A análise de mil mostras de pacientes galegos da Covid-19 servirá para coñecer máis a enfermidade e a súa evolución

A Real Academia Galega de Ciencias recoñeceu o traballo de 20 grupos de investigación das tres Universidades Galegas na crise da covid-19 © Santi Alvite - USC

O proxecto Epicovigal, liderado polo catedrático da Universidade de Vigo David Posada, vai tentar entender a evolución e circulación do SARS-CoV-2 en Galicia a través da análise xenómica de 1000 mostras de pacientes infectados. Na iniciativa participarán equipos de investigación das universidades, dos institutos de investigación sanitaria e dos hospitais de referencia de Galicia.

A partir das mostras do virus facilitadas polos hospitais galegos, Epicovigal secuenciará o seu material xenético, o ARN, para así obter o seu xenoma completo. A partir desa secuenciación realizaranse unha serie de análises informáticas, matemáticas e evolutivas que permitirán identificar que variantes do virus hai en Galicia e tentar estimar parámetros epidemiolóxicos, como a taxa de contaxio, as migracións do virus ou as orixes.

Os resultados “permitirán entender mellor a circulación do SARS-CoV-2 en tempo e espazo en Galicia”

Os resultados da proposta, explican os seus promotores, “permitirán entender mellor a circulación do SARS-CoV-2 en tempo e espazo en Galicia”. Así, detallan, grazas a unha mostraxe intensiva (1000 xenomas), coa análise filodinámica poderase estimar con maior fiabilidade o número mínimo de introducións que ocorreron, os patróns de transmisión e se as cadeas de infección transmitidas localmente teñen sido limitadas en tamaño e duración. “Isto permitirá, por exemplo, saber se a detección e as intervencións implementadas nas áreas de estudo foron efectivas para interromper a transmisión do virus”, apunta o coordinador da iniciativa. 

Mapa e árbore filoxenética © Universidade de Vigo

Segundo explican os promotores da iniciativa, “a vixilancia xeneralizada para a transmisión comunitaria do SARS-CoV-2 é unha necesidade crítica, mesmo despois de que a pandemia actual se teña controlado”. O amplo espectro de gravidade da enfermidade, engaden, “dificulta a vixilancia tradicional, de maneira que a epidemioloxía xenómica pode proporcionar información procesable e complementaria para informar a toma de decisións en saúde pública, en particular de maneira asimétrica en distintas áreas sanitarias”. 

“A vixilancia xeneralizada para a transmisión comunitaria do SARS-CoV-2 é unha necesidade crítica, mesmo despois de que a pandemia actual se teña controlado"

O proxecto, baixo o título de título Epicovigal: epidemioloxía xenómica e monitorización en tempo real do SARS-CoV-2 en Galicia, acadou recentemente 170.000 euros de financiamento do Fondo Supera Covid-19. Epicovigal contará coa participación de, ademais do Grupo de Filoxenómica do CINBIO-Universidade de Vigo que dirixe Posada, do Grupo de Xenomas e Enfermidade, da Universidade de Santiago de Compostela, e do Laboratorio de Bases de Datos, da Universidade da Coruña. Tamén participarán os servizos de Microbioloxía dos sete centros hospitalarios de referencia do Servizo Galego de Saúde, os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Recoñecemento á ciencia galega

A Real Academia Galega de Ciencias premiou o traballo de 20 grupos de investigación das tres universidades galegas na crise da Covid-19

A Real Academia Galega de Ciencias premiou o traballo de 20 grupos de investigación das tres universidades galegas na crise da Covid-19, seleccionados entre as máis de 150 propostas de investigación levadas a cabo nos últimos meses polos grupos e investigadores e investigadoras das tres institucións. O acto, celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, na USC, contou coa participación dos reitores de Santiago e A Coruña, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e a vicerreitora de Investigación de Vigo.

Os proxectos encadráronse en seis diferentes áreas. Á primeira, na que se procura unha detección precoz da infección mediante a análise das augas residuais, corresponden os proxectos liderados por Margarita Poza, Claudio Cameselle, Jesús Lopez Romalde e Juan M. Lema. Mediante a modelización matemática, nos proxectos de Iván Area, Jorge Mira, Ángel Miramontes e Ricardo Cao preténdese determinar o impacto futuro da infección baixo diferentes supostos e analizar a súa distribución xeográfica. 

Mª Belén Rubio, Julio Abalde, Antonio López, Carmen Pomar e Juan M. Lema © Santi Alvite - USC

Na terceira área, orientada a novas vacinas, presentáronse os proxectos dirixidos por María José Alonso e por Javier Montenegro e José M. Martinez Costas. O traballo de Ángel Carracedo, encadrado na área de Biomedicina pretende encontrar determinantes xenéticos de risco e biomarcadores xenómicos de resposta, mentres que o de David Posada avalía a modificación xenética do virus ao longo do tempo. Por outra banda, Federico Mallo realiza un ensaio clínico para o tratamento da pneumonía provocada polo virus.

Nos últimos meses os grupos das tres universidades galegas levaron a cabo máis de 150 propostas de investigación

O traballo de Jorge Pérez Juste propón metodoloxías innovadoras para novos procedementos de detección e os de Jacobo Porteiro e Marcos Ortega desenvolven sistemas baseados en intelixencia artificial para axilizar as análises, clasificar mellor os pacientes, estimando a súa gravidade e predicindo a súa evolución. Finalmente, no bloque destinado á desactivación do virus, Juan M. Garrido explicou o desenvolvemento do procedemento e a produción de 20.000 botellas de hidroxel para o Sergas, Fermín Navarrina, sobre a destrución da cápside do virus mediante resonancia e Higinio González presentou un sistema de desinfección mediante dispersión de líquidos e sistemas aéreos non tripulados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.