A ONU resume en 14 titulares para políticos (ou ‘dummies’) 4.000 páxinas sobre cambio climático: “require limitar as emisións de CO2”

Os incendios forestais están a evolucionar en Galicia como consecuencia do cambio climático © UME

O último informe do grupo de expertos di que unha actuación “substancial e sostida” permitiría limitar o cambio climático pero “poderían pasar entre 20 e 30 anos ata que as temperaturas mundiais se estabilizasen”

A ONU, a través do seu Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC nas súas siglas en inglés), vén de presentar esta semana un novo informe sobre a evolución do problema global con máis de 4.000 páxinas [aquí o PDF] baseadas en todo tipo de datos recollidos e analizados por centos de científicos de todo o mundo. E o propio grupo de expertos, sen agardar a que o fagan os xornalistas, resume o seu traballo e extrae del “14 titulares para responsables de políticas, “policymakers” no orixinal en inglés. 14 titulares para políticos e mesmo para dummies que aínda non saiban de que vai o cambio climático e os eventos extremos como incendios, inundacións ou secas cada vez máis frecuentes ou virulentos que provoca o aumento da temperatura global.

Mapas interactivos do aumento da temperatura media ou a variación nas precipitacións previstas polo cambio climático CC-BY-SA IPCC

As táboas de datos, os mapas interactivos [aquí] e as fórmulas elaboradas polos expertos teñen, entre outros obxectivos, o de “brindar aos gobernos, a todos os niveis, información científica que poden utilizar para elaborar as súas políticas climáticas” e “constitúen unha contribución fundamental nas negociacións internacionais dirixidas a afrontar o cambio climático”. Conclúen que só unha actuación “substancial e sostida” permitiría limitar o cambio climático, pero aínda “poderían pasar entre 20 e 30 anos ata que as temperaturas mundiais se estabilizasen”. Para iso, elaboran diversas proxeccións do que pasaría con quecementos globais de 1,5ºC, 2ºC ou 3ºC, mellorando os seus propios niveis de fiabilidade a respecto de informes anteriores. E por se aos responsables das políticas non lles queda claro, intentan resumirlles o fundamental do seu traballo nestes 14 titulares divididos en catro bloques:

O estado actual do clima

  • É inequívoco que a influencia humana quentou a atmosfera, o océano e a terra. Producíronse cambios rápidos e xeneralizados na atmosfera, océano, criosfera e biosfera.
  • A escala dos cambios recentes no sistema climático no seu conxunto e o estado actual de moitos aspectos do sistema climático non teñen precedentes en centos ou milleiros de anos.
  • O cambio climático inducido polo ser humano xa está a afectar a moitos feitos extremos climáticos e meteorolóxicos en todas as rexións do planeta. A evidencia de cambios observados en extremos como vagas de calor, fortes precipitacións, secas e ciclóns tropicais e, en particular, a súa atribución á influencia humana, reforzouse desde o Quinto Informe de Avaliación (AR5) [anterior informe do grupo de expertos rematado en 2014].
  • O mellor coñecemento dos procesos climáticos, a evidencia do paleoclima e a resposta do sistema climático ao aumento das radiacións orixinadas pola humanidade ofrece unha mellor estimación que o informe de 2014 sobre a sensibilidade climática no caso dun aumento da temperatura de 3 graos.
Titulares sobre o cambio climático elaborados pola ONU para responsables de políticas CC-BY-SA IPCC

Posibles futuros climáticos

  • A temperatura global da superficie continuará aumentando ata polo menos mediados de século baixo todos os escenarios de emisión considerados. O quecemento global de 1,5°C e 2°C superarase durante o século XXI a menos que se produzan reducións profundas de dióxido de carbono (CO2) e outras emisións de gases de efecto invernadoiro nas próximas décadas.
  • Moitos cambios no sistema climático fanse maiores en relación directa co aumento do quecemento global. Inclúen aumentos na frecuencia e intensidade de eventos extremos quentes, vagas de calor mariñas e precipitacións fortes, secas agrícolas e ecolóxicas nalgunhas rexións e proporción de intensos ciclóns tropicais, así como reducións do xeo mariño do Ártico, da capa de neve e do permafrost.
  • Prevese un continuo quecemento global que intensifique aínda máis o ciclo global da auga, incluíndo a súa variabilidade, a precipitación global do monzón e a gravidade dos eventos húmidos e secos.
  • En escenarios con crecentes emisións de CO2, proxéctase que os sumidoiros de carbono oceánicos e terrestres serán menos eficaces para frear a acumulación de CO2 na atmosfera.
  • Moitos cambios debidos ás emisións pasadas e futuras de gases de efecto invernadoiro son irreversibles de séculos a milenios, especialmente os cambios no océano, nas capas de xeo e no nivel global do mar.

Información climática para a avaliación de riscos e a adaptación rexional

"Os resultados de baixa probabilidade, como o colapso da capa de xeo, os cambios bruscos na circulación oceánica, algúns eventos extremos compostos e o quecemento substancialmente superior [...] non se poden descartar", di o informe

  • Os factores naturais e a variabilidade interna modularán os cambios causados polo ser humano, especialmente a escala rexional e a curto prazo, con escaso efecto sobre o quentamento global no século. Estas modulacións son importantes e a ter en conta na planificación de toda a gama de posibles cambios.
  • Con máis quecemento global, prevese que cada rexión experimentará cada vez máis cambios simultáneos e múltiples nos factores de impacto climático. Os cambios en varios factores do impacto climático estarían máis estendidos nun quecemento de 2°C en comparación co quecemento global de 1,5°C e aínda máis estendidos e/ou pronunciados para niveis de quecemento máis altos.
  • Os resultados de baixa probabilidade, como o colapso da capa de xeo, os cambios bruscos na circulación oceánica, algúns eventos extremos compostos e o quecemento substancialmente superior ao intervalo moi probable de quecemento futuro non se poden descartar e forman parte da avaliación do risco.

Limitar o cambio climático futuro

  • Desde a perspectiva das ciencias físicas, limitar o quecemento global inducido polo ser humano a un nivel específico require limitar as emisións acumuladas de CO2, alcanzando polo menos nulas emisións de CO2, xunto con fortes reducións doutras emisións de gases de efecto invernadoiro. Reducións fortes, rápidas e sostidas nas emisións de CH4 [metano] tamén limitarían o efecto de quecemento da contaminación por aerosois e mellorarían a calidade do aire.
  • Escenarios con emisións baixas ou moi baixas de gases de efecto invernadoiro (GEI) conducen aos poucos anos a efectos perceptibles sobre as concentracións de gases de efecto invernadoiro e aerosois, e a calidade do aire, en relación aos escenarios de emisións altas e moi altas de GEI. Baixo estes escenarios confrontados, as diferenzas perceptibles nas tendencias da temperatura superficial global comezarán a xurdir da variabilidade natural dentro de 20 anos e durante períodos de tempo máis longos para moitos outros factores de impacto climático [conclusión que os expertos valoran como de alta confianza].

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.