Xunta e PP sinalan por non entregar listas de vacinación a varios concellos que xa cumpriran cos trámites

Vacinación nun centro de saúde CC-BY-SA peigov

A Xunta de Galicia informou este pasado mércores que procedeu xa á administración da vacina contra a COVID a perto de 1.700 persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) como parte da campaña na que este colectivo está incluído nun dos grupos prioritarios da estratexia marcada polo Goberno central. 

A Xunta sinalou 43 concellos por non teren enviado a listaxe do persoal dos SAF para vacinar pero incluíu varios municipios que xa o fixeran

Na súa nota, a Xunta especificou que xa solicitara o pasado 22 de xaneiro á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que trasladase aos concellos a necesidade de remitir a información do persoal dos seus SAF para que fosen vacinados. A Consellería de Sanidade, segundo o Executivo autonómico, recibiu nos últimos días as listaxes solicitadas ata sumar as de 240 concellos, ás que habería que sumar as doutros 30 que a Fegamp indicou que enviaría este xoves. 

Unha coidadora, cunha muller anciá CC-BY-SA Xunta

A Xunta aproveitou a información para sinalar os 43 concellos que, segundo dixo, aínda non remitiran á Consellería as listas "nin directamente nin a través da Fegamp". E insistiu en "pedir de novo a colaboración dos que aínda faltan para poder acadar o antes posible a vacinación de todo este persoal". Segundo a federación municipal, a Administración autonómica mesmo contactou con algúns municipios que xa trasladaran os seus listados e incluíu na lista pendente tamén varios que xa cumpriran cos trámites, provocando o "malestar" de moitos gobernos locais. 

A Fegamp denuncia que a Xunta publicou unha "relación errónea" e que os seus "erros informativos" provocaron "confusión e tensións" nos concellos

Na lista, con maioría de concellos non gobernados polo PP, incluíronse municipios que xa cumpriran co requirido e este xoves a Xunta rectificou para actualizar a relación de concellos pendentes, que pasaron a ser 19. 

A Fegamp amosou o seu enfado ao "descoñecer o motivo polo que o Sergas contactou algúns concellos para requirir os datos xa trasladados" e advertiu á Xunta por "publicar unha relación errónea de concellos pendentes de enviar os seus listados que xerou confusión e malestar tanto nas administracións locais como nos traballadores e traballadoras do SAF". "Sanidade duplicou a petición de datos con chamadas telefónicas selectivas", dixo a Federación.

Ante esta situación. a Fegamp pediu ao Goberno galego "que mellore a súa xestión dos rexistros de persoal do SAF aspirante a vacinarse fronte ao coronavirus para evitar confusións e tensións que se producen nos concellos" por mor dos "erros informativos" da Adeministración autonómica. 

O PP criticou en varios plenos municipais o incumprimento dos trámites por parte de gobernos locais que xa enviaran as listas solicitadas

Ademais, lembra que "artellou o mecanismo e a cobertura legal para a recollida de datos, incluíndo no procedemento a supervisión do alcalde ou alcaldesa como filtro para evitar que se vacinen persoas ás que non lles corresponde nesta fase da campaña de inmunización" a partir do 27 de xaneiro, data na que a Xunta solicitou a súa colaboración. 

Segundo a Fegamp, a primeira listaxe, cuns 3.000 traballadores e traballadoras dos SAF, enviouse "en dez días dende a solicitude de colaboración, con actualizacións posteriores á medida en que se dispuña dos datos". Ademais, recorda que a Consellería de Sanidade "non puxo data límite para reportar as listas" e que a maioría do persoal referido "aínda non está vacinado". 

Feijóo e o presidente da Fegamp, Alberto Varela CC-BY-SA Xunta

O malestar foi evidente en varios concellos, sobre todo cando os grupos do PP nalgúns plenos municipais aproveitaron durante os últimos días datos facilitados pola Xunta para criticar gobernos locais que si cumpriran cos trámites. Ocorreu, por exemplo, en Ribadeo.

"Pedimos algo máis de rigor e sobre todo seriedade cando falamos dun tema tan serio coma este”, queixouse o goberno local de Burela ante as críticas do PP 

Na vila mariñá, a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, rexeitou as críticas do grupo popular e asegurou que toda a documentación esixida foi remitida polo Concello á Fegamp e que a Federación enviouno en tempo e forma á Consellería de Sanidade. 

"Tanto os datos do persoal propio municipal como os da empresa que nos presta o SAF foron enviados en forma e prazo á Fegamp, seguindo as instrucións que nos fixeron chegar; e podemos confirmar que a Fegamp trasladou estes datos á autoridade sanitaria", aclarou Freire, que asegurou que os profesionais serán vaciados a partir da vindeira semana.  

"Pedimos algo máis de rigor e sobre todo seriedade cando falamos dun tema tan serio coma este”, advertiu Freire sobre as críticas do PP, que chegaron tamén noutro concello mariñán, en Burela. 

Alí, o pasado luns, o PP asegurou que o municipio "non figuraba" na listaxe de municipios que facilitaran os nomes dos profesionais para seren vacinados. Pero, segundo o Concello, foi remitida o día 9 á Fegamp, que a trasladou o día 11 á Xunta cando o prazo para rematar os trámites finalizaba o 16. 

“O peor da política son aqueles que enlaman unha ferramenta tan eficaz e fan que os veciños perdan confianza nela”, di a edil de Servizos Sociais de Burela

A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Carmela López, advertiu de que “o peor da política son aqueles que enlaman unha ferramenta tan eficaz e conseguen que os veciños perdan confianza nela”.

Na listaxe pendente a Xunta inclúe a Allariz, Amoeiro, Cabanas, O Carballiño, Castro Caldelas, A Coruña, Malpica de Bergantiños, Meira, Moaña, Monfero, Negueira de Muñiz, Negreira, O Porriño, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, O Rosal, Vila de Cruces, e Xunqueira de Espadanedo.

No entanto, e dado que o envío dos datos por parte da Fegamp é progresivo, é probable que haxa algún concello que xa remitise os datos requiridos, como O Rosal, que este xoves informou de que xa enviara a listaxe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.