A ciencia en Galicia, coa metade do investimento medio na UE e dependente do sistema universitario

Investimento en I+D sobre o PIB © Fundación Barrié

A Fundación Barrié presentou La Ciencia en Galicia, un completo informe sobre o sistema científico galego, unha foto fixa que segundo os seus responsables "quere ir máis aló" e servir "para a acción" e que terá continuidade en futuros informes e think tanks. A Fundación Barrié sostén que "a ciencia, xunto coa súa posta en valor a través da innovación, é dende sempre o principal motor para o desenvolvemento económico e social.

O informe sostén que aínda que Galicia experimentou unha notable evolución no seu esforzo de investimento en I+D durante o período 2000-2010, xa que os recursos económicos destinados a esta actividade se multiplicaron por 2,5 até superar os 531 millóns de euros correntes no último exercicio, hai que ter en conta que este resultado final para Galicia se sostén no elevado ritmo de crecemento durante o intervalo 2000-2008 (cunha taxa do 13,7%), tendencia que non se mantivo nos dous anos seguintes.

Galicia fica moi lonxe das medias española e europea, ficando a case medio punto do investimento español en ciencia (1,39%) e por debaixo da metade do rexistrado na UE (2%)

Galicia pasou dun esforzo do 0,64% sobre o PIB no ano 2000 ao 0,96% no 2010. En 2007 e 2008 chegou mesmo a superar o simbólico 1%, con picos do 1,03% e 1,04%, respectivamente. Aínda así, Galicia fica moi lonxe das medias española e europea, ficando a case medio punto do investimento español en ciencia (1,39%) e por debaixo da metade do rexistrado na UE (2%). Por comunidades, en termos relativos, Galicia ocupa o posto duodécimo, superando unicamente ás comunidades de Murcia, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias e Baleares. Galicia inviste en termos absolutos menos que Navarra, cunha poboación moi inferior.

A Xunta asume como obxectivo xeral "a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España, que en ningún caso debe ser inferior ao 2% do PIB". A tendencia é a contraria

Cómpre indicar, por exemplo, que o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 "asume como obxectivo xeral a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España, que en ningún caso debe ser inferior ao 2% do PIB no ano 2015, cifra que nos porá na senda de acadar o obxectivo fixado pola UE para o ano 2020 do 3% do PIB". A tendencia, cando menos nos últimos dous anos é exactamente a contraria. 

O informe revela un crecemento importante no sector do I+D en Galicia na última década, tanto en investimento coma en contratación de persoal e produción científica. Porén, tamén indica que se viñan en case todos os ámbitos de cifras moi baixas e moi alonxadas das medias española e europea, das que Galicia aínda segue moi afastada. O informe deixa ver, ademais, os primeiros efectos dos recortes de fondos para investigación e e universidades, que teñen como consecuencia un parón neste crecemento, e a non consolidación dun sector que comezaba a amosar signos de fortaleza e que se pon en perigo.

A ciencia en Galicia depende fundamentalmente do sistema universitario, que executou o 43% dos recursos destinados a esta actividade durante o decenio

A ciencia en Galicia depende fundamentalmente do sistema universitario, que executou o 43% dos recursos destinados a esta actividade durante o decenio. A participación media do sector empresarial e das entidades sen ánimo de lucro situouse un punto por baixo (42%). O 15% restante correspondeu ás  administracións públicas. Este esquema é moi diferente do que sucede no Estado ou nos 27 países da Unión, onde o gasto foi liderado polas empresas e fundacións, cun 54% e un 64% do total, respectivamente. Os anunciados recortes nos fondos para as universidades poderían ter un efecto moito máis importante no sistema científico galego ca no doutros territorios, polo tanto.

 

Case 11 mil persoas

En total, 10.809 persoas traballan no ámbito da I+D en Galicia, case o dobre das que traballaban a a comezos da década

En total, 10.809 persoas traballan no ámbito da I+D en Galicia, case o dobre das que traballaban a a comezos da década. A taxa de crecemento é mesmo superior á rexistrada no conxunto do Estado (un 84%) na década, até acadar un total de 222.022 persoas dedicadas á investigación a tempo completo, e á rexistrada no conxunto da Unión, onde 2.5 millóns de persoas se dedican á I+D. Máis da metade destes traballadores están contratados nas institucións universitarias. Este forte crecemento na contratación é un bo indicador de que ao longo da década tivo lugar en Galicia o crecemento e consolidación do sistema científico e investigador, moi precario hai dez anos.

De feito, o sector do I+D pasou de ocupar o 0,56% dos galegos a dar traballo ao 0,98%. Estes datos aínda non reflicten os efectos dos recortes de fondos e a limitación das contratacións que se comezaron a aplicar o pasado ano, e que poderían mudar esta tendencia a fortalecer o sector en Galicia e a crear unha activa comunidade investigadora.

 

Máis doutores e produción científica

As tres universidades galegas expediron un total de 3.771 títulos de doutor no período 2000-2010, cifra que representa o 5,1% sobre o total estatal. Así mesmo, durante o período 2005-2010, os investigadores galegos publicaron 18.578 documentos en revistas indexadas pola plataforma ISI Web of Knowledge (o 6,6% do total estatal). Isto representa un crecemento do 53,7%, por riba do crecemento experimentado no conxunto do Estado no mesmo período (49,7%).

Galicia sitúase na quinta posición do ranking estatal en canto ao total de publicacións científicas entre 2005 e 2010

Comparada con outras comunidades autónomas, Galicia sitúase na quinta posición do ranking estatal en canto ao total de publicacións entre 2005 e 2010. Neste ámbito Galicia supera en máis dun terzo o número de publicacións de Castela e León e en case un 50% as rexistradas no País Vasco, aínda cando ambas as autonomías investiron máis en I+D. O impacto da produción científica, valorado a partir das citas recibidas a setembro de 2011 polos documentos publicados desde Galicia entre 2005 e 2010, cuantifícase en 117.967 referencias.

A Universidade de Santiago é a principal produtora de publicacións científicas, co 38,6% das publicacións galegas, seguida da Universidade de Vigo, co 23%. A Universidade dá Coruña cun 10,8%, ocupa o cuarto posto, é superada polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, co 11,7%. En total, o Sistema Sanitario Galego produciu o 28% do total das publicacións. Outros centros de investigación destacados son o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, os centros da Coruña e Vigo do Instituto Español de Oceanografía, as Unidades Asociadas da Axencia Estatal CSIC coa USC e a UVIGO, así como a Misión Biolóxica de Galicia (MBG). As disciplinas científicas nas que Galicia é lider en produción de textos no conxunto español son Pesca, Oceanografía, Reumatoloxía e Bioloxía Mariña. Porén, as máis citadas por outros investigadores internacionais refírense a Ciencias Espaciais, Bioloxía Molecular ou Xenética.

O número de empresas creadas a partir dos grupos de investigación universitarios (spin-off) foi de 46 entre 2005 e 2010

O número de empresas creadas a partir dos grupos de investigación universitarios (spin-off) foi de 46 entre 2005 e 2010, o que representa o 6,6% do total estatal. Porén, advírtese unha forte diminución dende os anos 2006 e 2007, con 10 e 12 empresas creadas, até o 2010 no que só se crearon 4. Finalmente, o número de patentes con efectos en España solicitadas desde Galicia entre os anos 2005 e 2010 ascendeu a 947, o que representa unha porcentaxe media do 4,7% sobre o total do Estado.

Investimento en I+D sobre o PIB © Fundación Barrié

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.