Alén da pugna política, se en algo coinciden os gobernos galego e central no que atinxe á crise do coronavirus é na crecente dificultade para acceder nos mercados internacionais aos produtos sanitarios precisos na loita contra a pandemia. Neste contexto, maximizar as posibilidades de producir estes subministros cobra especial importancia, de aí a aposta por reconverter industrias de diversos sectores mentres dure a crise para forneceren o sistema sanitario.
Instalacións da Escola de Enxeñaría de Santiago producen xa 18.000 envases do produto encargado polo Sergas
Nesta lóxica encádrase tamén o encargo que xa ten en marcha a Universidade de Santiago, poñendo instalacións e persoal de áreas de Enxeñaría e Farmacia "ao servizo da sociedade" por mor da covid-19. Concretamente, explican dende a institución académica, xa está en marcha a fabricación de "9.000 litros de xel desinfectante" elaborado con "etanol ou alcohol isopropílico" e que terá como destino "os centros sanitarios que o precisen en 18.000 envases de medio litro", concretan dende a reitoría da USC.
O encargo vén do Sergas e "é posible grazas á transformación e adaptación da planta piloto da que dispón o departamento de Enxeñaría Química na Escola Técnica Superior de Enxeñaría", en Compostela. Persoal docente e investigador e de administración e servizos dese centro e mais da Facultade de Farmacia compuxo xa un "primeiro grupo de traballo ao que se unirá máis persoal doutras disciplinas" para, mediante quendas "continuadas", axilizar todo o posible a elaboración do produto e a súa posterior distribución.

Segundo Antonio López, reitor da USC, este labor é unha liña máis dentro da aposta pola "máxima colaboración coa Xunta e as autoridades sanitarias dende o comezo do estado de alarma", máis alá de adaptar a súa actividade académica mediante a implantación xeralizada da actividade a través de internet. Trátase, subliña, de "prestar toda a axuda posible á sociedade".
A USC entregou tamén ao sistema sanitario materiais de protección dos seus laboratorios como luvas e máscaras e pon "á disposición" de Sanidade instalacións das súas residencias públicas
Nesa posta á disposición dos medios da USC na loita contra a pandemia está tamén a "achega de diverso material de protección e desinfección" que a universidade utiliza nos seus laboratorios e servizos de maneira ordinaria tanto en Lugo como en Santiago. Así, detallan, a universidade tamén proporciona ao Sergas "milleiros de luvas de nitrilo, máscaras de protección, batas, placas e diverso material de bioloxía molecular". Estes medios axudan á realización de probas e "poden axudar a paliar as carencias xa advertidas" entre o persoal sanitario.
Tamén coa intención de axudar o persoal do Servizo Galego de Saúde, a USC "reorganiza e redistribúe as persoas usuarias" da súa rede pública de residencias. Así, o "estudantado que permanece facendo uso deste servizo" foi recolocado en cuartos individuais da residencia compostelá do Burgo das Nacións e "ultima a preparación de instalacións para poñelas á disposición do Sergas" para que, "chegado o caso", poida usalas con "fins sanitarios ou hospitalarios".