, ademais, a visión que nese momento se tiña da enerxía nuclear non era necesariamente negativa e ignoraba moitos dos seus perigos. Ademais, prometíase a creación de dous mil postos de traballo na zona, que finalmente foron recortados a uns 200.
Nese tempo, con partidos políticos aínda ilegais, a acción informativa de agrupacións culturais como Sementeira, creada en Viveiro en 1972, foi fundamental no progresivo proceso de concienciación da poboación, o mesmo que a realizada polo Club Cultural Valle Inclán de Lugo. Tamén o foi a acticidade de difusión realizada por expertos en enerxía nuclear como o enxeñeiro de Telecomunicacións Pedro Costa Morata, que xa en 1974 participou nunha mesa redonda na Facultade de Económicas da USC. Ou informacións e detalles que pouco a pouco se ían coñecendo sobre o proxecto, como o feito de de que a refrixeración da central se ía facer na propia auga da ría, o que espertou os temores sobre os efectos prexudiciais que esta podía ter para a pesca.
Outra figura particularmente importante -probablemente a que máis- no proceso de mobilización da cidadanía en contra da instalación da central nulear foi Pencha Santasmarinas, que nese momento traballaba como axente de economía doméstica na oficina de Extensión Agraria de Viveiro
Outra figura particularmente importante -probablemente a que máis- no proceso de mobilización da cidadanía en contra da instalación da central nulear foi a compostelá Pencha Santasmarinas, técnica de extensión agraria e mestra de formación, que nese momento traballaba como axente de economía doméstica na oficina de Extensión Agraria de Viveiro. Con pouco máis de trinta anos liderou a concienciación e a mobilización de toda unha comarca ante o perigo nuclear, realizada en boa medida a través dos Comités de Axuda á Loita Labrega e das Comisións Labregas, xerme do Sindicato Labrego Galego, legalizado na primavera de 1977.
Un momento trascendental na loita contra a central nuclear de Xove foi o debate aberto organizado na antiga sala de festas de Verxeles, en Viveiro. Alí participaron representantes de Fenosa, impulsora da central nuclear, e activistas contrarios á mesma, así como expertos en diferentes materias, que alertaron sobre os efectos prexudiciais da central. O debate, ao que asistiron preto de dúas mil persoas, foi toda unha vitoria para o movemento de oposición á central.
Outro elemento que contribuíu a alimentar o rexeitamento foi a descuberta dunha falla xeolóxica no terreo no que se proxectaba construír a central e que incrementaba o risco sísmico no lugar, especialmente perigoso para unha instalación nuclear.
O 10 de abril de 1977 máis de cinco mil persoas (oito mil segundo a organización) participaron na marcha, con faixas con lemas como "Galicia é nosa e non de Fenosa" ou "Xove Nuclear Non"
Con todo este crecente ambiente contrario, nos primeiros meses do ano 1977 as Comisións Labregas convocan unha mobilización contra a central de Xove. A manifestación non foi autorizada polo Gobernador Civil, así que os convocantes decidiron organizar unha marcha que percorrería os 11 quilómetros que separaban Viveiro de Regodela. Así se fixo: o 10 de abril de 1977 máis de cinco mil persoas (oito mil segundo a organización) participaron na marcha, en moitos casos despois de pasar a noite (como puideron) en Viveiro, en previsión de que o mesmo 10 de abril as estradas de acceso estivesen cortadas ou inzadas de controis policiais.
A mobilización máis importante correspondeu á AN-PG, que congregou a militantes chegados dende toda Galicia, maioritariamente novos, con faixas con lemas como "Galicia é nosa e non de Fenosa" ou "Xove Nuclear Non", o mesmo texto que se podía ler no icónico cartel deseñado por Pepe Barro. A marcha de Xove en abril, precedida da loita das Encrobas en febreiro, foi seguida en maio da gran manifestación en Carballo en favor da recuperación das marismas de Baldaio para o dominio público. Tres mobilizacións que contribuíron a incrementar a masa social do nacionalismo e nas que se unían reivindicacións ecoloxistas e polo territorio coa demanda de democratización.
A mobilización en Xove foi un innegable éxito, pero a liorta política marcou o remate da marcha, con enfrontamentos verbais entre militantes nacionalistas (particularmente da UPG) e do PCG
A mobilización en Xove foi un innegable éxito, pero a liorta política marcou o remate da marcha, con enfrontamentos verbais entre militantes nacionalistas (particularmente da UPG) e do PCG, despois de que non se lles permitise a estes últimos tomar a palabra. Dende o nacionalismo acusábase aos dirixentes do Partido Comunista de buscar notoriedade nunha mobilización que nos anos anteriores fora liderada pola AN-PG e as Comisións Labregas. Parte do conflito partía do feito de que o día anterior -o 9 de abril de 1977- anunciárase a legalización do PCE, mentres que outras moitas formacións, comezando pola UPG, permanecían na ilegalidade.
Ao remate da marcha tomaron a palabra varios representantes das Comisións Labregas, como Emilio López Pérez (Milucho), ademais de representantes das Comisións Labregas das Encrobas, que acudiran en solidariedade, ou o propio Moncho Valcárcel, que destacou que "vimos loitar contra o imperialismo e non queremos seguir sendo colonia de naide". Outro labrego destacou na súa intervención que “isto é unha mostra de que os labregos galegos sabemos que unirnos contra os caciques, contra os que nos explotan, é imprescindible pra a nosa victoria”.
“Isto é unha mostra de que os labregos galegos sabemos que unirnos contra os caciques, contra os que nos explotan, é imprescindible pra a nosa victoria”, destacaba un integrante das Comisións Labregas ao remate da marcha de abril de 1977
A revista Teima, que dedicara o seu número 3 ás mobilizacións contra a central nuclear de Xove, incluíu no seu número 19 un editorial escrito por Xavier Navaza que baixo o título de Os novos mesías amosábase moi crítico co "arribismo electoralista" pero sobre todo coa "intemperancia e intrasixencia" da UPG. O texto reclamaba unidade da esquerda "sen mesianismos, sen salvadores predestinados, sen boicots". O editorial foi moi mal recibido na UPG.
Dous anos despois, o 20 de maio de 1979, a AN-PG organizou outra marcha igualmente multitudinaria contra a central, na que se xuntaron preto de 10.000 persoas, que percorreron os dez quilómetros que separan Viveiro da praia de Esteiro en Xove nunha ringleira duns dous quilómetros de longo. Ao remate da marcha interviron representantes da UPG (Bautista Álvarez), AN-PG (Lois Diéguez), Comisións Labregas (Bernardo Fernández Requeijo), ING (Francisco García), ERGA (un novísimo Néstor Rego, aínda estudante de barcharelato en Viveiro), ADEGA (o biólogo Xosé Luís Fontenla) ou do comité antinuclear galego.
Dous anos despois, o 20 de maio de 1979, a AN-PG organizou outra marcha igualmente multitudinaria contra a central, na que se xuntaron preto de 10.000 persoas, que percorreron os dez quilómetros que separan Viveiro da praia de Esteiro en Xove nunha ringleira duns dous quilómetros de longo
A oposición social uniuse á do propio Concello de Xove, especialmente despois das primeiras eleccións municipais, celebradas o 3 de abril de 1979. Neses comicios foi elixido Jesús López González, que se presentou nunha lista independente e que en realidade xa viña exercendo como alcalde dende o ano 1975, nomeado pola ditadura. López González, nada sospeitoso de ser un esquerdista -entre 1983 e 2007 gobernou baixo as siglas de Alianza Popular e o Partido Popular- denegoulle a Fenosa a licenza de obra en 1979, atendendo ao rexeitamento social maioritario á central nuclear e ás dúbidas que espertaba esta enerxía entre a poboación.
Pouco a pouco o proxecto da central nuclear foi perdendo o seu impulso debido á constante presión social na súa contra e á crecente concienciación da poboación en contra desta enerxía, incrementada despois do accidente na central de Three Mile Island en Pensilvania (Estados Unidos), o 28 de marzo de 1979, momento en que un dos seus reactores sufriu unha fusión parcial do seu núcleo, poñendo en risco de morte á poboación que vivía na contorna.
O PSOE chegou ao poder en 1982 levando no seu programa electoral a promesa da limitación da enerxía nuclear. Así o fixo, cunha moratoria nuclear en 1984 que paralizou a construción de novas centrais
O PSOE chegou ao poder en 1982 levando no seu programa electoral a promesa da limitación da enerxía nuclear. Así o fixo, cunha moratoria nuclear en 1984 que paralizou a construción de novas centrais -a cambio dunha importante compensación económica ás eléctricas- e que se completou cunha lei posterior en 1994 que fixo definitiva a moratoria. A de Xove, que aínda estaba en proxecto, foi un dos proxectos que nunca se converteron en realidade. Foi finalmente unha decisión política, pero previamente a mobilización popular conseguira durante anos adiar e paralizar a central.